20160229

BNG, Ribadeo, futuro, fernandismo

Feito. Vence xa non está de cabeza do BNG. A formación parece seguir aquela máxima xesuítica de 'en tempos de tribulación non facer reformas' na versión 'facela e non enmendala' que tan bos resultados electorais está a dar, e seguir cunha idea cerrada. Ó día seguinte dunha manifestación en Santiago que foi plural e que tivo éxito de xente (xa veremos se na práctica hai tradución en algo concreto) pola súa apertura, o contraste coa cerrazón da UPG é notorio.
O BNG reducido/recollido na UPG sería o resume. As contas que se botan é que iso non é bo va o futuro da formación en canto a supervivencia. E se fora necesario coidar as esencias para un rexurdimento posterior? Quizais... quizais rexurda dentro dalgún tempo transmutado, cousa que podía ter tentado xa, en troques de esnaquizarse en tempos sucesivos.
A política é un territorio no que as previsións fallan a miúdo por pequenos cambios que resultan ter grande impacto, pequenas variables non consideradas que pasan a primeira liña, influenzas que parecen xurdir da nada... ó mellor os analistas que prevén que o BNG tende a desaparecer do mapa están errados. Mais, de pronto, as cousas están así.
En Ribadeo, tanto da que da tanto. Xa non estamos tempo antes das eleccións de 2011, cun BNG descomposto en anacos dos que había que resolver a forza nas urnas. Xa quedou claro hai tempo que aquí gozamos dun goberno non do BNG, senón de Fernando. Di dende hai tempo un amigo meu que hai Fernando para rato. No BNG ou onde sexa. E dende o tempo no que comezou a dicilo, foi asegurándose o fenómeno. Coido que dende que se asentou como cabeza de lista do BNG para as eleccións locais, o partido en Ribadeo iniciou unha desconexión de resultados cou outros niveis de circunscrición, e na actualidade non ten xa nada que ver, non xa en relación ó número de votos (pódese comparar cos resultados nas galegas ou nas estatais, ou nas comunitarias...) senón tamén a outros niveis, mesmo de relación ou de composición do listado electoral ou do equipo de goberno.
Collido de http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/resultados-ribadeo-eleccions-locais_25.html
O fernandismo está aquí, e o que teña podido pasar onte na asemblea do BNG cadra abondo lonxe de ribadeo. Quizais teña rematado de impedir de xeito definitivo (=en moito tempo) a saída de Fernando de cara, poñamos, á Xunta, mais a consolidación interna en Ribadeo leva os destinos de Fernandobloque por ben outros derroteiros dende hai tempo, e de cara ó futuro inmediato.

Ningún comentario: