20160211

Identidade e política na tetraloxía 'Castelao ou A paixón de Galiza' de Daniel Cortezón

Así se titulou unha ponencia relacionada con Daniel Cortezón que Santiago Sanjurjo, tamén ribadense, levou onte ó I Congreso Internacional de Novos Investigadores en Estudos Literarios e Culturais (CIJIELG) na Universidade de Vigo. Entereime de casualidade, supoño que o antroido fixo que a nova pasara desapercibida para os medios locais, de xeito parello a outras circunstancias que fan que non cheguen a coñecemento xeral os traballos doutros ribadenses espallados polo mundo adiante. Copio o resume que aparece no libro de comunicacións.
"O dramaturgo Daniel Cortezón (1927-200) é fundamentalmente coñecido polos seus textos teatrais de carácter histórico. Algúns deles forman xa parte do máis senlleiro da historia do teatro galego, a pesar do desapercibido que adoita pasar este autor nos manuais de literatura e da inexplicable escaseza de estudos sobre a súa obra.
A produción dramática deste autor atende a un proxecto que busca espertar a memoria do pobo galego e reactivar o seu inconsciente colectivo mediante a creación dun teatro político-social e outro de carácter histórico-político. Porén, non é posible entender os obxectivos de Cortezón se non se ten en conta a súa crítica ao que, seguindo a proposta de Helena Miguélez-Carballeira, podemos chamar “identidade sentimental” de Galicia. Para Cortezón, a principal causa do que el califica como o fracaso histórico e político de Galicia é atribuible a características como o sentimentalismo, o lirismo, o humorismo, a saudade ou o peso da tradición, todos eles constituíntes dunha suposta identidade galega que ten que ser obxecto de revisión e superación.
Na súa teatraloxía Castelao ou A paixón de Galiza (1986-1997) Cortezón fai un percorrido pola traxectoria vital, intelectual e militante de Castelao desde os comezos do século XX ata a o seu pasamento en 1950 no exilio arxentino. O obxectivo desta contribución consiste en estudar como o autor por unha banda, cumpre coa súa intención de desempoar os heroes e antiheroes da historia para que os galegos se sintan vencellados e reflexados neles e, xa que logo, dignificados, mais tamén como, por outra, atende á necesidade de atopar, mediante o achegamento crítico e deconstrutivo, as causas da incapacidade do pobo galego e dos seus persoeiros para levar a cabo unha acción política capaz de superar a inhibición histórica de Galicia como nación"
--
Sobre Daniel Cortezón en Ribadeando:
Comunicado da morte
Libro homenaxe (e aquí)
Obra sobre D. Gamallo
Ficha na BvG
Libro homenaxe:


Ningún comentario: