20140626

Que sabemos do concello?

A cousa é que é no concello onde se toman decisións de xestión inmediata que nos afectan. Dende hai tempo veño pedindo unha apertura para ter a posibilidade de coñecer non só as decisións a auga pasada, senón a tempo, e os datos que as poden fundamentar, etc. Tempo significa xa cousa de dúas décadas. Nese tempo, desenvolveuse unha web, pódese dicir. Unha web unidirecional e escasa. As comunicacións co concello seguen a ser lentas. Mesmo, boa parte da xente non sabe ben nin que horario teñen as oficinas. Isto indícanos que a xente, nós, temos unha parte importante de culpa. Parece evidente que se reclamáramos, quixéramos saber, pediramos os nosos dereitos, nos involucráramos na xestión de nós mesmos, a cousa sería diferente, con ou sen web.
Imos ver. Antonte celebrouse o acto de inicio de obras da residencia. Houbo unha manifestación dunha mil persoas no seu momento, un apoio de dúas mil sinaturas, unha presión social importante, as novas incluían o número de prazas... e chegamos a hoxe, obras xa comezadas, fotos xa tomadas, comentarios xa feitos, ... canta xente viu os planos?
Pódese dicir que non é necesario. Vale. Que se vai facer co edificio que vai quedar en pé das antigas casas dos profesores? Tampouco é necesario. Vale. Cantas prazas vai ter? Iso é mais doado, saíu moito nos xornais. Abondo probable que case todo o mundo poda responder que menos de cen. Afinemos logo un pouco máis. Máis ou menos das que ten o actual hospital-asilo? Iso xa é para nota, claro, e tampouco é necesario. Ben, que vai facer falta para entrar? Iso dependerá dunha regulamentación futura, claro. Vale, pero chegado aquí, cabe preguntar: e cando te vas preocupar dela, cando xa non sexa necesario? E da súa aplicación, cando queiras entrar e andes na procura dalguén que mova o tema?
Mentres, o regulamento de participación cidadá segue sen marchar despois de que a AVV O Tesón alegara debido a que máis que un regulamento de participación cidadá parecía un regulamento de relegación cidadá ós intereses empresariais.
Seguirá, que a cousa non remata aquí.

Ningún comentario: