20150131

Estatísticas do blog

Cando faltan algo menos de tres horas para rematar o mes, miro as estatísticas do blogue: 2 631 páxinas vistas en Ribadeando. Iso fai... unhas 85 visitas diarias. Non está mal para un blogue de ámbito (territorial, temático, ...) abondo limitado coma este. Que, con altibaixos, está tendo agora un número de visitas diario dos máis altos.
 Grazas polas vosas visitas!

20150130

Debemos berrar 'habemus wifi'? (ou mellor, 'non habemos bus'?)

Século vinteún, metade da segunda década, un país supostamente do primeiro mundo, e a nova do xornal indica que haberá wifi gratuíto na estación de autobuses de Ribadeo...
Por suposto, está ben que haxa wifi. Hoxe en día, é de supoñer que a estación teña máis dun ordenador, e iso xa non se concibe sen internet. E os servizos de internet xa é normal que veñan coa instalación dun aparatiño para a wifi, que está incluída no custe de conexión. Logo, por que non? O raro, a nova, sería máis ben o contrario, aínda que non se publicitara ata o momento.
De calquera xeito, chama a atención que se leven reducido servizos de transporte de viaxeiros e a nova sexa esta outra. Que na mesma nova se diga que merca a empresa autobuses (2, e estamos a falar de Galicia, non de Ribadeo) e non que aumenta liñas ou frecuencia. A cousa lembra aquelo dos xornais de hai un século, onde se publicitaba a chegada ou saída de viaxeiros para lugares como Madrid.
Queres ir a Vilalba? Madruga, que non tes autobús nin directo nin circunstancial despois das 7 e vinte da mañá. Queres vir dalí? que sexa pola tarde, que pola mañá... A Avilés hai autovía, e 105 km segundo se pode atopar en internet, que especifica un pouquiño máis dunha hora para chegar a destino no centro dende o centro de Ribadeo en coche particular. A mesma web especifica o triplo de tempo para o autobús. A, si, que Ribadeo e Avilés están unidas por tren... O tren ve a necesidade de dar máis volta, pero tamén dura máis tempo a viaxe... e con dous servizos diarios, non esperes chegar a Avilés pola mañá.
E Burela, ó hospital? Neste caso é diferente: 34 minutos en tren e en coche particular, e 50 en autobús, con catro frecuencias diarias en tren e outras tantas en autobús. Claro que, se tes vez no hospital ás 9 e media, terás que estar na estación (de autobús ou tren) a iso das sete da mañá, o que alonga na realidade a viaxe.
Alternativas? As últimas veces, consultei a web BlaBlaCar... porque por wifi aínda non nos podemos trasladar.

20150129

Desigualdades. Un caso de relevancia para Ribadeo

O título podería ser doutro xeito: 'se queres ser libre, págao'. Coido que destoutro xeito, a consecuencia é máis clara: 'porque terás que pagar o prezo da túa liberación, xa que non és libre'.
A actual 'democracia á española' manifesta non ser igual para todos. As desigualdades son evidentes. Tanto, que mesmo hai 'demócratas' que tenden a xustificalas.
Se imos á orixe, a cousa pode parecer moi teórica, pero na realidade é moi achegada na súa orixe, como se pode ver a conto das municipais. Calquera pode atoparse na rede lugares como http://sociedadcivilmunicipal.es/ onde mergullarse en cuestións diversas sobre o autogoberno, sobre participación nos actos decisivos para procurar un goberno sobre nós mesmos.
Aínda en cousas en principio non previstas como a perspectiva: "Los resultados de las elecciones si son exitosos (se consigue al menos una mínima representación, o lo que es lo mismo, un concejal), no deben entenderse como un fin, sino como un principio. A partir de ese momento disponemos de cuatro años para seguir creciendo, (...)" é o primeiro que aparece na pestana de 'recursos', se collemos 'comunicación na lexislatura'.
E falta fai telo claro, porque de partida, se non estás integrado nun partido político, de xeito independente ou como coalición, e te queres presentar ás eleccións con outros para tentar un cambio como cidadán, tes un hándicap que te pon o sistema, por tentar cambiar. Non o cres? Mira entón a pestana correspondente ó 'xeito de concorrer ás eleccións':
Para agrupacións de electores, en concellos entre 10 001 e 50 000 habitantes como é na actualidade o caso de Ribadeo, necesítanse ao menos 500 sinaturas de aval, e aínda máis, teñen que ser prestadas ante un fedatario público. Isto é, testemuñadas ante notario ou o secretario do concello, para o que se necesita non só a sinatura, senón o dni para comparar. Mentras, se queredes integrarvos no sistema 'como Deus manda' e facer un partido político para presentarvos, entón, se o queredes con ámbito municipal, abonda con tres persoas. E... alehop! xa estades no sistema. 500 fronte a 3. Está clara a preferenza do sistema? E ti, tes clara a túa?
Podes seguir procurando que non implica o mesmo unha agrupación de electores que un partido: a estrutura non está tan encorsetada, e por exemplo, pode haber diferentes sensibilidades políticas con total tranquilidade, sempre e cando haxa un esprito de colaboración e corrdinación que ás veces, pode costar tempo e traballo, pero tamén terá como consecuencia unha maior riqueza de resultados precisamente debido a esa variedade de orixe.
Ribadeo 2015. Queres participar no teu destino? E como queres facelo, limitándote de principio nunha estrutura na que non fai falta nin que asines, ou polo contrario, en algo aberto no que tes que demostrar que es ti mesmo? As eleccións están aí, podes ir pensando se o que queres facer é votar e esquecer ou polo contrario, queres participar: non é o mesmo.

20150128

Espectador privilexiado

Onte tiven (unha vez máis) a ocasión de ser espectador privilexiado. Entendámonos, o privilexio ven sinxelamente de ser espectador case único dun acto que é público e onde se deciden actuacións sobre a vida do conxunto de Ribadeo: o pleno municipal. Onte eramos dúas persoas as que estabamos mirando o desenvolvemento do pleno, co que me considero un privilexiado, participante (por ínfima que sexa a medida desa participación ó ser un sinxelo espectador).
Considero que un pleno comeza a desenvolverse dende antes de que se da por aberta a sesión: hai comisión(s) preparatorias, a convocatoria propiamente dita, as actuacións dos partidos para preparalo (supóñense, como na mili)... Neste caso, tamén.
A sesión foi aberta ben pasadas as oito da tarde, desculpando a presenza de Xavi Campos. A acta anterior (correspondente ó 18 de novembro de 2014) foi aprobada e pasouse ó segundo dos puntos da orde do día, Expediente de modificación de crédito 02/2015 por transferencia de crédito Real Decreto Lei 17/2014.
A modificación de 150 000 € que apraza o goberno central do plan de pagos do 2015 e que por tanto, poden adicarse a outros menesteres, deu lugar a unha división de voto no PP: 1 en contra (Braña) e 3 abstencións, algo que foi anunciado ó comezo por M. Valín. O desglose aproximado da nova adicación deses 150 000 € é, se non entendín mal:
20 000 €, redacción dun novo plan para As Catedrais
10 000 € para adquisición de contedores
10 000 € para saneamento dunha baixante na entrada do cemiterio
50 000 € para o plan de camiños no rural
60 000 € para comezar a reparación/adecuación da vía paralela á do ferrocarril (a que comunica a estrada de Vilela cos Garitos, onde está a marmorería)
Lalo Gutiérrez (PSOE) apoia sen máis comentario a proposta.
Tino Reymondez (UPRi) anuncia a súa abstención, incluíndo na súa disertación unha advertencia: un informe técnico (neste caso, o do interventor, que polo demais, louvou) non debe incluír xuízos ou interpretacións políticas, que non corresponden ós funcionarios do concello.
Polo PP, e a conta da división de voto, falaron dúas persoas.
A primeira, Campo Braña, non considera as actuacións previstas nin urxentes, nin xustificadas nin necesarias, aclarando segundo o seu xuízo cousas como que de ser urxentes, deberan ir nos recentemente aprobados orzamentos 2015, ou que son obras electoralistas nun ano electoral.
A segunda, Azucena González, defendeu o electoralismo, pero razoou a diferente votación do resto dos PP en función de que era unha posibilidade de inversión, aínda que se puidera discutir a urxencia.
Foron contestadas por Vicente Castro, cunha pequena intervención final do alcalde. Como se nomeara antes a posibilidade de inversión no campo de fútbol (a raíz das novas no xornal sobre o seu estado e suspensión de partidos no Pepe Barrera), razoou que fan falta un mínimo de 350 000 € para facer algo e que se siga a usar o campo. Respecto ó vial paralelo á vía, segundo parece quedouse no último pleno en que era urxente, e incrementouse a urxencia debido ás chuvias. En relación ó electoralismo, non vai a executarse, con seguridade, toda a obra antes das eleccións, e en cambio, é electoralista por parte do goberno central o liberar ós concellos esas cantidades a 26 de decembro, cando haberá concellos que non se podan beneficiar da medida por ter xa solicitado e contratado créditos ós bancos, por exemplo. O resultado da votación, o dito: 7 a favor, 4 abstencións e un voto en contra.
E paro: só asistín ó comezo do punto seguinte, Control dos órganos da Corporación (art. 46.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local). Dación de conta de decretos ditados pola Alcaldía-Presidencia. Mocións. Rogos e Preguntas. Só dicir que houbo unha moción do BNG sobre a creación dunha tarifa eléctrica galega.

O meu pai

De http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.12438.php por Xulio Xiz

Antoñito do Constante

mércores, 28 de xaneiro de 2015
Este amigo que xa descansa no cemiterio vilalbés chamábase Antonio Gregorio, pero como seu pai -Constante Gregorio- foi coñecido e estimado tratante en gando e carniceiro na capital vilalbesa, e Antonio ao terse incorporado a ese labor desde moi novo, os vilalbeses asignámoslle o nome de “Antoñito do Constante”, e ese nome acompañouno ata as esquelas mortuorias.

Era un home xeneroso, bo, afable, culto, lector, amigo… Eu nacín sendo amigo del, porque miña nai procedía da mesma aldea –O Freixo, de As Pontes de García Rodríguez- e para min o “Señor Constante” era un santo varón que camiñaba polas rúas vilalbesas e percorría a zona rural nun permanente saudar, camiñar entre amigos, falar e escoitar, sempre cun sorriso que falaba máis que calquera exposición verbal, sempre co respecto escrupuloso polos tratos e polas xentes.

E a continuación, veu “Antoñito”, que por idade daquela respondía ao diminutivo… e conservouno ata os oitenta e seis anos.

Nos meus tempos máis mozos, a casa do Constante era a única do contorno que tiña teléfono, e alí acudíamos para as urxencias. E na miña infancia eu alucinaba, porque Antoñito tiña un despacho cheo de libros, un ben escaso daquela, o que facía que aos meus ollos “Antoñito do Constante” fose unha persoa diferente, nun mundo daquela xeralmente iletrado, que disfrutaba dunha cultura que cultivaba a cotío.

Eu deixei Vilalba hai cincuenta anos. Daquela, para min, Antoñito tiña a vetusta idade de trinta e seis. E seguimos véndonos de cando en cando, sabendo un doutro, incorporando a aquela vella amizade á súa dona, Mercedes, á que fóra conquistar a Rábade, e entrambos formaron a parella perfecta cara adentro e cara afora… porque a afabilidade multiplicouse por dous.

E viñeron os fillos, dos que teño que mencionar, por anos –aínda que é ben máis novo ca min- ao Tucho, Antonio Gregorio, que en Ribadeo asentou profesionalmente como profesor e activista social, e netos dos que teño que mencionar unha neta que hai ben anos xa gañou un premio de debuxo no Certame da Biblioteca de Lugo, do que eu son Xurado desde hai un cuarto de século.

A última vez que vin a Antoñito do Constante foi o pasado agosto, na homenaxe a Domingo Goás que a Xuntanza de Chairegos en Madrid lle rendeu en Vilalba. Con el e con José Ramón Álvarez Graña (José Ramón do Acisclo), falamos todo o tempo de Vilalba, das xentes, dos tempos… Non podía imaginar que ía ser a última vez que falásemos.

Un traidor inimigo atacouno sen piedade hai moi pouco tempo, e levóunolo, dándonos a ocasión de comprobar na igrexa e no cemiterio canta xente quería darlle o último adeus.

Máis non quero esquecer o que miña nai me ten contado de Antoñito, un defecto, que repetía sempre que falaba del: O que lle pasa a Antoñito, dicía, é que é demasiado bó. E así leva os tropezóns que leva ás veces por confiar en xente que non merece confianza.

O pasamento de “Antoñito do Constante” foi, para min, unha perda familiar. E como o que me afecta tan directamente procuro deixalo por escrito, a xeito de testamento vital, deixo anotado en negro este quince de xaneiro, día da súa morte, no calendario que rexe as miñas emocións e os meus sentimentos. Que a paz que sempre impartíu, repartíu, o acompañe sempre.
 
--
 
Antonio Gregorio Carballés, Q.E.P.D.

20150127

Aceptas un desafío con trampa?

Se chegaches ata aquí entendo que si, que o aceptas.
Ben, gana quen atope en máis sitios a orde do día do pleno de hoxe. Non, a ligazón non trata da orde do día do pleno, senón dun anuncio dalgunha das súas partes como propaganda institucional, logo non conta.
Se non me equivoco, ganarán os concelleiros, cousa que parece lóxica. O que pode non parecer tan lóxico é o número de veces que poden atopar de xeito natural a orde do día do pleno que se celebrará hoxe (casa do concello de Ribadeo, salón de plenos, 20:00 horas). Calculo que dúas, e iso porque están sobre aviso: a convocatoria oficial que lles chegará á casa e a correspondente no taboleiro de avisos do concello.
É dicir, se es cidadán de a pé, na era da informática, terás que afacerte a ir ó concello ata que te atopes, entre a morea de papeis alí expostos na entrada, a convocatoria correspondente. As convocatorias que te atoparás na web do concello son para o mercado do Nadal [XI MERCADO DE NADAL En prazo de presentación: (15/10/2014 - 30/10/2014) ] e as bases reguladoras do concuros do Antroido 2015. A parte diso, máis acó da última contratación (precisamente da plataforma dixital, 30/10/14), o único que hai na web do concello son as 'Novas' de información/propaganda institucional.
Así que, o desafío tiña trampa. Es concelleiro/a ou perdiches o desafío?
E logo, irás ó pleno a procurar como se manexan os asuntos que nos incumben a todos?
--
Nota posterior:
Pola tarde xa, un comentario me fai ver que a orde do día foi publicada na web con posterioridade, como amosa a creación do pdf do que deixo o pantallazo de información:
Tamén deixo a convocatoria tal como apareceu despois na páxina (e podes ver ti nestes momentos):
De calquera xeito, celebro que se puxera. O que espero é que en veces sucesivas, se poña a tempo.

20150126

Grecia non é Ribadeo

Lin onte que hoxe hai moitos analistas políticos que saben de Grecia. Eu só constato que Grecia e España son diferentes, a nivel estado, e máis aínda, Grecia, un estado, e Ribadeo, un concello. E coas diferenzas, as posibles semellanzas ou sinxelamente, curiosidades observables.
Segundo eldiario.es, os resultados neste momento serían:

Así, o primeiro que podemos observar é que o partido ganador, Syriza, logra estar a piques da maioría absoluta pola prima de 50 prazas que se lle da ó ganador 'para facer gobernable o país'. Diríase que é para manter en prazas cómodas a partidos pouco molestos, pero neste caso, o resultado inclinous cara a un partido que ven sendo tildado polos medios como  'molesto'
O segundo, se descontamos ese 50 deputados 'de prima', é que o resultado en escanos 'calca' as porcentaxes de voto obtidas unha volta quitados os votos dos partidos que non obteñen representación (columna sen remarcar en baixo), mentras que se nota que os outros partidos non representados terían votos para 22 deputados de non ser sacados fóra do xogo polas normas electorais (columna e.pos. comparada coa columna 'escanos'). Cousas dos sistemas de cómputo electoral, neste caso, gregos.
Seguindo algún tempo o reconto de resultados, observei ademáis que aíndfa que Syriza aumento de xeito continuado ó longo do tempo a porcentaxe de votos, non foi un aumento representativo, ó igual que o resto de partidos mantiveron de xeito aproximado os resultados de comezo a fin. Iso podería indicar unha maior uniformidade de resultados ó longo de Grecia, onde que eu saiba non hai partidos que non abrangan a todo o estado, que en España (onde si os hai), sendo as diferenzas máis ben por tipo de mesa electoral (pro exemplo, pode ser que as rurais den os resultados antes, por termo medio).

O número de partidos sería maior en España, pero só ó considerar os partidos que non pretenden abranguer todo o territorio estatal.
En Grecia diriase que chega un novo 'bipartidismo', quedando relegado o PASOK, os socialistas, a forza minoritaria despois de ter estado entre as principais durante moito tempo. Pero é un bipartidismo asimétrico: Syriza, grazas ós 50 escanos de bonus, ten case o dobre de postos que o segundo partido.
Outra 'curiosidade' a notar é que Amencer Dourado, aínda que moi separado do segundo e moi preto do cuarto, queda en terceiro lugar. Para un partido neonazi, da que pensar cara ó futuro.
En fin, e... España?
Syriza identificouse con Podemos, pero nen teñen a mesma estrutura nin o mesmo contexto. E mesmo con Syriza non se sabe aínda, unha vlta que tome o poder, a deriva que pode coller. O cambio, a súa posibilidade en Grecia, está aí, e Podemos tenta representar un cambio que en España quérese, sen concretar moito máis aló da corrupción e a atención ó que quere a xente. O cambio en Grecia da ilusión, pero polo momento, ir máis aló fóra dunha nebulosa de posibilidades, é de ilusos.
En en Ribadeo? O BNG e Fernando Suárez non son o PASOK e/ou Samaras, a máis de que as eleccións gregas foron xerais e non locais. Neste caso, xa non falaríamos de ilusión e ilusos, senón de ciencia ficción.

20150124

Ribadeo, por que non?

Está en marcha unha campaña de promoción turística de Ribadeo, nomeada cun hashtag: #Ribadeoxqsi.
Din que isto das campañas é o método que ven sendo tradicional, e o hashtag sería a parte de innovación, xunto co dito, porque si. Tamén ven sendo tradicional que as campañas se lancen co motivo de acudir a unha feira como Fitur e que se desenvolvan certos resortes como unha recepción en Madrid.
Será que non entendo ben o tema da promoción (das promocións?), ou que non me propuxen unha alternativa antes, o que impediría unha visión de conxunto, pero non me gusta o de #Ribadeoxqsi. Quizais porque creo que é a acción do día a día o que fai que as cousas funcionen, e a mellora continua, en troques de facelo a impulsos. Poidera ser debido a que a afirmación sen máis, 'porque si', sen contexto, nin explicación, parece unha orde e lembra a ditadura. Pode que porque os hashtag concíboos con outros usos, e, de empregalos como propaganda, cunha visión de viralidade que non vexo neste caso. Ó mellor é porque entendo que as campañas para que sexan efectivas teñen que ser creativas, e isto paréceme aquelo de 'viño vello en odres novos'. Ou porque entendo que unha feira é para promocionar o que xa hai, e por tanto non teñen espazo específico para facer unha difusión, entrando en competición dende o primeiro momento con outras moitas alternativas. Pode que sexa por considerar demasiado tradicionais as recepcións, unha das actividades da presentación. Tamén pode ser debido ó acento final do hashtag, ou ó non saber poñer en abreviatura dixital o inglés because...
O caso é que a min non me ten que convencer. Eu xa estou convencido.

20150122

Deseducando

Os efectos da educación van amodiño, e así as decisións en materia educativa parecen menos graves que outras de efectos máis inmediatos. A estas últimas, como a lei mordaza, pódenselles contrapoñer as verbas verquidas ás ondas por un alto cargo 'educativo' (coido que o director xeral de universidades, pero colleume de sorpresa e non podo aseguralo), que máis ou menos de xeito textual, como primeiro razoamento para aprobar e impoñer ás universidades graos (antes diriamos carreiras) de tres anos en troques de catro, dicía: 'esto permitirá ahorrar el 25% de los gastos universitarios'. Como dicía Baltasar Gracián, 'lo bueno, si breve, dos veces bueno'. Este cargo educativo empapouse de Gracián.

