20130319

Volta periódica ó século XIX: o tema da luz en Ribadeo

Voltou a suceder. A pasada fin de semana, o venres ó comezo da noite, unha boa parte de Ribadeo quedou sen luz. Dependendo do lugar, afectou só ó alumeado urbano ou tamén ó interior. Non levo a conta, pero coido que esta tempada outono-inverno houbo cortes de diferente duración ata en catro ocasións, e mesmo na tempada de primavera-verán pasados, tamén houbo algún.
Adoitaba suceder iso nas postrimerías do XIX, cando foi chegando a luz eléctrica ás diversas poboacións da zona. En Ribadeo non sei en que ano se inaugurou a primeira rede, pero grosso modo, ten que ter sido hai cousa de século e cuarto. Dende aquela,houbo algún momento no que o coidado da rede e a estabilidade da malla trazada abranguendo todo o territorio fixeron nacer a ilusión de que os cortes de luz estaban a se acabar.
Vana ilusión! As últimas tempadas a súa incidencia media está a aumentar, ante a pasividade de quen tería que vixiar polo servizo e as queixas de quen sufre os cortes, que se se cuantifican, non serán demasiado grandes pois non evitan que volte suceder cada vez con máis frecuencia.
En canto a contraprestacións, os particulares non as logran, pero as empresas, tampouco. Estamos nun tempo de aumentos de poder relativos, e ás eléctricas, sexan produtoras ou distribuidoras, non hai quen lles chiste. Quizáis teña que ver no tema que o goberno prometeu ás eléctricas cartos que aínda non pagou e a débeda é xa astronómica para que algún día a paguemos entre todos ('entre todos'), ou que os concellos teñan tamén as súas débedas a pesares da lei que di impedilas, ou pode que sexa a conta da participación de políticos na cúpula empresarial do sector, ou das ganancias acumuladas sen inversión para que sexan máis 'limpas', pero en pleno século XIX o I trastocou neste tema o seu posto para evitar chegar ó XXI. E, como a numeración secular parte dunha referencia humana, depende de nós o voltar a situar o I no seu lugar. Da sociedade. Vaia, igual que no tema de lexislación laboral ou desenvolvemento político...

Ningún comentario: