20141127

O caso de Ribadeo, dende Pontevedra

Mantiven onte que Ribadeo necesita un chequeo. Non é algo extraordinario nin en razóns dun mal estado, senón unha actuación de funcionamento normal precisamente para evitar ter que tomar nun momento dado medidas extraordinarias en razón dun mal estado.
Nomeaba tamén o premio recibido por Pontevedra, o 'Premio Internacional de Dubái',entregado polo concello de Dubai en colaboración con ONU-Habitat. Os premiados, entre eles, Pontevedra por 'Un modelo de cidade centrada no pobo', poden consultarse aquí.
Coido que os premios hai que tomalo cunha certa distancia e visión de conxunto, incluíndo cousas como quen os da, factores que inflúen na concesión, etc, e non comulgar con rodas de muíño facendo da concesión unha inmediata referencia/reverencia. No caso de Pontevedra, por exemplo, coido que habería que ter en conta o número de premiados e a diferente entidade dos premiados na mesma categoría.
Unha volta lembrados os atenuantes, pode servir dalgún xeito de referencia para Ribadeo?
Pico entre algunha cousa das que fai referencia Pontevedra Viva:
Peonalización do centro histórico. Tamén está Ribadeo niso... quizais o baches que se observan en zonas como o cine-teatro ou San Francisco foran evitables ó 'humanizar' (a verba chusca empregada aquí) as rúas.
Saneamento integral do ecosistema ría/río. A comparación entre saúde de ambas as dúas rías é difícil por varias razóns, incluídas impacto e tamaño, a máis de control de ambas marxes. Agora ben, iso significa que a ría de Ribadeo debe estar manga por ombreiro?
Creación de diferentes sendas ciclistas e peonís. En canto ás peonís, considerando o tamaño poboacional, e sen coñecer moito Pontevedra, coido que gana Ribadeo, aínda que todo sexa mellorable. Outra cousa son as sendas ciclistas, inexistentes en Ribadeo a pesares de contar dende hai anos cun servizo de aluguer de bicis para turistas. De novo, o mantemento / desenvolvemento / atención prestada ó servizo tamén sería moi mellorable.
Aplicación de limitación de velocidade a 30 km/h. Contrasta coa política de pasos elevados seguida en Ribadeo, que non é tanto de limitación como de perxuízo de uso de vías públicas. Por suposto non en todas as zonas é igual, co punto álxido nos arredores do ascensor no paseo marítimo Alfonso Rodríguez Castelao, cunha situación que por sorte non se repite en todos os lugares.
A recepción do premio internodes. Ben, poderíase tentar equiparar ó premio recibido pola actuación que inclúe o ascensor supostamente panorámico... e entendo que fracasaríase.
A nova non o cita, pero ambas vilas teñen alcalde do BNG. Niso son abondo comparables.
Trataríase realizar un traballo para recuperar os espazos públicos para a cidadanía, fomentar a autonomía persoal, eliminar os riscos derivados do tráfico, reducir a contaminación aérea, acústica e da auga, recuperar áreas urbanas degradadas, fomentar a mobilidade non contaminante e saudable, mellorar a conexión entre a vila, ría e ríos. Non se trata de copiar (apuntei que nalgún caso, Ribadeo estaría mesmo por enriba), denigrar ou ensalzar, senón de ver, e aproveitar para ter criterios para ese chequeo que reclamaba onte.

1 comentario:

Agremon dixo...

Paso aquí un comentario que me fixeron noutro lugar:
Pontevedra non ten buses urbáns. Unha curiosidade que sempre quixen saber o motivo. Práctico? mais ou menos contaminazón? os taxistas fánse de ouro? usa moita xente o vehículo particular?
A miña resposta: nin idea.