20150121

Sobre unha enquisa para as municipais de Ribadeo 2015

Atópome no 'Mariña actual' de xaneiro unha enquisa de cara ás municipais. Exténdese por varios concellos, e desgta, trae o correspondente a Ribadeo. A súa ficha di que foi telefónica, con 200 enquisas (1 persoa de cada 50, vamos) a maiores de 18 anos, polietápica e aleatoria con cotas por idade, xénero e situación laboral, do 27 de outubro ao 3 de novembro pasado (é dicir, hai dous meses e medio), e aprecia unha marxe de erro 'na hipótese de mostraxe aleatoria sinxela' cun nivel de confianza de 90%, 'e no caso históricamente máis desfavorable (p=41%=1-q) o erro máximo admitido é +-5,65%'.
As táboas correspondentes ás gráficas do artigo serían:
Estimación de voto (% de voto válido):
BNG--------------- 60
PPdeG----------- 27
PSdeG-PSOE--- 8
Outros------------- 2
En branco------- 3
Voto directo (% sobre censo):
BNG---------------------------------------33,2
Non sabe-------------------------------17,8
Abstención/non censado-----17,6
Non responde-------------------------9,5
PPdeG--------------------------------------9,0
PSdeG-PSOE----------------------------4,2
UPRi-----------------------------------------0,4
Outros--------------------------------------0,0
Constitución da corporación nas eleccións 2015, con 17 concelleiros:
BNG-------------- 11
PPdeG------------ 5
PSdeG-PSOE-- 1
Valoración de líderes:
 (Candidato / coñecemento / valoración)
Fernando Suárez Barcia (BNG)------------- / 95,0 % / 6,79
Eduardo Gutiérrez Fernández (PSdeG) / 73,0 % / 5,03
Jesús López Penabad (PPdeG)--------------- / 50,0 % / 4,92
Agustín Reimóndez Gancedo (UPRi)----- / 34,0 % / 4,55
Non me vou meter en como se fixo a enquisa e a dedución de resultados, que polas condicións coido que hai campo para facelo, pero si quero comentar algunha cousa.
A primeira é evidente: unha enquisa a sete meses das eleccións ten validez daquela, non a 4 meses.
A segunda, pola propia estratexia de Ribadeo en Común, está sen presentar a día de hoxe, e polo tanto, non entra nas enquisas do ano pasado, o que tamén parece evidente que trastocaría os resultados.
A terceira, ordenei as táboas de xeito diferente ó claśico (e a como fai a publicación citada) para facer patente que se ben a abstención nas municipais anda polo 25-30 %, aquí, xuntándolle os non censados, vai no 17,6 %, o que fai soar as alarmas sobre a validez do conxunto.
A máis do anterior, sumado abstención/ non censados, máis quen non sabe e quen non responde, poñémonos nun 45 % dos 'votos directos sobre censo', afondando máis as dúbidas.
De calquera xeito, non é novidade algunha cousa nos resultados. Por exemplo, o maior coñecemento que ten a xente do alcalde en relación a outros candidatos (por certo, que entendo que Eduardo Gutiérrez non se vai presentar polo PSdeG e UPRi dubidaría de que se presentara nas condicións actuais e a pesar do dito 'históricamente' por Tino). Ou a maior valoración que se lle da ó alcalde en relación ós outros, ó mesmo que os resultados do BNG fronte ós outros partidos da actual composición do concello.
--
Sobre as eleccións en ribadeando:
Serie 'sen novidade na política ribadense'
Eleccións http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/elecci%C3%B3ns
Política http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/pol%C3%ADtica
eleccións 2011 e máis http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/elecci%C3%B3ns%202011
Eleccións xerais 2011 e máis http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/elecci%C3%B3ns%20xerais%202011
--
Nota: corrixido dun erro notificado a traverso dun comentario privado sobre a afiliación de E. Gutiérrez nun dos parágrafos.

20150115

Arredor de Charlie, nas nosas vilas

Os atentados de París de días pasados, en particular o sufrido no entorno de Charlie Hebdo, levan dado moito que falar. E por aquí, fálase de xeito xenérico ou en relación a Francia. Pero aquí temos tamén unha mestura de poboación que pouco a pouco se vai facendo evidente. Como calquera outra situación nunha sociedade, a complexidade das relacións fai tamén complexo o obter esa visión xeral aplicada as nosas vilas. Non por iso se pode obviar, facela desaparecer.
Son testemuña de que entre a xente nova a integración social dos pícaros de diferentes orixes é semellante, estando moito máis marcada por cuestións que afectan de xeito individual (estrutura familiar, nivel económico, xeito en que golpea a crise a unha determinada familia...) que por temas como a relixión ou o país de orixe dos pais. Pero tamén teño sido testemuña dun trato diferenciado de inmigrantes xa adultos polo mero feito de ter unha relixión diferente e saber que están en minoría, como agresións verbais repetidas sen ter cobrado conciencia os agresores de que 'iso' era un maltrato e un acoso, a pesar de telo falado. Supostamente, farían intervencións equivalentes ante xente de relixión cristiana, pero o caso é que o ser máis numerosos implica non só un recelo ante a posibilidade dunha resposta en grupo, senón tamén o sentemento de pertenza a ese mesmo grupo ó que se ataca, co que de xeito inconsciente toma outro cariz, tanto para quen ataca como para quen é atacado.
Entendo que non se trata pois de centrar o tema nuns atentados que evidentemente son condenables, senón na consideración tanto social como individual do 'outro' como un máis, ó tempo que nós mesmos tamén somos 'un máis'. E nestes tempos de construción dunha sociedade máis desigual, a falta desa consideración está a traer problemas para todos.

20150114

Do paro e outras estatísticas

Nos primeiros días do mes coñécense as estatísticas do paro. En Galicia é cousa deste śeculo. E no blogue levo varios apuntes, o último, hai un mes e algo sobre as estatísticas do paro. Cos novos datos, a cousa queda como se ve a continuación, e considero que o que dixen sobre a evolución do paro en Ribadeo daquela, hai un mes, serve perfectamente agora. Quizais coa nota de que en decembro Ribadeo comportouse ben en relación ó paro: Viveiro aumenta 19 parados, Foz 4, Barreiros 25, mentras Ribadeo diminúe 12, A Pontenova 2, Cervo 14 e Burela 11.


As dúas últimas son moi semellantes, pero na de porcentaxe vese que son máis importantes os aumentos, debido a que parten dunha base menor, dando unha idea lixeiramente diferente da evolución do paro.
Co tempo gustaríame estudar un pouco a relación entre paro e variación da poboación. Polo momento, nas gráficas seguintes, pódese observar como a poboación de Ribadeo aumentou máis precisamente entre o final da xestación e o comezo da actual crise. (unha nota a ter en conta: só despois do 1996 os datos dos que dispoño -collidos do INE- son anuais, o que pode levar a algún engano)
 Pero é quizais máis chamativo que a porcentaxe de mulleres en Ribadeo diminuíra co comezo da crise... cunha variación de case 0,8% entre 2005 e 2010, isto é unhas 80 mulleres.

20150113

Podemos deixar de ser dependentes.

Teño algún coñecido que insiste na vella provincia de Mondoñedo para afirmar a Mariña como entidade, lonxe do centralismo lugués. Hoxe a prensa lembroumo, con titulares como que os mariñáns peregrinamos a Lugo en pos de xustiza, a non menor peregrinación ó Hula para cuestións sanitarias, a conto de que queren que apoiemos que non se teña que ir á Coruña, ou sinxelamente con algo lóxico dada a actual estrutura vertical que mantén o estado para outras cousas: o comisario de Viveiro vai a Lugo para a conmemoración do 191 aniversario da Policía Nacional.
Alguén dirá que Lugo é a capital da provincia para algo. E si,  para algo é. Pero:
En relación ós xulgados, quitáronselle competencias á Mariña. E non creo ter necesidade de lembrar que Ribadeo leva sen un xulgado decente dende o 65 do pasado século, a recollida de sinaturas polo Tesón, e toda a historia para tentar conseguilo de xeito asociativo, despois de tirar a toalla na práctica dende as instancias políticas.
En relación ó Hula, parece que tampouco se pode ter un hospital completo na Mariña, que hai que lembrar que é a única zona vai aguantando o retroceso de poboación na provincia.
Si, o da viaxe do comisario xa sei que parece o dos vellos xornais ou semanarios que, como se pode observar nos vellos exemplares de La Comarca, daban nota dos viaxeiros partintes e arrivantes, pero o caso é que segue a haber unha comisaría en Viveiro, que, se se vai a Lugo, parece que quedará sen celebración 'adecuada'. Ou non?
Podemos deixar de ser dependentes: fómolo cando había menos medios, e estamos pagando un extra por vivir nunha comarca afastada do centro pero que contribúe por riba da media á construción provincial, en maior medida que o facía antes. Eficiencia, si. Equidade, tamén.
--
Algunha ligazón sobre o xulgado:
http://ribadeando.blogspot.com/2011/01/entregaronse-as-sinaturas-para-que-o.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/08/o-ultimo-intento-no-senado-para-traer.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/05/un-xulgadino.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/08/sobre-o-xulgado-nota-de-prensa-da-avv-o.html
Sobre o hospital:
http://ribadeando.blogspot.com/2013/03/unha-curiosidade-sobre-o-hospital-da.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/07/sanidade-na-marina-triunfalismo-e-verbas.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/02/que-non-ia-suceder-pois-sucedeu-nota-de.html
http://ribadeando.blogspot.com/2012/03/cachondeo-conta-da-sanidade-quen-cura.html
http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/un-artigo-sobre-sanidade-que-pasa-na.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/03/dous-anos-de-diferencia-duas-veces-o.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/sanidade

20150112

E ti, sabes como se administra Ribadeo? Un caso: gasto en limpeza

Faigome a pregunta de xeito recurrente. Cada pouco hai novas, feitos... que a desencadean. Sabes como se administra Ribadeo? Como se toman as decisións, quen as toma, en base a que, os recursos que implican, de onde se obteñen?
E evidente que non podemos saber de todo. Pero se queremos vivir e exercer unha democracia real, necesitamos ter un mínimo de coñecementos e actuacións sobre 'o tema'. É dicir, sobre como somos gobernados e os mecanismos de intervención que temos.
O certo é que esta volta a pregunta saltou por algo moi sinxelo: Onte nun xornal aparecían os datos de orzamento de limpeza dos concellos máis poboados de Galicia. Ordeeinos por gasto en limpeza por persoa, e logo por poboación. Os resultados:
Só como curiosidade, vemos que o concello de Vigo gasta por persoa un 50% máis nese tema que o de Pontevedra. O gasto por persoa non parece ter que ver (polo menos de xeito determinante) coa ruralidade do concello nin coa poboación. Habería que ir a procurar outras causas como determinantes. Tampouco podo xulgar sobre a relación coa limpeza efectiva (por algunhas das vilas non aparezo hai tempo), a máis de estar seguro que, como se di no artigo, que o centro estea máis ou menos limpo non implica que os barrios o estean.
Pois ben, agora a pregunta é: sabes canto gasta o concello de Ribadeo en limpeza? Deixo de novo a ligazón ó sitio oficial de difusión de datos sobre contas de entidades públicas do que dispoñemos en España.
Ealgo para 'animar': co número de habitantes de Ribadeo, se tivera o gasto por persoa de Pontevedra (é dicir, o menor das sete cidades), o gasto en limpeza andaría por 900 000 €. De ter o gasto correspondente a Vigo, a cousa levaría a 1 400 000 €.
É dicir, entre o 10 e o 15% do orzamento municipal. Ou, dito doutro xeito, como para sabelo.
--
Unha nota: Que inclúe o gasto en limpeza?

20150111

Galicia: operación acordeón e síndrome de Estocolmo

Sorrir ou chorar? Loitar!
Comezo pola conclusión e paso ós datos. Dun só feito, pois podería procurarse outros moitos coa mesma ou semellante conclusión. 2014, ano sen eleccións: a Xunta eleva un 34% o canon de SoGaMA. 2015, coas municipais e as estatais á vista: a Xunta rebaixa un 10% o canon de SoGaMA.
Variou obxectivamente o entorno, as condicións para a rebaixa? Non aparentemente. Se confiamos nas perspectivas oficiais, máis ben cabería esperar un pouco máis á recuperación para poder subilo de novo, en troques de baixalo. Estamos ante un máis dos moitos casos nos que a manobra ten só como finalidade a continuidade no poder dun grupo, non o exercicio do poder en beneficio de todos. Poder que, estamos en tempo de ter que lembralo, é de todos.
Unha auténtica operación acordeón na que primeiro aprétase e logo afróuxase. O afrouxar síntese un respiro, e hai un certo agradecemento por ese respiro: iso é máis ou menos o que representa o síndrome de Estocolmo. Claro que dito síndrome aplícase ós reféns secuestrados. Pero, que máis da, se estamos na realidade secuestrados nun sistema do que non temos o control.
Iso si, SoGaMA é moi caritativa e ecolóxica: con coge3 realizará unha campaña de limpeza de costas... o que aparece na súa web. O dos prezos, non: diso encárgase a Xunta.
Algún dato máis sobre o tema? Oficialmente, a posibilidade de baixar o prezo débese a dous factores: unha xestión eficiente en SoGaMA e unha xestión eficiente dos tratos Xunta-Ministerio. Vamos, que antes non eran eficientes e Madrid os tiña maltratados, e iso cambiou, e por iso impuxeron unha subida.
No 2014 SoGaMA 'perdeu' un 85% menos do previsto, pero non desquita a suba, senón que rebaixa agora o custe para os concellos. Por certo, se segue a perder e están apoiando dende a Xunta, por que rebaixan as cotas? Como diría alguén, 'misterios do universo' (que pagamos entre todos e votamos entre todos)

20150109

As catedrais

Aínda non saíu no DOG. Si nos medios: Un novo anteproxecto para As catedrais. Así.
O nome en realidade é algo máis longo: anteproxecto de decreto do plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais. O dicilo 'con todas as letras' forza tamén a acotar máis as ideas relacionadas.
Dia na nota de prensa do concello que "non opinamos sobre unha nota de prensa emitida pola Xunta de Galicia, porque temos que estudar ese anteproxecto do plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais. Temos que ver si as alegacións presentadas por este Concello na primeira fase foron tidas en conta, para despois pronunciarnos ao respecto".
Teño unha teima coa declaración de principios sobre Ribadeo, o que eu chamo 'o Ribadeo que queremos'. Que eu saiba segue sen definir. Non o fai o PXOM, buque insignia da planificación municipal, nin outros documentos que poderían indicar a dirección, polo que o criterio, seguindo ó pé da letra a nota do concello que aparece na súa web, é "ver si as alegacións presentadas por este Concello na primeira fase foron tidas en conta". Quizais non sexa así, e haxa máis profundidade... espero que haxa máis profundidade que iso.
O tema faime lembrar a proposta feita ó concello hai anos sobre o regulamento de participación cidadá pola Mesa de asociacións de veciños. A resposta, tempo despois, foi presentar un pastiche sen amosar nin que fora lida a proposta presentada. Aínda así, contestouse cunha análise e unha proposta de adaptación do novo documento ó que se pensaba que debía ser. Anos despois, o documento aprobado de xeito preliminar segue sen ser aprobado de xeito definitivo. Entendo que a razón é que non hai unha definición clara da participación que se quere. Pois neste caso puidera ser algo parello. Así que, para cando unha definición do Ribadeo que queremos? ... claro, con participación. Mentres, haberá que darlle unha ollada ó plan 'sobre as Catedrais'. Cando sexa público.
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/10/apelando-sobre-as-catedrais.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/10/catedrais-ribadeo-futuro.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/09/participando-que-e-xerundio-as.html

20150108

Conexión Asturias

Dende Ribadeo pobo estamos afeitos a que cousa da metade da nosa mirada sexa para Asturias, coa ría por medio. O ser unha punta do que abrangue na actualidade a administración autonómica galega lévanos a iso. Xa non se trata do enganoso 'primos irmáns' cos asturianos, nin de esgrimir a historia para lembrar a extensión do reino galego ata a desembocadura no Navia, senón de cousas máis prácticas, como a resolución da mina de ouro, o remate da A8 en terras asturianas ou o entronque de FeVE en Navia coa papeleira. Cousas todas que ocorren en Asturias, pero que non nos son indiferentes.
Non nos é indiferente que o remate do trazado da A8 nos achegue a Francia, á Europa por onde se vai a nosa xente nova, pero tamén ó País Vasco, de onde ven unha parte do turismo que recibe Ribadeo, incluídos poseedores de casas ou pisos no noso concello.
Tampouco o é que o Principado, o seu goberno, dea carpetazo á actual versión da mina de ouro de Tapia-Salave, en contra da que loitou máis dun ribadense polos efectos nocivos que tería o tratamento do ouro e os perigos dos residuos, tanto a nivel medio ambiente en xeral como a nivel da zona, que abranque ata Ribadeo.
O terceiro exemplo aínda está no aire: moitos ribadenses ven con frecuencia a ponte construída para o tren en Navia, aínda sen vías, dirixíndose cara a Ence-Navia, e a vista leva, cada vez, ó pensamento sobre o trasego de mercadorías en Ribadeo-Mirasol. Rematarase este ano? Optará ENCe por primar o tren despois das ofertas dunha e outra beira durante anos, que a empresa vai tratando como o desfolle da margarida si-non-si-non...?
En fin, Asturias está aí, nos estamos aquí, e cómpre o ser conscientes de que ten que existir relación, cada un dende o seu lugar...

20150107

Desarmouse o Belén?

Anos anteriores téñome referido ós beléns. É un 'produto tradicional' destas datas. Este ano o certo é que polo momento non visitei ningún dos varios que en Ribadeo permiten facer unha 'ruta belenista', idea que coido que xa dixen algunha vez.
Escollo por esta volta dous beléns de fóra de Ribadeo, estimo que montados con esmero pero non con tanto (nin con tanto detalle e precisión), un asturiano (as dúas primeiras fotos), nun centro comercial, e outro, galego, (oito máis extenso, o resto de fotos), montado por un particular nun establecemento da Terra Chá. E é que chámame a atención o carácter 'etnográfico' de ámbolosdous. No primeiro caso ou no segundo, hórreos e pallozas forman parte da imaxinería, montada con ideas diferentes. No centro asturiano, decoración que lembra que é época de compras, o que hai que estimular. No segundo, que é unha época diferente, e que aquí tamén tivemos unha tradición agrícola que se está a perder. En calquera dos dous casos, aproveitan unha idea de nacemento cristiana, baseada quizáis nun renacemento solar ó que se lle rendía pleitesía abondo anterior á idea do cristianismo. Moitos, moitos anos despois de que a idea de nacemento relixioso tomara forma séndolle adicada esta tempada, nos nosos tempos facemos un uso aproveitado, e así tomamos unha celebración e cambiámoslle o significado por enésima vez. O Belén xa está desarmado no seu significado...

Ó pé, figuras asimilables a xudea. No alto dos montes, estruturas típicas asturianas.
Desta parte da montaxe, parece que o neno nacera en Cabrales.
 O segundo belén ten particularidades, ambientes, como este 'belén aéreo' aproveitando un bando adosado a un muro.
 Abundancia de auga: isto é a Galicia tradicional, non Palestina.
 Pallozas, vacas, lavandeiras...
E o minifundio galego con algunha estrutura megalítica diante.
Está desarmado o Belén?
Algún artigo sobre os beléns, en 2013-14: http://ribadeando.blogspot.com.es/2014/01/concerto-de-nadal-e-residuos.html
En 2012-13: http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/12/e-armouse-o-belen.html
...

20150101

Facendo un resume das visitas ó blog

Levo observando esta última tempada un aumento das visitas ó blog (algunhas, como deixei apuntado nunha entrada, de bots, non contan), e deixo aquí os datos dun dos contadores, sinalando unha marca mensual dende o nacemento do blog. Xa veremos o que sucede neste novo ano: 51 visitas a mediodía nun día que está a xente out.

Hoxe, bo día

Primeiro día do ano, mañá clara, algo fría, pero espléndida. Por hoxe, só un resume de temperaturas da temperie ribadense do xa pasado ano 2014:
Como xa tiña anunciado, en Ribadeo o 2014 foi o máis cálido do século e o máis cálido do que se teñen medidas, a pesares de que o penúltimo día do ano, o 30 de decembro, foi o máis frío do período, acadándose na Pedro Murias -0,1 ºC.
O primeiro, a táboa co resume da maioría da información: agosto destaca como o mes tradicionalmente máis quente, e o ano 2014, con 14,70 ºC de media, bateu a marca do 2006.
A anterior é unha gráfica que representa a temperatura media de cada un dos anos representados, ata o día que corresponda. Vemos que o 2014 encaramouse á máxima das medias aló por setembro, incrementando a diferenza de temperaturas con outros anos ata mediados de novembro, e mantendo a distancia dende aquela. Case 0,2 ºC de diferenza de temperatura con outro ano é moito.
Esta gráfica representa as temperaturas medias anuais, destacando o 2014.
Se xa teño unha entrada na que destaquei que 2014 era un ano que tiña o máximo de días con máximas >25 ºC, o cambio climático en curso queda tamén apuntalado pola beira das mínimas: foi o ano con menor número de días con mínimas menores de 3ºC, baixando de media algo máis de 1 día ó ano con esa condición: entre os 26 días con menos de 3 ºC do 2005 e os tres do ano pasado hai unha diferenza considerable.
É curioso ver como varía a temperatura mes a mes, por termo medio. A gráfica anterior e a seguinte son equivalentes, dous xeitos de ver esa variación.
Por último por hoxe, dúas gráficas onde se ve a variación da temperatura media anual. O aumento é lento, parece non verse moi claro, pero se se botan as contas (gráfica final), a tendencia comeza a verse, subindo dúas centésimas de grao ó ano... o que non é en absoluto representativo a non ser que se integre na temperie global.

Hoxe, bo día, bo comezo do ano.
--
Esta entrada está tamén en http://fqribadeo.blogspot.com.es/2015/01/hoxe-bo-dia.html