20130322

De novo, todo para o pobo, din, pero sen o pobo (isto non)

Houbo pleno en Ribadeo. Foi o día de san Xosé, o martes 19. Nota do concello, o 20. Nos xornais aparece o 21 ... Asistencia? Dos edís, (suponse) completa [Nota posterior: en realidade faltou algún por motivos profesioanis]. Da cidadanía, inexistente. Parece que se aprobaron cousas para mellorar a vida dos ribadenses. Sen eles, porque o aviso do pleno, quen o viu? Quen o sabía? Onde van eses chamamentos, o último feito aínda hai non tanto, para que o pobo asista ós plenos se non van acompañados da mínima vontade para que a xente se entere de cando ten que ir? E a participación? Que hai dela? Ou baséase en dicir 'si bwana' cando toca e en votar cada catro anos aténdose a promesas que despois se cumpren se cadra si, se cadra non?
Resulta que vemos como a xente se subleva. En Islandia, en Chipre, mesmo aquí, pero aquí aínda lles parece que o cambio está lonxe, ou que vai afectar a outros estamentos; debe ser por iso que as costumes seguen a ser as mesmas que hai cicoenta anos. Esteña no poder, neste caso municipal, o grupo que esteña, polo momento, pode cambiar o talante, pero non cambia o fondo: está en poder un grupo, non a xente. E a cousa segue unha mecánica: enterámonos das cousas cando interesa por algún motivo especial, pero dende logo, non sempre. O que si nos solemos enterar é cando se lanzan improperios os uns ós outros, porque saen moi ofendidos, os uns e os outros, pola mesma causa. E mentras eles saen ofendidos de cando en vez, o pobo continúa a indignarse pola situación. Sempre. A frase de 'todo para o pobo pero sen o pobo' data de hai uns douscentos cincoenta anos, pero a pesar dunhas supostas eleccións libres (con listas cerradas polos partidos como índice de liberdade, por exemplo, e lonxe do 'p2p político') a frase segue vixente na mentalidade dos políticos. E iso está en consoancia con outras cousas, como a corrupción ou a mala xestión, favorecidas polo cansanzo do pobo sobre a política.
E, mentras, á vista da situación, xorden cada vez con máis insistencia cousas como as que pregunta Suso López no último que lle lin: Quen son os responsables de modular a opinión pública? Coinciden os intereses destes cos da cidadanía? Preguntas que levan á luz a relación do poder político con outras instancias apartadas da cidadanía nun sistema de distracción e control, que non de apoio popular.
E o tema do pleno? Pois só un detalle: no pleno ordinario, máis ou menos programado, e polo tanto dentro do que cabe máis accesible ó cidadán, houbo dous puntos. No extraordinario, nove. Sobre os resultados, sei máis da polémica entre os concelleiros polo xornal (non en liña alomenos polo momento) que do resultado dos puntos, algúns moi bos e moi bonitos segundo afirma a nota institucional, única fonte á que puiden acceder. Con sorte, falarei hoxe con algún concelleiro ...

Ningún comentario: