20130702

Pleno extraordinario de 20130628

O pleno durou de oito a nove da noite, e tivo só dúas persoas de público. Se foi así quizáis o por que haxa que procuralo en que todo viña xa 'atado e ben atado' entre os partidos, quizáis no pouco interese dos puntos (agora poderá verse), quizáis en que a xente non sabía de que se ía tratar ou que houbera pleno , ... 
O caso é que foi un pleno absolutamente calmo e, a pesares de ser extraordinario, de telo podido permitir o regulamento, haberíaselle engadido outro punto, que así, por urxencia, deu lugar a outro pleno tamén extraordinario despois: tratábase dun convenio do estilo dos que foron votados neste que reseño.
Unha dación de contas ó comezo deu lugar a unha frase: 'nunca as partidas atrasadas foron tan pequenas'. Haina que tomar con precaución, pois como sinalou a oposición, algo tiveron que ver as normas gubernativas, e ademías, ise nunca coido que ten un recorrido temporal de non máis aló de un par de décadas, se ben a diferenza con tempos non tan alonxados resólvese moi ben a favor dos actuais nestes aspecto de débedas do concello.
Aprobouse unha modificación de crédito de 25 000 €, e falouse das dificultades para o cobro dos avais da rescisión do contrato de obras do pavillón, sen problemas no caso de NGB, pero si no caso do BBVA.
Pasouse logo ó potenciado como punto estrela do pleno: a recalificación de terreos das antigas casas dos profesores da r/Paco Lanza, que en pleno de 15 de setembro de 2008 foran amañados para alí poder facerse unha Galescola. 1202 m2 que non chegaro a ningures, pois nin se chegou a facer o convenio correspondente para a construción. Así, aprobouse por unanimidade a modificación dos usos do terreo, tras un curto intercambio entre o portavoz do PP (Valín), e o alcalde. No intercambio saiu á palestra que o 8 de xullo a comisión pro residencia será recibida pola conselleira. Manifestouno Valín, en consoancia con que logo nos xornais o xefe de filas do PP en Ribadeo, Suso, se arrogase os méritos de que tiveran concedida unha entrevista que leva retraso sobre unha promesa xa feita con anterioridade e que non se anunciou ata que tanto alcalde como presidente da plataforma veciñal o denunciaron públicamente (por certo, este último foi ameazado de xeito público por o xefe de filas do PP ribadense a conto de dita denuncia). E repetiu logo o anuncio o alcalde, que explicou que recibiu a mesma mañá unha chamada da consellería para concertar unha cita que, repito, a mesma conselleira se comprometera a realizar na xa ida primaveira.
Ben, o cambio de uso saiu adiante para que non quede o ter unha residencia por falta de sitio.
Pasou logo o pleno ós convenios urbanísticos, que se discutiron en conxunto  aínda que a aprobación fóra por separado. O representante do PSOE explicou a súa abstención en base a que non considera os convenios instrumento adecuado co perigo de que o plan urbanístico constitúa unha suma de convenios. UPRi anunciou o voto a favor, pero incidindo no dito polo representante do PSOE, e o portavoz do PP anunciou a liberdade de voto, Explicando Campo Braña que non consideraba que houbera transparencia na xestión do plan, con caldas por resposta ás alegacións, o que, ó seu xuízo, o convirte en cousa de catro políticos e non do pobo. A resposta a Campo veu do alcalde, dicindo que ningúen impuxera criterios, que os convenios son unha fracción pequena do plan, co interese público por diante e co informe positivo dos técnicos, supeditados ademáis a instancias de orde superior. Engadiu o secretario que legalmente non fai falta notificación ós interesados nas alegacións, e que como método, é mellor non dar notificación, pois se se da e por exemplo falta unha por dar, hai servido un xaleo. Ademáis, cada persoa pode vir preguntar ... [Engado eu que o caso é que lle contesten, e que aínda que esteña permitido por lei, é evidente que non é precisamente un exercicio de transparencia adminsitrativa]
Á hora de votar sae da sá Horacio Cupeiro nos convenios de Pintor Fierros (10 favor, 0 contra, 2 abst) e de r/Daniel Cortezón (10 favor, 0 contra, 2 abst), voltando para o de Avda. de Galicia/virxe do Camiño (11 favor, 0 contra, 2 abst).

Ningún comentario: