20140430

Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo

1.Hoxe hai un debate entre políticos. Na Casa das Letras, ás 20:30
Participarán:
* Jesús López Penabad, é enxeñeiro técnico forestal. Actualmente é presidente do PP de Ribadeo e coordinador sectorial de turismo na executiva provincial do PP de Lugo.
* José Ramón Val (PSOE), licenciado en Ciencias Políticas pola USC, foi delegado provincial de Pesca na Xunta de Galicia. Foi tamén deputado na corporación provincial de Lugo, onde dirixiu a área de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación. Na actualidade desempeña o cargo de voceiro do grupo municipal socialista no concello de Foz e tamén é deputado no Pazo do Hórreo, onde é voceiro de Pesca.
* Olalla Rodil Fernández (BNG): licenciada en Publicidade pola UVI. Xornalista e especialista en estudos internacionais. Redactora do xornal Sermos Galiza.
* Paulo Carlos López (CxG), licenciado en Xornalismo e en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. É membro do grupo de investigación CIDECOM da USC sobre cidadanía e comunicación. Colabora co Grupo El Correo Gallego e coa revista Tempos Novos.
... por un un inconvinte de última hora, non estará o participante de AGE.
2.O Tesón liberou onte unha nota de prensa para dar a nova do ciclo 'Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo', comezando o próximo sábado 10, con participantes de primeira fila e pretendendo discutir sobre o Ribadeo que vemos e que queremos:

AVV O Tesón
Nota de prensa 20140429
-
Ciclo de charlas de primavera Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo.

Unha vez máis, a AVV O Tesón presenta un ciclo de charlas para provocar o debate sobre Ribadeo. Neste caso, para desenvolver no mes de maio,o ciclo leva como título xenérico “Ribadeo a debate. Visións de Ribadeo”. Con el preténdese que catro ribadenses con ampla visión sobre o noso entorno, tanto da vila de Ribadeo como do entorno ría ou do conxunto da comarca, podan falar libremente dando a súa visión e propiciando un debate en torno ós seus puntos de vista.
En tódolos casos trátase de persoas que dalgún xeito son consideradas en Ribadeo como un referente, ben polos seus escritos, a súa vivencia ou por ambos, e que comparten unha querencia forte por Ribadeo, cada un ó seu estilo.
As charlas constarán dunha primeira parte, expositiva a cargo do conferenciante, e unha segunda, na que se tratará o debate sobre as ideas e feitos expostos relacionados co noso pobo. Desenvolveránse no Salón de actos da Casa do Mar, comezando ás 20:00 horas. A entrada será libre e gratuita ata esgotar localidades.
Como resume do ciclo, Podemos tomar:
-10 maio, sábado, Xosé Carlos Rodríguez Rañón: Ribadeo visto desde fóra por un de dentro.
-16 maio, venres, Chemi Lombardero Rico: Ribadeo; un porto, un hinterland, dúas comunidades.
-23 maio, venres, Víctor Moro Rodríguez: Ribadeo
-30 maio, venres, José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández: La evolución de Ribadeo desde mi llegada
Previamente a cada unha das charlas darase información máis concreta relacionada con ela.

20140429

O coidado de Ribadeo

O coidado dun pobo maniféstase a varios niveis. Quizáis un primeiro nivel, por ser unha cousa do día a día, son os pequenos detalles, que só requiren un pouco de cabeciña para seren corrixidos. Despois virían aqueles outros que están integrados xa nos xeitos de facer, nas costumes, e que necesitan o manter a vontade de cambio dun xeito máis prolongado. Por último, os que costan cartos xa dende o comezo, porque inclúen unha planificación, parecen máis sinxelos de evitar, pero polo funcionamento deste mundo noso, da sociedade e das institucións, diría que son asemade os máis difíciles de evitar. Iso, a grandes rasgos, pois dentro de cada unha das categorías hai variación abonda como para que as divisións non sexan tan claras.
A semana pasada tomei algunhas fotos para ilustrar o que digo enriba.
A primeira foto é dun verquido de aceite de motor no acceso detrás do hiper de Eroski, entre a vía do tren e a autovía. Cousa detestable aínda que puntual.




O segundo, na estrada por diante de Eroski, a que foi cedida hai non tanto tempo ó concello, manifesta unha acumulación de lixo que se convirte en hábito. Isto é, unha mal hábito que hai que cambiar.
Por último, a terceira vai con outro nivel da escala, a 'cabeza' institucional. Trátase da xa ex mexadoiro de King Kong (ou aquí, un ano antes, entre moitas posibilidades expostas no blog), rechea de terra en plan maceta xigante. Algo que xa leva uns días así e que foi atacado polo voceiro do PP. A cabeciña institucional ten defectos parellos ós que podemos ter en cada casa, pero máis vistosos e máis caros... con cartos de todos.

20140425

25 de abril, toca revolución. Miro Casabella

A 'revolución dos caraveis' en Portugal hai 40 anos marcou un día distinto tamén para España, sumida naquela época no final do franquismo. Hoxe vese como unha revolución incruenta, case como unha excepción dentro do cambio político instantáneo, e tamén se pode observar en perspectiva a traxectoria portuguesa posterior e concluír cales foron os cambios reais en Portugal a partires da emisión radiofónica do 'Grândola, vila morena'.
Este ano Ribadeo en certo xeito vai celebralo, pois terá lugar hoxe unha homenaxe a un artista que despuntaba daquela, Miro Casabella. Copio parte da nota de prensa anunciándoo:
"(...) Sobre todo o que se pretende é pór en valor o traballo de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción do tardofranquismo e a época da transición.
Os actos do venres en Ribadeo consistirán nunha exposición fotográfica na zona peonil con imaxes de mobilizacións sociais e traballos discográficos da época da Transición. ás nove da noite haberá uns pasacalles de Tumba e Dalle e actuarán fronte ao Teatro as pandereteiras de Alesancia. Tamén haberá repartición de caraveis vermellos e postais e darase comezo a un concerto que incluirá as actuacións de Tundal, do grupo de Antón Castro (ex de Fuxan os Ventos), a música ribadense Carmen Rodríguez, que versionará un tema de Miro Casabella, ademais do gaiteiro de Viveiro David Bellas, que interpretará unha peza escrita en recordo do homenaxeado.
Tamén haberá lecturas de Eli García-Bouso, da agrupación cultural Francisco Lanza ribadense, ou de Tamara Rubiños, de Ollomao de Barreiros.
Presentarao o xornalista Xosé Salgado Agrelo e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e o Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. En total, participan once asociacións da comarca".
Quen vaia ver a foto da presentación nos xornais (por exemplo, aquí), poderá verme polo medio. En realidade, pode dicirse que 'eu pasaba por alí', pois non participo na organización, pero fun enterarme por unha razón persoal: Hai preto de corenta anos que estiven nun pequeno grupo que se encargou de organizar un concerto de Miro Casabella en Valladolid, do que me lembro de varias cousas, incluído o moderado éxito de público ou o ter quedado xusto a pre, pero tamén de que Miro preferiu pasar a noite nunha casa de coñecidos a facelo no hotel no que estaba previsto. E dende aquelagardo unha certa deferencia. Alédome de que hoxe, 40 anos despois do cambio de goberno portugués, sexa el o motivo dunha celebración en Ribadeo.

20140424

As Catedrais: unha praia?

Estes días estívose a falar da praia das Catedrais. Boeno, pode que sea bo dicir do Monumento Natural das catedrais. Ou do Cantil das Catedrais... entre outras posibilidades, como o maná das Catedrais.
As discusións levaron como fondo a crítica, liderada polo alcalde, á Xunta de Galicia (aquí, o vídeo correspondente de 2013, e aquí, nunha cadea de tv estatal estes días). E si, a Xunta de Galicia pode ordenar cousas que o alcalde de Ribadeo non pode, nun lugar que alongando as cousas, en liña recta non chega ós setecentos metros, e no que se produciron colas duns tres quilómetros esta Semana Santa.
Pero estamos nun pobo que, co enésimo intento de aprobación do PXOM en Santiago, segue sen definir unhas liñas mestras de desenvolvemento despois de definir o Ribadeo que queremos, máis aló do tácito ir tirando no sentido que marque o momento, e que por non saber, non sabe que son as Catedrais. Quizáis lle pareza a que lea isto que iso non é así, pero volvo ó comezo do artigo: ás Catedrais hai que vela como praia, como monumento natural, como lugar a explotar económicamente ou como que? É posible que se pretenda conxugar en diferente grao diversos elementos na definición, pero tamén nese caso terían diferente importancia. Agora, a última nova é que se cobrará por mexar. Imaxino que non se cobra por baixar por cuestión de competencias. Pero postos a cobrar, estimo que habería que comezar por cobrar o aparcamento antes de facelo por unha necesidade humana. E ben, o cobro por mexo din que vai redundar na conservación da praia. Hai algunha medida deseñada? Para que fin concreto, con que obxectivo? Está ese obxectivo consensuado?
E, o plan pedido para que, despois da visita 'ó segundo lugar máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago', a xente deixe os cartos en Ribadeo? Hai algo diso?
As Catedrais esá nunha área LIC. Está prevista algunha integración da conservación conxunta?
Lévase moito tempo dicindo que é un perigo, a máis dos destrozos que ocasiona, que a xente ande facendo a cabra polos rochedos. O caso é que o vídeo do alcalde amosa que segue a ser así, mesmo nas 'barbas' da autoridade. É dicir, non se pode ir nunha soa dirección, senón que hai que tentar chegar a onde se pode co que hai. E algunha das cousas que se poden facer é unha definición de que consideramos ese espazo para pasar a unha ordenación do mesmo, ou sinxelamente aplicar a normativa da que xa se dotou  para a súa protección.
En fin, o tema continuará, e como algo que pode soportar o paso diario dunha cantidade de xente equivalente á poboación do concello, e que aínda está sen definir nin ter obxectivos claros e consensuados para o seu futuro, non vai ser doado. Por certo, hai algunha previsión/estimación de cánto pode tardar en caer o último arco?
Algunha foto xa vella, do 2009, que lembra que o tema non é novo. Por certo, cousa dun ano despois das fotos, a zona foi visitada por xente da UE despois dunha petición do alcalde:

20140423

E máis auga

    O día do libro, con actos ó seu arredor, tamén en Ribadeo, a adxudicación das obras da residencia á UTE Anllar, a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo (o curioso acrónimo PEPRICH) e as bolsas de chan edificable en Ribadeo ou o coleteo da marabunta nas Catedrais serán hoxe novas tratadas nos xornais. O retorno da choiva coido que non merecerá tal. A auga, a 'outra' auga, a da billa, non o será, pero fará de comentario de fondo en moitas conversas. Hoxe tiña pensado tratar calquera dos outros temas, pero levantarse e ter para o aseo persoal unha auga na que non se confía na súa calidade fíxome cambiar de idea.
    Pouca xente lembra que a recollida da auga de Ribadeo comezouse a facer hai tempo do rego de Vilaselán, desviándoo cara ó 'Pipelo', despois pasouse directamente ás Fontes do lobo, o seu nacemento por tras de Santa Cruz, para a recollida da auga: aínda están alí as casetas ben visibles e usables, casetas que teñen saído xa algunha vez no blog [o tema da auga, dende diferentes puntos de vista, foi tratado en moitas ocasións, como aquí]. Despois fíxose un encoro no río Grande, á altura da desviación para Noceda dende a estrada Reme-Villamar, e realizouse o depósito á beira da estrada segundo se sube a Santa Cruz. E, por último, cóllese auga do Eo, con moito máis caudal que o Grande, á altura de Vilarbetote, súbese a un depósito que se observa alí por riba da estrada que leva a Lugo, e de alí distribúese a Trabada e á Ribadeo, pasando polo depósito que está un pouco embaixo de Santa Cruz a unha altura semellante ó de Vilarbetote, e que se ve sobre a estrada Reme Vilamar ladeira enriba e que é onde se atopa a estación de tratamento. No mapa collido do Sigpac dispoño de xeito aproximado as tomas de auga en círculos en negro e os depósitos noutros máis pequenos en vermello claro. A conexión do depósito de recollida do Eo cos  de Santa Cruz fáise a través dunha traída que segue de preto o trazado da estrada a Lugo e que non está en moi bo estado, como amosan os continuos cortes por rotura, polo que sería necesario substituír (para o que non hai cartos) xa que se se repara de xeito integral nas zonas de rotura, a presión podería facer estalar en zonas algo máis altas e en xeral de más difícil acceso, o que levaría a reparacións máis complicadas e longas, co desabastecemento pertinente.
    Ben, o tempo hoxe non da para máis. A ver se mañá xa está dispoñible auga de mellor aspecto para o consumo.

20140422

Unha dun par de cousiñas. Unha feira

Focalizando na Semana Santa ribadense, máis aló das procesións, a temperie ou do pobo cheo, con marca de ocupación hostaleira, quedariame en dous fenómenos ben diferentes. Un, a saturación 'alucinante' da praia das Catedrais polas visitas, con colas ata a autovía 'e máis aló'. Outro, a Feira multisectorial de Ribadeo, primeira edición.
Pola súa diferenza, coido que deben ser tratados en días diferentes. Hoxe 'tócalle' ó que creo menor dos dous, á feira.
A feira multisectorial tivo 40 'expositores'. Foi organizada por unha empresa privada en terreos privados fóra do casco urbano e na zona dun centro comercial. Coido que está claro que foi realizada para aproveitar a presenza de público nos días de Semana Santa, e non para atraelo. Máis ben diría para desvialo dende o centro urbano, en detraimento do centro da vila, por moito que non se notara debido a afluenza de xente (a lembrar que por moito desaproveitamento que haxa das visitas ás catedrais, unha parte do fluxo que as visita remata en Ribadeo).
Por outra banda, a dez quilómetros, na Veiga, unha feira ben asentada con dobre número de expositores tiña lugar na fin de semana. En ambos casos o balance foi un éxito segundo os organizadores. No caso de Ribadeo non houbo anuncio -que eu saiba- de posteriores edicións, aínda que se comercialmente resultoulle ben á empresa, é de supoñer que haxa máis edicións.
E Ribadeo, como queda? Pois a pesares de non estar no centro, se a feira fóra capaz de atraer máis xente para Ribadeo, ó mellor a hostalería e o comercio ribadense podería beneficiarse algo. Así, nesta edición, sen capacidade de atracción, como dixen antes, coido que máis ben resta tempo e cartos ó centro por moito que o colapso das Catedrais a máis do tirón xeral de Ribadeo na época tivera cheo Ribadeo de calquera xeito. Algo ó que darlle voltas se se quere aproveitar unha nova actividade para algo máis que en beneficio dos propios promotores.

20140421

auga

Hoxe chove, mesmo de tempo den tempo, forte. Iso non é nova. Polo que está a pasar da útlima tempada, tampouco é xa nova que a auga da billa non teña unhas características axeitadas para o consumo, tanto polo sabor como olor ou polo feito de que ó lavar as mans queden como máis lisas. Non sei se pasa en todo Ribadeo ou en algunhas zonas. Sei que non afecta a todos ó mesmo, pois a sensibilidade ó sabor, por exemplo, non é en todas as persoas igual. Asemade, sei que é algo discontínuo, de intensidade variable, e relacionado co tratamento que sofre/goza a auga da traída.
O tratamento da auga é fundamental para o seu consumo no actual volume, o consumo obrigado dun ben indispensable. O seu tratamento pode ter erros ocasionais, e nese caso hai que tentar minimizalos, ou sistemáticos, e nese, hai que corrixilos. En Ribadeo, diría que o tratamento da auga está pasando de ter erros ocasionais a sistemáticos, pero non sei a extensión dos mesmos...

20140417

Adiante. A residencia irá adiante.

Sinxelamente, reposteo de http://www.cronica3.com/2014/04/o-concello-de-ribadeo-asegura-que-lle-enviara-a-xunta-toda-a-informacion-que-precise-sobre-o-plan-de-viabilidade-da-residencia-de-maiores/
O Concello de Ribadeo asegura que lle enviará á Xunta toda a información que precise sobre o plan de viabilidade da residencia de maiores
Ribadeo, 16 de abril de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe á carta que a Xunta lle acaba de remitir ao Concello pedíndolle máis documentación sobre o plan de viabilidade da residencia de maiores. O rexedor asegura que non ter ningún problema en explicar e matizar todo o que queiran, pero amósase sorprendido porque tiveron tempo de pedir todos eses datos hai meses e fano agora. Para Suárez Barcia a Xunta nunca quixo nin quere esa residencia para a que comprometeu 500.000 euros. O alcalde pensa que a administración autonómica poñerá todas as trabas posibles con tal de non desembolsar esa cifra e subliña que a residencia de maiores de Ribadeo será unha realidade, lle pese a quen lle pese.
O rexedor explicou que “acabamos de recibir por parte da Consellería de Traballo e Benestar esa resposta na que dalgunha maneira nos piden máis documentación sobre o plan de viabilidade que temos previsto para a residencia de maiores de Ribadeo, unha vez que se remate a súa construción. Nós non temos ningún problema en matizar, en explicar, en que os técnicos lles aclaren todos os aspectos de qué é o que non entenden desde a Xunta de Galicia para que, en definitiva, nos poidan librar esa cantidade de diñeiro que se comprometeron a aportar. Vaia por diante a nosa intención aberta e lexítima”.
Fernando Suárez sinalou que “vaia tamén por diante tamén a nosa sorpresa porque ben tiveron tempo desde que a finais de 2013 lles enviamos toda a documentación que nos pedían, e aínda agora en abril de 2014 é cando se descolgan con estas circunstancias, que temos en conta para nós, pero cremos que non hai igualdade de trato con respecto a outros concellos. Por exemplo en Cervo a Consellería financiou o 100% da residencia e xa rematada aínda non sabe cal vai ser o modelo de xestión, que é o que nos piden a nós que digamos cando no caso de Ribadeo a infraestrutura aínda está sen facer. Co argumento que nos dan demostran que a Xunta nunca quixo a residencia de Ribadeo e segue sen querela”. Para o rexedor ribadense “a Xunta ten que aceptar e ten que tragar coa unidade de todos, tanto da Corporación Municipal como dos milleiros de persoas que en Ribadeo a queren. Aínda que de aí a poñer a súa exigua parte de 500.000 euros, xa advertimos moitas veces que van poñer todas cantas trabas poidan para non desembolsar esa cantidade, que é ben cativa comparada co 1.823.000 euros que sí puxo e sí se comprometeu documentalmente a Deputación de Lugo e non nos pediu ningunha documentación de toda canta agora se lle ocorre solicitarnos á Xunta”.
O alcalde de Ribadeo contou que “a técnica da Xunta que hai uns meses deu luz verde á construción da residencia, de aí que iniciaramos a licitación das obras, agora tenta recuar e empezan a ver problemas onde antes non os vían. A unidade de todas e de todos aquí en Ribadeo fará que, a pesares de que a Xunta non acabe dando a cifra comprometida no seu día, a residencia sexa unha realidade, aínda que inxustamente teña que aportar o Concello o que debería poñer a administración autonómica”.
Fernando Suárez Barcia engadiu que “o que nos piden, o que nos están a pedir, é que sexamos moi prudentes desde o punto de vista legal porque a día de hoxe nin eles nin nós sabemos quen pode acabar xestionando a residencia de Ribadeo. Segundo a legalidade vixente a día de hoxe, segundo a lei de bases de réxime local aprobada polo goberno de Rajoy, e si esta non cambia, todo indica que isto é unha competencia autonómica, polo que quizás sexa a Xunta a que acabe asumindo a xestión desta residencia de Ribadeo. Quizás todo isto que están a facer para chincharnos ocasione que acabarán sendo escravos das súas verbas e sobre todo sendo escravos dos seus escritos. En todo caso, que non se preocupen que por máis que lles doa a residencia de maiores de Ribadeo acabará facéndose”.

20140415

Publicado en Ribadeo: Pegadas da prehistoria de Ribadeo

Polo momento, só en formato open document, a obra de Emilio Piñeiroa Lozano presentada no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e posteriormente na Casa das Letras: http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Pegadas+da+prehistoria+en+Ribadeo
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo'. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

20140414

14 de abril, cumpreanos da II República Española

Coincide nos comezos da Semana Santa, este ano. Pero nada que ver. Independencia totoal. A Segunda República Española tivo unha vida curta, pero activa, na que conseguiu moitas cousas pero perdeu unha guerra. Dende a Galipedia collo os seus símbolos:
E o Himno de Riego.
En Ribadeo celebrouse con antelación:
Algúns complementos:
http://www.eldiario.es/politica/abril-democracia-llama-Republica_0_249175325.html

http://www.eldiario.es/politica/Segunda-Republica-leyendo-periodicos_0_249175315.html

20140413

Ribadeo hoxe

Adxunto un vídeo con parte da bendición dos ramos na praza de abaixo para que quen queira se poda facer unha idea do ateigado que está Ribadeo hoxe, xa comezados os actos da Semana Santa.
Sobre se a base é a espiritualidade, iso xa é outra cousa.

20140412

tríptico de actos da Semana Santa Ribadeo 2014

Ampliable premendo co rato, hoxe presenta como punto central o pregón a cargo de José María Eiros Bouza: (e, con maior definición e claridade, en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Semana+Santa+2014)


Reposición de vidrieiras. Aviso

Unha nota curta para avisar: onte varias persoas, entre as que me atopo, quixeron ir facer a visita anunciada. Intento vano. É dicir, supoño que ata a próxima semana non se poderá.

20140411

Reposición de vidrieiras. Nota de prensa do concello

Reproduzo embaixo a nota de prensa do Concello sobre as xornadas de portas abertas para contemplar as vidrieiras do cemiterio, algo en liña co pedido reiteradamente pola AVV O Tesón e neste blog. Como comentario, destacar que non é o mesmo que aparenten igual que que teñan a mesma calidade, algo que é dubidoso que se poda aprezar dende o chan  da capela ata a altura das vidrieiras. De calquera xeito, sexa benvida a apertura de portas, mesmo sen o aproveitamento ó que daría lugar unha exposición ben organizada.
'Reposición de vidreiras

 10/04/2014
 A capela do cemiterio municipal será escenario dunhas xornadas de portas abertas desde mañá, venres, ata o vindeiro mércores para que as persoas que o desexen acudan a contemplar desde o seu interior as vidreiras que foron repostas estes días. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que se trata dun patrimonio moi importante para Ribadeo e para o seu camposanto.
O rexedor sinalou que "por fin desde hai uns días estas oito vidreiras que estaban nos ocos da capela do cemiterio municipal de Ribadeo xa están colocadas, xa locen alí".  Suárez Barcia lembrou que "todo este proceso se iniciou cun desafortunado incidente ocorrido hai tres ou catro anos que se producía por unha mala información aos rapaces que daquela traballaban para un taller de emprego, do que era promotora a Asociación Puente de los Santos e da que forma parte o Concello de Ribadeo. Despois houbo que litigar coa compañía aseguradora para que asumise os custos de reconstrución, de reparación, daqueles ventanais únicos".
 O alcalde ribadense dixo que "por fin e despois de moito traballo están colocados desde hai uns días e a verdade é que non hai diferenza entre a única que quedou intacta e as que se fixeron novas". Fernando Suárez Barcia indicou que "atendendo ás peticións dalgunha asociación de aquí da vila, imos facer unhas xornadas de portas abertas, no horario no que se atope no cemiterio o peón sepultureiro, para que todas aqueles veciños que o desexen as poidas contemplar desde dentro da propia capela. De aí que desde mañá, venres, e ata o vindeiro mércores se poidan achegar ata alí todos os que o desexen para admirar estas vidreiras que ademais constatan que foi un traballo dunha cesión dos irmáns Moreno, os mesmos que mandaron construír a Torre dos Moreno e que é un patrimonio importante para Ribadeo". O rexedor engadiu que "entre todos evitamos que se perdera e logramos manter vivas unhas vidreiras moi importantes para Ribadeo e para o cemiterio municipal".'
A historia sobre as vidrieiras, no blog.
O libriño sobre as vidrieiras: As vidrieiras da capela do cemiterio.
As vidrieiras, no vello blog de O Tesón.

A nova, con foto, na Voz.

20140410

25 de maio

Non, hoxe non é 25 de maio. Pero hoxe remato de ver que dende o pasado día 7, e ata o próximo luns 14, pódense ver no concello as listas electorais: 'Listas do censo electoral
 O alcalde, Fernando Suárez, asinou un bando no que fai saber que "con motivo das Eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán o próximo 25 maio de 2014 e co fin de asegurarse o dereito de sufraxio activo, las listas electorais correspondentes a este termo municipal poderanse consultar no departamento de Estadística da Secretaría do Concello entre os días 7 e 14 de abril de 2014, ambolos dous inclusive a través do sistema informático obrante na referida dependencia". No bando insístese en que "como recentemente se produciron diversos cambios tanto nos nomes dalgunhas rúas como no seccionado no núcleo urbano de Ribadeo (que afecta ao lugar de votación) e numeración de edificios, co fin de corrixir, no seu caso, os erros que se puideran ter producido é convinte en especial a comprobación deses datos nas listas electorais polos veciños que residan nalgunhas desas rúas". E engade que "as reclamacións poderán formularse entre eses mesmos días, do 7 ao 17 de abril, enchendo o impreso que ao efecto se lles facilitará no Concello e aportando fotocopia do DNI, carnet de conducir, pasaporte ou tarxeta de residencia".'
Detalles para a preparación dunhas eleccións, deixan ver unha parte, a administrativa, que é necesaria. Pero non abonda. Evidentemente, non deixa de abondar só en Ribadeo, senón a nivel estatal. Son outras cousas, máis inmateriais, as que deixan ás persoas que estamos convivindo en España, coa sensación de que as eleccións non se están a preparar. Dende a rexeración interna dos partidos políticos á da propia estrutura política, pasando pola xestión da crise desigual segundo para quen, cousas todas nas que se podería entrar en detalles, manifestan que as próximas eleccións non están -nin estarán- preparadas. E por iso, o desenlace que se prevé é moi variable, e tamén por iso, de cara a próximas eleccións, hai escarceos para cercenar de xeito normativo posibles cambios: o típico 'cambiar todo para que todo siga igual', só que neste caso ó meu ver trátase de cambiar algunhas cousas para lograr alimentar unha desigualdade.
Mentras, os partidos, dun xeito ou outro, preparan as eleccións. Algúns, facendo que se fale do que non hai aínda, outros, creando formacións e, ó tempo, divisións. A xente non preparamos tanto. Máis ben, resignámonos. Para a nosa desgraza.

20140409

Hoxe comeza a XX Feira de Ciencia de Ribadeo

Hoxe mércores e mañá xoves, en horario de 9:20 a 13:10, terá lugar a XX Feira da Ciencia de Ribadeo, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Nela participarán 26 traballos realizados por unha centea de alumnos e alumnas do centro, que serán expostos e explicados polos mesmos alumnos que os realizaron.
A feira representa o remate dos traballos sobre diversos aspectos científicos, aínda que con posterioridade de moitos deles farase unha memoria detallada sobre a súa realización.
A maioría de presentacións son expostas por primeira vez, aínda que algunha xa foi exposta noutros foros con anterioridade. Asemade, algunha foi realizada a partir da colaboración con outros centros educativos. Unha volta rematada a feira, terán a oportunidade dun recorrido por outros foros fóra de Ribadeo, como o día da ciencia na rúa de A Coruña ou a Galiciencia de Ourense. As citadas son visitas xa tradicionais para os alumnos ribadenses, que levan achegándose á Coruña no mes de maio case dous decenios, e máis dun quinquenio a Ourense en novembro, presentando sempre traballos que foron expostos na feira de Ribadeo.
O cartel está confeccionado a partir da placa que indica a posición de Ribadeo, situada á entrada da Casa do Concello con datos do IGN, á que se lle engadiu a modo de lema desta edición 'revelando as cousas'.
O folleto informativo:

Revelando as cousas
 
Traballos presentados

1ESOA1. Videoxogos en Ribadeo
1ESOA2. Dixestión dos hidratos de carbono
1ESOA3. Volcán
1ESOA4. Papel reciclado
1ESOA5. Holograma sinxelo e ilusións ópticas
1ESOA6. Burbullas eléctricas
1ESOB1. Propiedades da auga
1ESOB2. Clasificación de invertebrados
1ESOB3. Solubilidade de gases
1ESOB4. Conservación da carne
1ESOC1. Sismógrafo
1ESOC2. Compás caseiro
1ESOC3. Caixa escura
1ESOC4. Refracción da luz
1ESOC_a. Estudo da produción de electricidade a partir de vexetais
2ºESOB. Viaxe ocular
1bacA1. Variación do bote dun balón en función da cantidade de aire
1bacA2. Experiencias: Reloxo de I e quimioluminiscencia
1bacA3. Extracción de ADN de distintos vexetais
1bacA4. A maxia luminosa
1bacA5. Compoñentes do leite
1bacA6. As cores do lume
1bacA7. Magnetismo da candea
1bacA8. Experiencias con augaforte e papel de Al
1bacA9. Medición do radio terrestre
1bacB. A caixa negra dos peixes
(os subraiados estará no laboratorio)
--
En comentarios, cousas posteriores...

20140408

Xornada única

Hai cousa de vinte anos, o que despois se chamou IES Porta da Auga en Ribadeo votou a favor da xornada única. Naquel momento, apoiei con ilusión o que pensei que ía traer máis liberdade ós alumnos e a posbilidade de enriquecerse coas actividades extraescolares do centro, naquel momento numerosas, aínda que coa dificultade que representan os desprazamentos dos escolares da zona rural. Poucos anos despois, as actividades baixaron e quedei algo confuso pola experiencia. Coido que fixen o correcto, pero a cousa non saiu como esperaba. Para min, quedou claro que a xornada contínua é unha oportunidade, pero tamén representa un arma de dobre filo que hai que saber xestionar moi ben.
Onte votouse e coñeceuse o resultado da votación sobre a implantación da xornada escolar no Colexio Público Gregorio Sanz de Ribadeo: non haberá tal, seguirá con xornada partida. 342 familias, 245 votos, isto é, o 71,6%. 130 a favor, 114 en contra, 1 voto nulo:
Ó parecer, necesitábase o 58% das familias para levarse a cabo. Quedou co 38%, o 53% dos emitidos. Pode quedar nun resultado dunha votación secundaria que afecta a unhas poucas familias (pouco máis da décima parte das familias ribadenses, se contamos núcleos familiares de dúas xeracións) ou tomarse como indicativo dunhas ideas e oportunidades. A valoración, certamente, é diferente. Pasa de ser algo sen importancia ningunha fóra dun estrito círculo a un complexo máis relevante para identificar a estrutura social ribadense que unhas votacións políticas, e que mesmo toca ás posibilidades económicas para o desenvolvemento dalgún tipo de negocios. Estase a tratar de xestión do tempo das familias, segundo como ven elas a posibilidade desa xestión. Algo que identifica á propia sociedade, máis aló do efecto que poida ter para o ensino, para o rendemento educativo das xeracións actuais e proximas nun depterminado centro educativo.
E, imos ver, votaría moita xente pensando no interese xeral ou no rendemento educativo dos seus vástagos e non na súa propia situación particular de conveniencia para a xestión do tempo, en particular dos adultos? Tamén deste xeito a variación de interpretación está servida.

20140407

Ánimo

Onte houbo un accidente en Ribadeo. O venres, a presentación na Casa das letras do libro 'Pegadas na historia de Ribadeo', que espero colgar pronto en internet des pois de ter o permiso do seu autor dende a presentación no IES de Ribadeo. Cousa máis ou menos normais nun lugar como Ribadeo.
Falaba hai poucos días da apertura dunha pastelería (algo que aínda non se produxo, pero que está a punto), e onte abriuse unha nova tenda ó comezo da rúa de Rosalía de Castro, Sanjurjo Moda, que promete contribuír a paliar a desparición hai xa anos de 'Almacenes la Innovación'. O mesmo que a 'Confitería La Alianza', esta tenda ten orixe fóra, neste caso, Vilalba, pero neste caso non se trata dun traslado, senón dunha sucursal. De calquera xeito, máis actividade para Ribadeo, escollido porque se lle suón ter máis futuro que outros pobos próximos.
O comercio sempre foi fonte de ingresos, e o comercio de Ribadeo segue a atraer a forasteiros e forasteiras que alimentan a economía local, fonte de ingresos principal. Mirado en conxunto, calquera sociedade comercia sen exportar, está repartindo a súa riqueza polo exterior. En Ribadeo, eses forasteiros e forasteiras  que chegan representan a nosa exportación, pero sen un plan para Ribadeo (e que eu saiba, por exemplo no PXOM non se definiu o Ribadeo que queremos) quedaremos cautivos dun sistema que non nos estamos preparando para controlar e que non sabemos cambiar. Polo momento, somos cautivos.
Comezo de semana. Un novo comercio. Ánimo.
Aro da vella sobre Ribadeo, a semana pasada.

20140404

O bocata demográfico

Ribadeo non é unha excepción dentro de Galicia: todos sabemos que temos un 'problema demográfico' que ata fai que pidamos axuda á UE.
A cousa é que se temos unha situación de 1,05 fillos por muller, iso quere dicir que, fluxos migratorios aparte, nuns 20-25 anos, unha xeración, a cantidade de xente con isa idade será a metade que hoxe. cos problemas de mantemento dos 'vellos' por parte dos 'novos'. Coido que a iso habería que sumarlle que ó envellecer, a sociedade perde vigor como calquera outro organismo o fai. E, no caso de Galicia, hai que sumarlle os efecto da emigración que estamos a ter na actualidade, un saldo migratorio que agrava a falta dunha taxa de reposición xeracional. Sumémoslle ademais o desemprego. E redondeemos conque na actualidade a formación das novas xeracións supera á das antigas, deixando o termo medio da poboación peor formado. O panorama é catastrófico. A máis aínda se se empregan os números para comparar con outras zonas nas que a poboación está medrando de xeito vexetativo. A perda de relevancia da nosa terra aumenta en perspectiva.
Quizáis Ribadeo non o note tanto como Trabada, por poñer un exemplo, pero Galicia é unha das zonas máis sinaladas de toda Europa a este respecto.
A nivel mundial, en troques, o problema é máis ben outro: o exceso de poboación, que fai que se consuman máis e máis recursos, ó que se suma ó aumento do consumo por un desarrollismo que aínda non soubemos remprazar ou a xeración de traballo para absorber unha man de obra que medra. Entre ambos estamos levando ó planeta a unha situación límite de difícil solución sen trauma.
Hai anos, a China viu o problema da sobrepoboación e, como país dictatorial, introduxo a política do 'fillo único', que non impediu que aínda medrara algo máis, pero que fixo que a India esteña xa á súa altura en demografía e facilitou o despegue económico que está vivindo o país. Agora veñen outros 'efectos secundarios', como a desproporción homes-mulleres por efecto do feminicidio infantil ou un rampante problema de coidado á vellez. En Galicia estamos a ter esa mesma política sen unha prohibición expresa como na China e agora, no medio dunha crise económica.
Variación demográfica medrando dun xeito constante ou diminuíndo asemade dun xeito constante. O segundo corresponde de xeito aproximado á taxa actual de Galicia.
Moita taxa de repoboación non é boa para o planeta, aínda que poda selo para unha comunidade concreta considerada illada. Demasiado pouca, tampouco, como pode verse de xeito doado. No medio estaría a virtude, pero polo momento, non é o caso de Galicia. É como un bocata demográfico: as dúas tapas deixan dentro a parte máis substanciosa. E neste caso, as tapas están feitas de mal material: hoxe por hoxe, coa xestión que se está a levar de desenvolvemento e social, ambas representan un suicidio do planeta ou da sociedade correspondente.

20140403

Pàmies

O sábado pasou por Ribadeo, de xira, Josep Pàmies. Foi o grupo de consumo As Grelas quen fixo posible e a quen hai que agradecer que se achegara a un cine-teatro cheo e con xente en cadeiras pregables. Antes, estivera en Lugo e despois coido que ía a Pontevedra. A charla comezou ás 12 da mañá e rematou camiño das tres da tarde. Foi pois longa.

Despois da presentación por Elia Rodríguez, comezou falando de xeralidades sobre a política comercial e maldades das grandes empresas de alimentación e farmacéuticas durante un tempo abondoso, pasou logo á importancia do consumo de determinados minerais e dunha vida sá, e rematou falando de varias variedades de plantas (Estevia, Mexacán -'diente de león'-, Epilobium parviflorum, ...) para abrir logo unha rolda de preguntas tamén longa. Non falou, nembargantes, dun produto como a mel, non vexetal que considero en certo xeito competencia da estevia que da orixe á 'Doce revolución', e si varias veces do dióxido de cloro como MMS. Das plantas, deu a coñecer o seu uso máis que aprender a distinguilas, e coido que a súa visita en xeral aproveitou.
Polo medio da charla, citou varios libros convintes ó tema, e pouco despois de rematala, xa alguén do grupo de consumo tiña colgado o enderezo para descarregar un.
Polas súas propias verbas, cunha empresa con vinte empregados con dificultades hai pouco, resultoume algo entre un apóstolo plantil por vocación e un calculador embaucador por devoción, en particular a partir da rolda de preguntas, na que repartiu consellos cortándose poucas veces cun 'non son médico'.
Deixo embaixo un pequeno apunte coa mesa con el e Elia no medio do escenario do teatro preparado para a obra da tarde.
Engadido posterior:
http://asgrelas.odiseus.org/ (resume da organización)
vídeo: