20130713

Un paso máis do PXOM

Onte celebrouse un pleno no concello de Ribadeo. Houbo dación de contas e rogos e preguntas, pero o punto básico foi a aprobación do PXOM, que se fixo coa excepción de dúas abstencións, a do edil do PSOE e dunha do PP, despois de que este grupo dera liberdade de voto, o mesmo que na aprobación de convenios da semana pasada.
Na sá, menos xente da que esperaba, 10 persoas, despois de 560 alegacións das que a grande maioría da xente non sabe se foron estimadas ou non.
Como foi algo que se nomeou por diversos intervintes en varias formas (e non sempre cos mesmos números), deixo primeiro os números de alegacións tal e como os entendín:
Alegacións estimadas: 270 (48%)
A. desestimadas: 158 (28%)
A. parcialmente estimadas: 132 (24%)
Total: 560
Polo que parece, o único grupo do pleno que presentou alegacións foi o PSOE, que viu estimadas dúas, rexeitadas dúas e con estimación parcial unha. O seu voceiro estimou unha decisión desafortunada a anulación do plan anterior, co que se retrocedu a un plan do ano 1977, e atribúelle a patrimonio un rigor dubidoso no seu informe, citando un caso particuar: a petición de BIC para as Fadegas, cando no mesmo informe deixa o sitio totalmente indefinido.
O voceiro de UPRi pediu atención cos informes que aconsellan unha subida de impostos, non para telos en conta, senón precisamente para facer caso omiso desa parte. Así, con moitos reparos, anunciou o seu si.
No PP, seguindo a tónico do pleno anterior, a votación foi tres positivos e unha abstención, co que houbo que xustificar a escisión e ó tempo, pedir de novo a posibilidade de intervención do voto diferenciado para a súa explicación. Explicou o voceiro que o informe da intervención era para ter en conta, pero nada máis, que houbo colaboración, participación e consenso nun plan que pode mellorarse, pero Ribadeo non pode estar máis tempo sen plan. O voto particular estimou que Ribadeo é moita máis xente que os catro da comisión, que si estiveron moi ben informados, botándose en falta xuntanzas abertas e en xeral, a participación activa dos ribadenses. O luns poñeranse as alegacións na web, pero xa é tarde. O plan é necesario, pero non se pode vivir de costas ós veciños.
O alcalde, na súa intervención lembrou que a anulación do plan anterior foi xudicial, e que na realización do plan que se presentaba hobo sentidiño, e 17 informes sectoriais nos que se tentou de axustar á lei nos puntos que podían resultar dubidosos. Foi adiante o que se dixo por todos,e se vai adiante na Xunta, será mérito de todos. Axustou ademáis que a información dada en tempo e forma foi 'magnífica' (sic)
Como comentario persoal, sinxelamente dicir que o luns comezaremos a saber das súas bondades, que aínda non coñecemos máis que por anuncios que foron variados ata 400 veces. E queda o trámite de Santiago.
-
Actualización o 15/7/2013: A media tarde aínda non está colgado o PXOM, como se anunciou no pleno. Máis tarde (domingo) os medios anunciaron que se colgaría para mércores.Razón hai para pensar que como mínimo, para xoves ...