20140604

Vai de diversión. Algo diferente.

A xente necesita divertirse. O dos xeitos de diversión xa non está tan claro, porque hai un amplo abano, e non a todos nos gusta o mesmo.
Ven a cousa a conto do 'legado do Tibu' que se ten expandido estes días pola zona a traverso do mundo dixital. Non é raro, se cada un que se mete no rollo 'nomea' a outros tres que tamén o fan, a progresión é tal que en dez 'nomeamentos' chégase a 59000 persoas, isto é, algo comparable á poboación mariñán. O que tampouco teño tan claro son tres cousas: unha, a dexeración que sufriu o motivo do 'nomeamento', dende o apoio a alguén con cancro a (hai variedade, de novo) provocar algo divertido ou fastidiar (de xeito divertido, si) a alguén. É unha mutación que me chama a atención.
Dúas, o propio nome que leva aquí, 'o legado do Tibu', que foi algo que pasou na importación a Galicia do xogo viral, levando o nome do 'importador' (quizais deberamos chamar 'exportador' por residir no estranxeiro) e co título de 'legado', herdanza no xeito de facer cumprir aquelo que herdas. Ben, nese caso, é algo que aquire tintes de normalidade, o que queiras cumprir coa vontade de quen che deixa a herdanza... ou pagar unha cea (segundo os casos, mariscada, cousa da importación a Galicia).
Con iso ven a terceira cousa que non teño tan clara: lembra aquelo de 'truco ou trato' do Halloween coa imposición externa do xogo. Pola miña parte, teño claro que podo bañarme auga fría, pero non entro no trato nin no truco, pero o corrente é collelo como unha obriga para poder pasar o testigo. Algo así como as estafas piramidais, nas que ti pagas para comprar a participación que te da 'dereito' a vender 'participacións' que te pagan a ti. E é que aínda que vaia de diversión, se é imposta... serve se ti o queres, e para comprobar que as toleadas colectivas existen.

Ningún comentario: