20160109

Oio soar o vento, non a 'música do Nadal'

O día 7 de xaneiro unha lembranza automática nunha rede social retrotraeume por un momento a un ano pasado coa mensaxe deixada naquel momento por outra persoa: era sete de xaneiro e en Ribadeo estarían soando os altofalantes reclamo coas pretendidas cancións de Nadal. Este sete non tocaban os altofalantes. Nin o fixeron tampouco o seis, nin o cinco...
Este inverno na Coruña ou en Xixón non había altofalantes inundando a rúa con cánticos de Nadal. Quizais iso fixo que este ano foran máis visibles os comentarios contra desa práctica en Ribadeo, que ten unha 'tradición' orixinada cara comezos de século. Comentarios, protestas e demais que deron lugar a algún altofalante clausurado por molestar (recoñecendo polo tanto causar prexuízo) xa a comezos deste período, e que remataron (o proceso concreto non sei cal foi) por eliminar os cánticos sobre as rúas a partir do día 3 de xaneiro, despois de estar mesmo ano novo
 soando á mesma hora de sempre, aínda que o pavimento non tivera por riba máis que o ceo a media mañá. E, co ceo, chega con cerrar os ollos. Co son, non chega con tapar os oídos.
É dicir, ó final desta tempada de Nadal, Ribadeo igualouse á Coruña, (e, dentro de Ribadeo, as zonas 'sonoras' coas 'non sonorizadas') despois de ter comezado cun horario máis racional que outros anos e cunha intensidade sonora máis adecuada que a atronadora dalgún outro (aínda que con diferenzas apreciables entre as diversas obras). De calquera xeito, máis de dúas semanas de música controvertida ben pola súa existencia, ben pola elección, pola repetición... xa deixaron máis de 100 horas de 'panxoliñas' mesturadas, en número de 100 (din, que non as contei, aínda que algunhas podíanse escoitar ao menos tres veces ó día).
Altofalante en Rodríguez Murias

Quero lembrar as razóns esgrimidas para poñelas, que coido se resumen no contido dunha entrada nunha rede social: "as ventas en Ribadeo, pueblo de servicios, son muy importantes nas Navidades". En relación a iso, levo anos abondo na procura dalgún estudo que diga que o ruído estimula as vendas, pero non o dou atopado, e si moitos que confirman que é malo para a saúde. E sobre a música, a cousa varía segundo cal, como e en que circunstancias, sen considerar que a máis das vendas, habería que ter en conta á xente: unha vila non é (ao menos só) un centro comercial. Polo demais, díxose que se fixo unha enquisa e saiu que si (entendo que sería entre os comerciantes que responderon), que había 100 cancións, tres horas de música para que non se repetiran...
Deixo como ilustración algunha cousa que se puido ver nas redes en contra da 'ambientación musical do Nadal':