20150904

Nenos na escuma: festa!

Comezaron as celebracións. Despois do vintecinco anos de vivencias ribadenses glosados no pregón, a diversión. Os cativiños son quenes máis se mergullan nas actividades, como a que onte permitiu que as burbullas da escuma os envolveran, á beira do parque e do cantón.
Son 'os nosos nenos', os nenos da nosa sociedade os que se están a divertir. Coincidente no tempo, estábase a difundir unha fotografía cun neniño vestido, tirado noutra escuma ben diferente, nunha praia allea a si, nunha praia tamén 'nosa', inmóbil, inane, morto.
Establecer unha contraposición é doado, e comezar a falar das diferenzas, tamén. Menos o é a procura das causas, e moito menos, das solucións. De sempre, as circunstancias do nacemento marcaron unha parte fundamental dos seres vivos. No caso dos humanos, chegamos xa hai tempo á posibilidade dun certo control dalgunhas desas circunstancias. Chegamos á posibilidade de mellora da vida por unha acción social. Mais esas posibilidades desa acción diferéncianse moito duns lugares a outros. Unha diferencia que pode chegar a implicar a visión da diversión ou da morte.
A problemática que da lugar a esa diferencia é complexa, e as consecuencias remiten a un futuro aínda máis complexo, pero hai tempo que se sabe que entre previr e curar, ven a conto previr, por moito que en situacións non quede outra que tentar curar, porque non todo se pode nin se sabe previr, aínda que se queira. Pero si sabemos que as crises teñen unha orixe, saibamos ou non manexala, ou sobre todo, queramos poñer os medios para facelo ou non.
En Galicia, en España, en Europa, con máis ou menos intensidade, temos unha crise económica (a maioría sófrea), pero dende hai tempo, unha crise social superponse con ela (que non é só consecuencia da económica), a máis da crise dos valores humanos (atención, non confundir os valores impulsados por unha visión economicista cos 'valores da civilización occidental') e da incrementativa crise medioambiental, do cambio climático á contaminación mariña. A máis, temos o que se chama 'crise demográfica', farto coñecida en Galicia, terra por baixo da taxa de reposición hai unha xeración longa, que se suma á 'crise migratoria' que se foi incrementando a medida que a ambición de parte do mundo contribuiu a desestabilizar as sociedades noutros lugares. Neste conxunto crítico, a 'invasión' 'musulmana' está sendo usada: sen importar se son ou non musulmáns, se foron 'os nosos' os que produciron as circunstancias que os botarón ó camiño, se non poden facer outra cousa para sobrevivir, virían quitarnos o noso, aproveitarse de nós, quitarnos a cultura, a relixión... é dicir, algo parello ó que sucedeu no seu momento coa colonización, por parte de 'Europa', dos outros continentes, por moito que daquela se fixera pola forza e agora a forza siga a estar desta beira (evidentemente, non toda, o mesmo que no momento da colonización) e a necesidade, da outra (evidentemente, tampouco toda, o mesmo que no momento da colonización).
En fin, podemos rasgarnos as vestiduras ou denunciar que a foto do pícaro do sur na praia do norte é unha manipulación sentimental. A oportunidade de seguir a facer fotos na escuma prefabricada ou na escuma da praia seguirá incrementándose mentras cada un de nós non sexamos conscientes dos pequenos actos individuais tanto como dos grandes actos sociais que se poden facer. Incluída a rebelión contra nós mesmos, sociedade e individuo.

Ningún comentario: