20120406

A conto do novo PXOM, a pasada alegación da AVV O Tesón

Como xa deixei dito hai varios días, o PXOM está a vista, entre outros lugares, en internet. Os cambios poden verse en comparación coa anterior versión (resulta que teño aínda unha copia), e nestestes días de reflexión pode aproveitarse tamén para reflectir. Nese senso, deixo as alegacións presentadas hai anos pola AVV O Tesón, que se ben manifestaban as circunstancias daquela, antes de consultar a actual versión poden preparar para comezar a consulta:

ALEGACIÓNS ó PXOM.


De acordo co período aberto de exposición do PXOM de Ribadeo, aprobado de xeito preliminar, o xa exposto en alegacións á anterior presentación do PXOM, algunhas non contempladas aínda, e o parecer recollido entre os veciños e o propio da directiva da AVV O Tesón, expoñemos as seguintes alegacións:

1.Que o actual PXOM ten notorias deficiencias en canto que non establece un modelo de desenvolvemento e futuro para o conxunto do Concello nin para as entidades de poboación por separado. Asemade, non contempla tampouco criterios ou obxectivos que poideran favorecer a construción futura de dito modelo, e deixa por tanto as accións planificadas no mesmo como feitos illados dentro do conxunto, tendo en común ás veces pouco máis que o estar recollidos nun mesmo documento. A terceira consideración deste conxunto é que o estudo correspondente a cousas tan elementais como o futuro subministro de auga ó pobo ou a existencia actual dunha autovía ou ben non se fan ou se fan de xeito totalmente incompleto, deixando sen apoio calquera outra decisión que debera ser construída sobre o mesmo. Por elo, consideramos necesario definir como primeiro punto do PXOM o modelo de desenvolvemento e obxectivos dentro das posibilidades que permitan os estudos pertinentes, do mesmo xeito que foi xa pedido en escrito en abril de 2005.

2.Que aínda en ausencia de definición dun modelo, o deseño que desenrola este PXOM de Ribadeo desentoa gravemente do xeito de arquitectura das vilas mariñeiras do litoral, tanto galego como asturiano, que constitúen un modelo e un exemplo vivo a imitar. Permitir edificacións de seis e sete alturas en varias zonas do chan urbano en Ribadeo, sobrepasando de longo as alturas medias no seu entorno; mesmo autorizar cinco alturas en zonas limitadas por outras construccións xa existentes de planta baixa e unha altura, parece unha verdadeira barbaridade que está reñida cos modelos establecidos no litoral: a normativa que subxace neste PXOM permitindo tales alturas non preserva as verdadeiras raices desta vila. Por elo, parece oportuno, e así se demanda, que se revisen as devanditas alturas en todo o chan urbano da vila para axeitalas ós edificios do seu entorno e á sección das ruas no sentido que se contempla no artigo 48.5 da Lei 9/2002, de tal xeito que as novas alturas permitidas non sobrepasen en ningún caso as cinco plantas.

3.Que presenta tamén deficiencias no detalle miúdo. A este respecto pódense citar exemplos tanto na memoria como nos planos, algo que xa se referiu ó longo do período de exposición de diversos xeitos. A modo de exemplo, non están recollidas de xeito adecuado modificacións xa habidas na ría, como o recheo da dársena N de Mirasol ou a fonte fronte ó Parador, por citar dúas referencias que tiveron no seu momento o seu debate dentro da nosa comunidade e que polo tanto non se poden obviar con facilidade. Non digamos xa outros detalles máis miúdos como considerar nomes incorrectos ou asignar o valor de vista panorámica destacable no plano a un camiño abandonado hai anos no seu mantemento. Detalles que deben ser corrixidos para propiciar un plan que reflexe a realidade e a actualidade e evite malas interpretacións do mesmo no futuro, e que non se correxirán en xeral se non é mediante unha actuación positiva nese sentido, pois en xeral as alegacións veciñais non as terán en conta. Neste sentido, ofrecemos asemade a nosa colaboración para facer unha depuración de erros.

4.Que o PXOM non integra diversa normativa, tanto municipal como a outros niveis, a pesares de ser citada de forma exhaustiva a normativa que lle compete. Consideramos en relación á dita normativa, que debe incluírse a delimitación de zonas acústicas no pobo, por poñer un exemplo que xa foi indicado ó concello hai tempo e logo pedido por máis dunha centea de sinaturas, e que se manifesta necesario polo problema de ruído que padece poboación, xa recollido noutros foros e mesmo a nivel xudicial.

Alegacións que consideramos constitúen o mínimo de cambios posible, sen incluír en consideración outros desexables, e que esperamos sexan tidas en conta para a súa inclusión na aprobación definitiva deste Plan Xeral de Ordenación Municipal.

En Ribadeo, a 30 de xuño de 2008

Ningún comentario: