20121231

Despedindo o ano, despedindo un ribadense

Hoxe é fin de ano. O dato non significa nada máis que unha convención, unha volta máis da Terra arredor do Sol completada dende un determinado punto de inicio. De feito, outras culturas teñen outros comezos de ano, e aínda que pouco a pouco parece que se vai uniformando cara ó comezo de ano occidental, hai que lembrar que os chinos, por exemplo, nos levan máis de 2 500 anos 'de avantaxe' no seu cómputo numérico. Así pois, o motivo da festa é máis ben 'convencional'.
Aceptado o anterior, ó mellor sería cousa, como fai máis dun medio, de glosar o sucedido no ano. Desisto hoxe de facelo (quen quera, xa sabe que ten unhas 400 entradas no blog para facerse unha idea dalgunha cousa que foi pasando en Ribadeo e fóra), pero non de lembrar. De lembrar a unha persoa que xa non está connosco e que foi 'Ribadeo pata negra'. Deixo a continuación un pequeno escrito que fixen para unha publicación que sairá en 2013, e polo tanto cun formato adecuado a ela, non a un blog, para que sirva de metáfora dunha persoa que tampouco se adecuaba á tecnoloxía actual, con notas en pequenos papeles en varios bolsiños repletos de lembranzas contra o esquecemento, todas relacionadas con Ribadeo, e notas mecanografiadas nunha máquina de escribir.
-->
Gilberto segue
Gilberto Suárez Méndez, Ribadeo 19360731/ Ribadeo 20120611, segue vivo entre nós. Unha persoa non morre mentras o que ten feito perdura. E Gilberto fixo moito polo ben de todos, as súas obras perduran no tempo, renovándose ano tras ano nas mans doutras xentes que o teñen como referencia: o seu nome perdura, está vivo.
Quizáis alguén das novas xeracións non coñeza aínda a Gilberto, pero é difícil chegar a Ribadeo e estar un certo tempo sen saber del. O antroido (carnavales, dicía el) asóciase con el como unha constante durante moitos anos, dende o primeiro no 1984, formando parte dun grupo de xente que pouco a pouco se iría renovando.
Articulista na Comarca e noutros medios, as súas notas tentaban dar información ou formular peticións evitando aristas que poideran rasgar a comunicación: o primeiro era a harmonía.
Activista, participou fundou e máis adiante presidiu a asociación de veciños O Tesón, despois de ter participado noutra asociación de veciños de curta duración aló polos 80 do pasado século. Quizáis non veña mal facer un inciso e lembrar que foi el quen animou á xente, fixo o papeleo e recibiu a comunicación da inscrición da asociación, con data de saída de Lugo de 9 de abril de 2003, despois de xuntar a unha serie de persoas para constituír a comisión que lle dera nacemento. Comisión da que foi tesoureiro e que deu lugar a unha primeira directiva, da que foi vicepresidente, posto que deixaría para pasar a ocupar máis tarde a presidencia (abril 2006), que deixou a petición propia en xullo do 2007 nunha renovación sobre a que consta en acta: “A engadir como complemento o aplauso outorgado a Gilberto Suárez Méndez pola labor como impulsor da asociación e posterior directivo durante toda a vida da mesma”.
Xunto coa súa actividade nos xornais, participou en libros, sendo por exemplo artellador do libro dos carnavales de Ribadeo, dende o comezo ata o fin, xa sen Pepe, co que comezou. Representante de Follas Novas na súa xira arxentina, tamén foi o impulsor do retorno dos restos dos irmáns Moreno a Ribadeo. E poderiamos seguir cunha grande variedade de actividades en favor de Ribadeo e os ribadenses, presentes e pasados (aí queda o retorno dos irmáns Moreno); por poñer un exemplo máis, arredor do fútbol, afición e pasión que animou activamente, espallou e describiu nos seus artigos.
En fin, non se trata nestas liñas de facer unha biografía, que dun xeito ou outro xa as ten (dúas mostras na rede, http://www.galegos.info/gl/gilberto-suarez-mendez e http://gl.wikipedia.org/wiki/Gilberto_Suárez_Méndez), nin tampouco unha elexía coa consideración de que como xa pasou, foi bo. Ou de escapar de diferenzas nalgún tema, que tamén as tivemos. É sinxelamente o deixar claro que Gilberto respondía a 'por Ribadeo, o que faga falta'. E facía o que fora necesario para o ben de Ribadeo: iso guiaba a súa actuación.
Antonio Gregorio Montes, Secretario AVV O Tesón

Algunhas referencias na web:

Ningún comentario: