20120703

Asamblea da asociación 'Puente de los Santos' 20120629

A 'Puente de los Santos' é unha asociación que veu a luz con JC Andina de alcalde de Ribadeo, constituída para promover o desenvolvemento de Castropol e Ribadeo, e na que o 25% do voto corresponde a cada un dos dous concellos, a presidencia ó de Castropol e a secretaría ó de Ribadeo. Coa misión de aproveitar fondos europeos, no seu momento do Leader, a máis do anterior poderían dicirse abondas outras cousas sobre o seu funcionamento e desenvolvemento ó longo destes anos. Baste con indicar que as asociacións que copan o outro 50% dos votos están agrupadas na diretiva por representación de sindicatos, asociacións empresariais, asociacións deportivas, asociacións veciñais, etc, con diferente peso non só como asociacións individuais, senón como grupo.
Pois ben, este asociación de asociacións celebrou o pasado venres 29 a súa asamblea anual ordinaria. Estaba prevista en 1ª convocatoria (para o que fai falta quorum de asociacións) ás 12 da mañá e en 2ª ás 12:30. Os dous alcaldes apareceron ás 12:50, retrasando o comezo da xuntanza por falta de presidente e secretario. A máis, na xuntanza celebrada no Salón de Plenos do concello de Ribadeo había outras 7 persoas, xerente e administrativo. Abondas menos das citadas para unha xuntanza á que non entendo como non se deu máis difusión. E non o entendo porque se ben a asociación ten manexado no pasado abondo máis diñeiro, na actualidade ten un orzamento de varios centos de miles de euros (case 1M€ no período 2011-2013), o que abondaría para tentar aunar forzas para empregalos do xeito máis convinte.
Explicaron nunha curta sesión, incluída a aprobación da acta anterior, os orzamentos pasados, e chegouse á parte de rogos e preguntas.
En primeiro lugar, fíxose que constara en acta o cabreo dos asistentes polo retraso no comezo, que deu lugar a que xente que estaba para asistir se marchara (a lembrar o horario proposto, pola mañá dun día laborable). A resposta incluíu desculpas e a explicación de que en primeira convocatoria facía falta a maioría de asociados.
En segundo lugar, fixen notar a falta dun punto que considero básico na orde do día, e a falta do cal estimo que a xuntanza ordinaria non sería legal [aclaración que non fixen no momento]: a proposta de actividades a desenvoltar no próximo período. É dicir, a falta de futuro. A resposta foi moi clara: non hai na actualidade máis actividade que unha, o 'Proxecto Piloto' subvencionado por Medio Rural do estado con 0,885 M€ en tres anos, 'Un puente a tu salud 2.0', cantidade correspondente ó 90% do investido, mentras que o outro 10% correspondería ós dous concellos. Entón, segundo iso, e sen máis perspectivas, non faría falta poñer nada. A posteriores preguntas aclarouse que o proxecto estaba levándose dende a propia asociación, por medio de subcontratas, pois o persoal que ten a asociación nestes momentos é o antedito asistente á xunta. É dicir, que o futuro abandóase ó que saia, se interpretamos a falta dun planeamento do mesmo. É máis, parece ser que próximamente vencería o contrato do xestor, cousa que non foi dita na asamblea e que implicaría (entendo) a renuncia á continuidade máis aló do 2013 da asociación. Dende logo, a actitude corresponde de xeito consecuente coa pouca atención amosada cara ós medios, a pouca animación á participación, etc.
A conta do desenvolvemento do proxecto único, preguntei pola posibilidade de desaxustes orzamentarios polo retraso na chegada das subvencións, nestes momentos común en España, e aclaróuseme que o Leader aínda non tiña pagado toda a subvención, retrasada por incumprimento doutras receptoras de axudas en España (cousa común e coñecida, isa de reter o pago dun grupo mentres non cumpran tódolos membros), polo que se están a pagar intereses que se intentrán cobrar. O certo é que non vin un reflexo do anterior en ningún outro momento da asamblea, e coido que sería de entidade abonda como para comentalo, sendo unha débeda de 1 740 000 € durante xa dous anos, se non tomei nota de xeito erróneo.
Coido que habería que voltar sobre o tema da Ponte dos Santos, de ista Ponte dos Santos, non do da de formigón. Das súas actividades, dos cartos investidos, da comercialización dos produtos de Un puente a tu salud (que polo momento non existen) máis aló do 2013 ... Pero por hoxe xa chega, a parte de que a naálise da documentación anual non é cuestión dun minuto.

Ningún comentario: