20150513

Herbicida no cemiterio e nos accesos ó mesmo. Artigo de J.A. Salvatierra

HERBICIDA NO CEMITERIO DE RIBADEO E NOS ACCESOS O MESMO

Por favor, pediría que non se volte a cometer o erro de aplicar herbicida total, tanto no interior do mesmo como na rúa que conduce a entrada principal, que vai dende o Cabazo ata o aparcadoiro do cemiterio. Esta rúa ou estrada ten dúas fileiras de árbores (plátanos) que xa teñen moitos anos, pero que están moi ben e lle dan un aspecto bonito, con sombra no verán, formando, ó cruzarse as ramas xunto cas follas, un falso e fermoso túnel verde en todo ese paseo que ten unha lonxitude aproximada de 450 m.


Pediríalle ó actual concelleiro responsable do cemiterio, que tomara as medidas adecuadas para que isto non se repita. Ademais, que eu recorde, é a primeira vez que se aplica herbicida nesta rúa (non así dentro do cemiterio). O mal traballo consistiu en pulverizar con “glifosato” ou algo semellante, as cunetas, os corredores e os taludes en todo ese percorrido de 450 m. Un verdadeiro desastre técnico, de mal gusto e de gran impacto ambiental. De feito, coas últimas choivas, ó morrer a maleza e quedar sen raíces, producíronse dous desprendementos de muro de pedra e talude.


Respecto á aplicación dese herbicida no interior do mesmo, vense facendo no espazo entre tumbas, por non poder segar con cortacéspede. Esta rutina tampouco ten sentido, porque se pode facer con desbrozadora de fío, con protector para que non cisque a herba cara as tumbas, nese espazo reducido, onde agora se aplica herbicida, que causa un gran impacto de feísmo e pouco gusto por parte do operario que atende a limpeza e coidados de dito cemiterio. Tamén se podería cortar con fouciño. Si, dixen ben, pois se trata dunha superficie moi pequena. Hai que pensar que ten dedicación plena para ese traballo e máis o de sepultureiro. Creo que lle sobra tempo para desbrozar todo as veces que faga falla, sen necesidade de usar químicos que impactan, e mostra moi pouco respecto para os seres queridos que nese lugar descansan. O campo santo e o seu entorno debería ser un lugar coidado, de cor verde todo o ano na zona de céspede, xunto a outras cores variadas con plantas ornamentais e árbores, pero nunca impactando e agredindo ese espazo con ningún tipo de herbicidas. Para iso hai un empregado municipal, pagado cos impostos de tódolos veciños e que o responsable de quenda no equipo de Goberno nesa materia ten a obriga de vixiar para que non se repitan estos atentados ó medioambiente e o mal gusto. Séguense cometendo erros, ó meu modesto entender, no cemiterio, como xa ocorrera coas famosas vidreiras da capela do mesmo lugar. Non se aprende dos erros e logo se repiten. Desta vez polo menos, corrixir non costará diñeiro. Ós mortos non hai que levarlles praguicidas, senon bos recordos, pregarias e flores. Vexan as fotos que se acompañan e vostedes mesmos saquen as súas conclusións.

Pepe Salvatierra
A cor delata o herbicida

Os derrumbes son favorecidos

Non é sombra, é queimado

O contraste. Que prefires, verde ou amarelo?

1 comentario:

Enrique Sampedro Miranda dixo...

Totalmente dacordo con Salvatierra. O uso de herbicidas é SEMPRE perxudicial para o medio ambiente. Os productos químicos NUNCA son inocuos, senon que SEMPRE acaban entrando na cadea da vida. Os últimos estudios acerca dos herbicidas apuntan a que poden estar detrás do claro declive das abellas, por exemplo.