20120609

Día D

Hoxe é o noso particular día D. O día fixado para o rescate financieiro, segundo filtracións. Filtracións, como non, interesadas, que meten máis presión no cotarro. Un día 'perfecto': en fin de semana, co comezo do campionato europeo de fútbol, a unha semana das novas eleccións gregas, ... Ben, as novas que se presentan a primeira horiña parecen descartar unha petición de intervención hoxe mesmo, pero virtualmente xa está o país intervido: ata as bolsas descontan xa a intervención, Italia treme polo contaxio ó tempo que respira aliviada por non ser aínda o seu turno, os xornais despezan o efecto que vai ter para o euro, ... e aquí xa temos descontado a perda de poder de decisión. Na realidade, respecto desto último, a maioría do pobo marcamos o 15M do ano pasado como o día no que xa sabiamos isto. Sen detalles, pero sabido. E cabe lembrar que aínda que a Rajoy se lle teña chamado 'El breve' dende antes da elección, e confirmado agora, a visión do que estaba a pasar é xa da época socialista. Nin me molesto en poñer ligazóns: colle calquera medio, calquera vale para ver a situación, aínda que a interpretación poda variar (e moito)
Os cambios que nos esperan non sei cales vai ser (si sei, igual que todos, a dirección xeral que van tomar), pero está claro quevan rematar de configurar un mundo diferente ó de hai poucos anos. Un paso da política á mala política (antecedendo o calificativo) e en certo xeito, a desaparición da política, e conxuntamente, do político ó mal político e ó substituto do político.
E o pobo? fomos algures cidadáns? ou foi un paso de cidadán a simple pobo rexido e deste a individuos illados? Dun xeito ou outro, o día D tamén é noso, e non só polas consecuencias económicas, porque non só haberá consecuencias económicas.
Chove en Ribadeo ... mesmo por riba das bandeiras azuis.

Ningún comentario: