20120312

O comezo da privatización dos concellos?

Resulta que este fin de semana os xornais trouxeron unha nova sobre o control ós concellos. Que si había que controlalos máis para traelos ó rego do gasto, e había que cambiar algunhas cousas legais. Isa era a cuestión. Pero no medio, nun lugar pequeno, eses cambios inclúen a posibilidade de que a xente de Madrid encargue auditoriás a empresas privadas.
Ata o momento, os concellos podían crear (igual que outras administracións) entidades xurídicas que funcionaban como empresas privadas, aínda que o capital fóra enteiramente público. A xustificación, iso da eficiencia da empresa privada, con menores gastos, máis independencia do poder político, ...é dicir, como se o privado fora de por si mellor que o público para funcionar, e non houbera quebras, ineficiencias, recortes por unha beira e beneficios para outros, clientelismo e aproveitamento das administracións, ... En fin, había a posibilidade de que o público accedera a métodos privados. Tamén de que o público encargara servizos a empresas privadas, desentendéndose da xestión deles e sendo un mero asegurador de que esos servizos se fixeran.
As dúas verquentes anteriores poderían indicar unha privatización, pero son sinxelamente unha desviación de recursos cara ó privado (o segundo) e un camuflaxe interesado o primeiro. Agora haberá esta nova versión, a supervisión do público por entidades privadas. Se viviramos nun mundo perfecto, quizáis non habería nada que obxectar. Pero non é o caso. E ata o de agora, eran as persoas as que tiñan asignado o seguemento, control e variación do poder político (se fixeran efectivas esas funcións ou non). Pero agora resulta que pasan a ser as empresas (contratadas, é dicir, previo pago, coas administracións como clientes, e polo tanto debéndose ó poder político e non ós cidadáns) as que controlarán por lei, sendo así alonxado unha vez máis o control dos cidadáns, aumentando o número de pasos ata chegar ó cidadán, e polo tanto, aumentando a opacidade, diminuíndo a eficacia do sistema administrativo, que ó tempo verá como se queda sen carga de traballo, se lle acusa -unha vez máis- de non traballar e se lle botará as culpas de ineficacia, ...
Sí, é certo, iso non é privatizar os concellos, é permitir que empresas privadas cos seus propios intereses, e non os cidadáns, marquen o camiño a seguir. Mentras, se os concellos son ineficaces, non pasa ren: aplánase o camiño a unha futura reforma. O resto, irá vindo.

Ningún comentario: