20160329

AS DESFEITAS DE RIBADEO E CONTORNOS, artigo de Pancho Campos Dorado

Cunha semana de retraso sobre o seu envío, deixo a continuación un artigo de Pancho Campos sobre temas que inclúen algún que está candente estes días:
“Desfeita” é un termo que se emprega como equivalente a: destrución, desastre, derrota, confusión. Nalgúns lugares quedou o termo como designación toponímica ligada a testemuñas de feitos aciagos que alí aconteceron, como por exemplo o Rego da Desfeita, no concello de Trabada.
Pois ben. En Ribadeo, imos ter que empezar a enumerar as riquezas patrimoniais por “As Desfeitas”. Vemos na prensa, casi tódalas semanas, que se destrúen espazos patrimoniais sen que se tome ningunha medida administrativa, xudicial ou penal, contra dos depredadores, nin por parte da Xunta, nin de Costas, nin do Concello, nin de ninguén con competencia para facelo. 
Exemplos: 
1) A Ría de Ribadeo. Estase destruíndo día a día coa colmatación de area que a está deixando completamente cegada, e noutros vinte anos poderase ir andando por toda ela en marea chea. Quizais daquela, a alguén se lle ocurra prantar palmeiras no medio dos tesóns e facer o seu carón o “Hotel Chabola” ou o “Choupana”, “para sacarlle algún rendimento á desfeita”. 
Din que non hai cartos para dragar o canal, e moitos menos para facer fronte á destrutora obra civil que se vai concatenando ano tras ano, desde o primeira obra do paseo marítimo, cada vez máis ampliado coa escolleira e recheos varios das pequenas calas da ría. Outro importante impedimento ó vaciado das augas da ría son as zapatas mal plantexadas da Ponte dos Santos. 
2) ENCE e a XUNTA DE GALICIA. Como todo o mundo sabe, a Xunta de Galicia é o órgano administrativo de goberno que rixe os intereses peculiares dos cidadáns da Autonomía de Galiza. Pois ben. Vemos que a Xunta está derrotada ante a administración de ENCE, pois en vez de sacar rendemento dos recursos do Porto de Ribadeo, para dragar a ría e crear infraestruturas con futuro, pois non, abarata os custes de transbordo de carga e os dereitos de uso do peirao, como si eiquí xa foramos ricos dabondo e non precisáramos de nada. 
Por outra banda, ENCE son as siglas coas que se coñecía a Empresa Nacional de Celulosa Española, fundada no ano 1950 na dictadura de Franco polo INI (Instituto Nacional de Industria), adicada a transformación de madeira de eucalito en pasta de papel ou pasta de celulosa, nas fábricas de Pontevedra (Galiza) e na de Navia (Asturias). ENCE tivo carácter público, ata a súa salida á bolsa no ano 1990, onde primeiro privatizouse o 49% e no ano 2001 o 51%. Hoxe en día aquelas siglas pasaron a ser: ENCE Enerxía e Celulosa S.A. que, como seu nome indica, é unha empresa anónima da que ninguén coñece a súa verdadeira nacionalidade, nin posiblemente quenes son os accionistas. 
Según consta na Wikipedia, desde 2006 o seu presidente é D.Juan Luis Arregui e desde 2010 é vicepresidente D. Ignacio de Colmenares y Brunet. No ano 2010 ambalasdúas fábricas causaban un gran impacto ambiental, tanto polos “olores” como pola contaminación de augas debido o seu efluente líquido, que se vertía sin depurar na ría de Pontevedra e no río Navia. No ano 2013, en Navia inaugurouse unha planta depuradora do efluente líquido, e en 2015 anunciaron para a fábrica de Pontevedra o proxecto “Nuevo Ciclo del Agua” para utilizar somentes o 90% da consumida actualmente, pois pretenden reutilizar os efluentes líquidos depurados. Algo non debeu sair “ó gusto” pois, en Pontevedra, a alguén nomearon “persoa non grata”. 
Sinceramente espero que a ámbalas dúas fábricas lles vaia moi ben, non polos accionistas, senón por corporativismo cos traballadores que alí dan o callo. Non obstante, gustaríame resaltar que ditas empresas, en 2014 xeraron 1 500 000 millóns de kWh de enerxía eléctrica coa biomasa que sacaron dos montes galegos. Tiveron en 2015 uns ingresos de 313 millóns de euros, cun beneficio neto de 22,1 millóns de euros, que equivale a un 7% de ganancia, frente a un gasto de producción de 290,9 millóns de €, o que equivale ó 92,93 % de gasto do montón total. Ó meu ver, unha ganancia “moi pobre” para ese volumen de cartos, e que quizais deberían cambiar a tódolos directivos por falta de rendimento.(Datos da Wikipedia. Naturalmente, en esta fonte de información “financiera” pódese poñer calquera cousa, pois ninguén pode correxir a orixe dos datos)  *
A zona do ramal previsto de Feve en Navia, collida no maps de Google

A zona do ramal previsto de Feve en Navia, collida no Visor Sigpac (máis nova que no Google Maps)

Por outro lado, en cambio, a administración do Estado, gasta os cartos que fagan falta, non para mellorar o entorno da Ría de Ribadeo, senón para facer vías de tren para levar por vía estreita 520 000 Tm/ano de pasta de papel a Xixón. ¿Por qué non se constrúe a Ponte dos Difuntos ou dos Mortos dunha vez por todas? ¿aínda non se convenceron a Xunta, Portos de Galiza e a administración do Principado, que a Ponte dos Santos e as escolleiras son unha ruína ambiental totalmente en contra do noso ecosistema? A Ponte dos Difuntos, podería conter a vía do tren por unha tabla baixa e máis a autopista por unha tabla alta. Uniría Castropol e Ribadeo, sin destruir a ría e daría máis vida a toda a contorna, pois o porto de Ribadeo poderíase ampliar para barcos de máis calado e maior tráfico marítimo, que sempre foi o noso gran motor da economía. Mesmo se pode levar a cabo aquel vello proxecto de unir o Porto de Ribadeo con Vilafranca do Bierzo, ou aínda con Lugo pola Pontenova ou por Mondoñedo. A Ponte dos Santos é un verdadeiro atranco na ría, xa o decían aquelles vellos mariñeiros que razoaban un montón: “A Ría de Ribadeo non é o Duero, aquí hai marea cada seis horas”. 
3) No fondo da Ría de Ribadeo hai tanta riqueza en pecios que si a alguén se lle ocurre poñerse a estudialos, ten que ter en conta que non lle chegará o tempo da súa propia vida, pero ¿é mellor deixalos donde están, desaparecendo pouco a pouco? 
4) Fai uns anos, no Cemiterio dos Castros (Teima, 24-Febreiro-1977) encheronse de formigón as tumbas celtas, algunha con ósos e mesmo con algún esqueleto casi completo, para facer un “chalet”. Non pasou nada: “eran outros tempos”. 
5) Os temporais causan estragos nos xacementos arqueolóxicos costeiros de Ribadeo e Barreiros (A Mariña, 23-Febreiro-2016). O Forno romano de Esteiro está a piques de desaparecer; a Punta do Castro de Vilachá en San Miguel de Reinante, pouco a pouco desaparece; a turbeira de Arealonga desfaise; a tumba da praia do Coto de Barreiros afectada. Non pasa nada: “Patrimonio ten moito traballo e cos recursos que ten, non dá para máis”. 
6) A tala de eucaliptos e a súa replantación levouse por diante en Mondoñedo o Castro inventariado do Monte da Arca (A Mariña 16-Marzo-2016). Mariña Patrimonio e Adega presentaron denuncia ante o Seprona. ¡Esperemos que algo pase desta vez! 
7) ¿Que se está intentando facer no faro da Illa Pancha? ¿Un hotel de dúas habitacións...? Postos a arrasar patrimonio público ¿por qué non se deciden a facer un edificio de trinta plantas, cunha luz “estroboscópica” no restaurante-discoteca da terraza, que acade a verse en Espasante e en Xixón e se deixan de tonterías de pouca monta? 
Hai ducias de casos de barbarie “permitida ou sobreseída” que se ven de cotío arrasando o noso magnífico Patrimonio que ten miles de anos de historia, e en contra do “modus vivendi” dos veciños, que unha vez educados como Deus manda, teñen que irse a traballar fora dos pobos que os viron nacer, posto que “eiquí non hai nada do que vivir”. ¡Manda truco!

[*] Máis ben é o revés, calquera pode editar, e aínda que se algúen edita mal pronto soe estar corrixido, non sempre ocorre (nota do blog).

Ningún comentario: