20150526

Post resaca electoral. Voltando á normalidade

O luns, despois dunha resaca, é un día diferente. Neses casos, a semana comeza a normalizarse o martes.
Algo así pasa coas eleccións. Despois dunha fartura, luns pasa rápido e aínda sobrevoando os resultados. É máis tarde, a partir do martes, cando se baixa á terra e se vai un pouco máis pausado.
No caso de Ribadeo, o martes comezou guerreiro. Agora mesmo hai 20 horas -boa parte, noite- que se creou unha comunidade en facebook: "Illa Pancha non se toca. O noso Faro non é un resort." 20 horas, 1357 'gústame'. Xa sei que os 'gústame' en Facebook son relativos, que non custan nada, pero 1357 en 20 horas en algo relacionado con Ribadeo, 10 000 habitantes, é cousa de 1 cada minuto e algo nada desprezable para a conversión do faro en hotel. Xusto despois dunha eleccións que deron a maioría absoluta longa a un partido que estando no goberno municipal, tivo algo que ver co tema, alomenos a traverso dun preceptivo informe do concello que, segundo a axencia de novas EFE, foi emitido. E, a falta de resposta pública por parte do concello fronte á concesión da Illa Pancha, a suposición (o que nos queda fronte á desinformación) é que non foi desfavorable. [máis sobre o tema da conversión do faro en hotel, con ligazóns]
Foto do perfil da comunidade en Facebook: a Illa Pancha non é accesible ó público

Información que polo contrario, si sorprende o que se prodiga noutros casos. Como cando hoxe aparece nos xornais, e tamén na web do concello, unha nota institucional (do concello) de agradecemento polas eleccións. Agradecemento que vai asinado polo BNG como maioritario e beneficiado desas eleccións. A primeira cita do alcalde na nota comeza: "quero expresar a miña satisfacción e a do meu grupo de goberno, dos homes e mulleres do BNG que nos presentamos a estas eleccións". A nota tamén foi emitida onte, pero os resultados, como no caso anterior, vense hoxe. A identificación entre partido e goberno a nivel institucional sei que é unha práctica común nestes lares. Que se contaxiara o BNG en Ribadeo, pode ser común, pero non é bo. E aquí, si que houbo comunicación e non desinformación. Polo demais, esperemos que a maioría absoluta sexa para ben... de todo Ribadeo.
--
Nota: os datos deste artigo deron lugar á publicación no xornal El Progreso-A Mariña, ó día seguinte, dunha nova sobre o tema do farohotel.

Ningún comentario: