20130517

7 de xaneiro de 2002, na Voz de Galicia ... sobre Hernán

«AQUÍ COMO EN VIENA»

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

Así se denomina, sen complexos, o concerto de Nadal que o primeiro director da Banda Sinfónica de Ribadeo instaurou hai uns anos nesa vila e que ven de celebrarse por primeira vez dende o seu pasamento. Hernán Naval non foi unha rara avis mais si un grande músico e, sobre todo, un galego europeu. Nos primeiros días deste euro que disque nos fai máis europeos lémbrome de quen nos deixou antes de usar a nova moeda pero deixou moita Europa construída entre nós. Dende a dirección da Banda e da Escola de Música artellou, con máis entusiasmo que facilidades, a cerna dunha cultura musical de calidade e, o que é máis importante, a infraestructura para que teña futuro; deixounos un feixe de fitos, obras, unha morea de arranxos e discos, o último, póstumo, recén presentado.
H. Naval foi un paradigama do galego europeu, quizabes por iso se considerou sempre unha caste de infiltrado que non un incomprendido, porque a maioría dos que o coñeceron entendérono ben e déronlle en vida a homenaxe que merecía. A ética social que forneceu o seu traballo foi a propia da Europa que, sen estar na pompa dos discursos, medra circunstancialmente entre nós e é socialmente apreciada. A engolada parafernalia destes días de moeda única contrasta cunha memoria que vive na obra e nos valores inmorrentes dun músico europeu e galego. Os máis importante deles a ambición e a ética profesional.
Unha ambición que pervive nas obras que deixou e que non se acomoda ao sentido pexorativo que habitualmente se lle atribúe a esta palabra. Trátase da ambición creadora de construir por riba das continxencias dos egos, desa que non ten expresión persoal senón colectiva. Por iso se aprecia precisamente en toda unha xeración educada por el no coñecemento musical. Neste país de cultura católica, Hernán militaba nos valores luteranos do traballo e, sobre todo, tiña un sentido do servizo público que contrasta coas mañas de curto alcance que adoitamos padecer.
Politica e socialmente activo, foi nacionalista convicto dende cativo, en parte por herdanza dun seu avó galeguista fusilado no 36, demostrando no seu facer e nos seus gostos a miseria dos tópicos. Como músico arrepiaba da gaita de fol ata extremos que nunca partillei, e facíao por gosto mais teño para mín que tamén para compensar... e, sobre todo, porque o seu alento adicábase a esoutra música nacida no berce das cortes europeas e dos salóns da burguesía que el se empeñaba en facer de todos. Adicou a súa vida á extensión popular da música e para iso sempre estivo disponible alí onde o chamaron, sen reparar na cor política do proxecto. Como intelectual debecía pola Éscola de Frankfurt e cimentaba nese pensamento a súa fortaleza intelectual. O seu poeta de referencia era J.A. Valente, de quen reivindicaba o seu nacionalismo cosmopolita. Os seus narradores, Camus, Tabucchi e Muñoz Molina. Pero, sobre todo, era puntual e rigoroso, solemne cando había que selo e amante das tazas e de parolar con amigos cando o traballo quedaba feito. Cal corresponde á cultura europea das virtudes públicas e os vicios privados.
El nunca o diría así pero antóllaseme que laborou para que fóramos máis normalmente europeos no que con el tiña que ver: na música e na cultura musical. ¡E logrouno, madia leva! Moitos temían que a súa obra desaparecera con el pero demostrou que non fora para iso que a construira. Ser europeo na segunda mitade do século XX podíase facer dende calquera vila galega e Hernán Naval, que naceu no 1962 e morreu no 2001, demostróunolo. Sen discursos.

Ningún comentario: