20151111

Mañá xoves, pleno

Por fin, un pleno anunciado na web do concello con máis de 48 horas de antelación. Colgado o anuncio ás 11 da mañá de onte, martes, coido que bate a marcade antelación de aviso de plenos na web do concello. Noraboa!
Non deixa de ser novidade tampouco a hora: ás oito e media da noite téñense celebrado poucos plenos, que tradicionamente son ás oito.
Certamente este pleno ten novidades. Por fin parece que se vai impulsar a sede electrónica en https://ribadeo.sedeelectronica.gal (o de https, é dicir, con sitio seguro, é de supoñer, aínda que non aparece así na nota de prensa). Non era sen hora, despois dun abandono da web só rachado por algún que outro aviso e as 'omnipresentes' novas da alcaldía/grupo de goberno (que non do concello).
O perfil do contratante debera implicar tamén unha mellora substancial para a transparencia do concello, ó dar aire ós procedementos de contratación da entidade. Aquí, dado que mal que ben, segundo palabras do alcalde, xa se usaba o perfil do contratante da Xunta, hai que expresar máis reservas, pois a tentación da opacidade está sempre presente, e os mecanismos administrativos ás veces parece que se fixeran para incumprilos ou non usalos.
O tema seguinte a tratar de seguro levará á sala algúns espectadores que non soen estar presentes. A ocupación das terrazas foi tratada no blog en diversas ocasións dende o xa o ano 2007 (1, 2, 3, 4, 5, ... n), mesmo a raíz de actuacións de O Tesón. Hai unha ordenanza, pero... parece que as contas de ocupación non saen, poderíamos dicir que pola picaresca dos locais tendendo a maximizar a concesión realizada. Sobrepasamentos semellantes de ordenanzas hai máis, pero quizáis este é dos que ven recibindo máis atención. Tamén se vai afrontar o aspecto das terrazas, o que se supón implicará unha mellora estética, en particular do verán ribadense.
A convocatoria descoñece o texto da moción do PP en favor da unión de España , "para a defensa do Estado de dereito e da Cohesion de España", pero non sería raro que houbera algún tipo de discusión sobre un tema que máis que legalidade estimo que debera implicar fortalecemento de relacións.
A outra moción, do PSOE sobre a sanidade universal, non creo que teña probelmas de ningún tipo, aínda que tamén supoño que o PP tentará a discusión para a defensa da postura do goberno central.
Así pois, máis, mañá á noite. Anímaste?
Embaixo, a nota de prensa do concello:
"
TAMÉN SE CREARÁ O PERFIL DO CONTRATANTE E A SEDE ELECTRÓNICA

Pleno, este xoves

10/11/2015
A modificación da ordenanza reguladora das terrazas hostaleiras será un dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario do Concello ribadense convocado para o vindeiro xoves, 12 de novembro. O alcalde subliñou que "sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares coa utilización da vía pública por parte dos viandantes", cousa que ás veces se complica.
O rexedor explicou que "para este vindeiro pleno ordinario, que se vai celebrar este xoves ás oito e media da tarde, hai varios asuntos importantes, algúns deles vinculados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, como é a idea do Concello de crear a sede electrónica para permitir o exercicio do dereito que teñen os cidadáns a relacionarse coas administracións públicas a través de medios electrónicos. Esta sede electrónica, baixo a url ribadeo.sedeelectronica.gal, vai ser accesible a todos os veciños e veciñas e a todos os cidadáns, sexan ou non veciños do concello, todos os días do ano durante as 24 horas do día. Con isto poderán facer tramitacións electrónicas e de xestión que ata agora non era posible. Só se podían facer indo en persoa á Casa do Concello, pero a partir de agora, unha vez que se poña isto en marcha nos próximos días, será unha realidade".
Outro dos asuntos que se abordará na sesión plenaria deste xoves é a creación do perfil do contratante: "tamén queremos crear un novo perfil do contratante; é dicir que o Concello de Ribadeo como órgano de contratación quere asegurar a transparencia e o acceso público na súa actividade contractual dun xeito claro para o cidadán, de tal maneira que neste perfil do contratante municipal debe constar a información de anuncios de licitación de obras ou servizos, de composición das mesas de contratación, de adxudicacións, de procedementos de adxudicación anulados, así como calquera outro tipo de información xeral sobre a actividade contractual do Concello que se considere pertinente. Nos últimos tempos xa había un perfil do contratante pero era prestado, da Xunta de Galicia, e é necesario que Ribadeo teña o seu propio", seguiu a relatar Suárez Barcia.
O alcalde de Ribadeo indicou que "tamén levamos para a aprobación inicial unha modificación da ordenanza reguladora da taxa de ocupación de terreos de uso público con elementos de finalidade lucrativa. É o que ten que ver coas terrazas. É unha ordenanza que nos últimos anos sufriu algúns cambios para adaptala e agora é necesario darlle unha volta a maiores, porque desde o goberno municipal e entendo que desde toda a Corporación pretendemos que haxa dinamismo, que haxa movemento económico a través do sector da hostalería, coas terrazas, e queremos favorecelo. Pero a mesmo tempo desde o Concello temos que garantir que eses dereitos non choquen coa libre circulación dos viandantes e dos peóns, que moitas veces practicamente parece que teñen que pedir permiso para pasar pola vía pública". Fernando Suárez engadiu: "e iso é algo ao que quixemos darlle unha voltiña na redacción da ordenanza, para o que tomamos como modelo exemplos de ordenanzas de cidades, como Lugo, Santiago, Xixón ou Avilés, e quixemos engadir algúns articulados no sentido de non limitar pero ao mesmo tempo indicarlle ao hostaleiro interesado que queira solicitar unha ocupación de vía pública que determine como se vai utilizar dentro dese espazo: cantas mesas e cadeiras se van poñer e como vai ser a forma. Porque moitas veces pídense uns determinados metros cadrados e ao final aí acábanse metendo un gran número de mesas e cadeiras e despois os clientes acaban ciscándoas por toda a vía pública. E iso non pode ser".
O rexedor ribadense considera que "hai algunhas circunstancias que fan necesario revisar, non para subir a taxa, nin moito menos, porque non se vai tocar o aspecto económico, senón para regular e ordenar para que sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares, pero tamén a utilización da vía pública por parte dos viandantes. E tamén ten algunha modificación de cara a que as novas autorizacións terán que poñer uns elementos cunha certa estética, bastante homoxénea, non se van utilizar as mesas ou as cadeiras de propaganda de casas comerciais senón que, seguindo a estela de moitos outros concellos con cascos históricos e que queren ter a súa vila o máis bonita posible, teñan unha determinada estética. Ao mesmo tempo para aqueles que xa teñen autorizado e que igual fixeron un investimento dáse un período de carencia de 5 anos sen que se lles esixa que cambien o seu mobiliario para adaptalo con estas tonalidades e formas de madeira adecuadas para o caso de Ribadeo".
"

Ningún comentario: