20111217

Indo un pouco máis aló

Pola estrada, en Ribadeo, deseguido se pode saír á autovía se se quere ir pola costa. Para seguir máis aló de Barreiros, polo momento, non.
Dese tramo 'máis aló de Barreiros' está a falar estes días a prensa. Onte, sobre a publicación do impacto ambiental (que na prensa foi tomada case como un 'comezo de obras'), hoxe, a traverso dunha carta que lle bota en cara ó goberno de Barreiros a defensa das urbanizacións e non do progreso asfaltado.
Coido que é cousa de botarlle unha ollada, comezando pola última páxina, o mapa dos tramos estudados. Así, por exemplo, será doado distinguir que Foz cambiou de posición dende a beira da súa ría ata a desembocadura do río Ouro, mentras Barreiros decidiu ir pola súa conta ata o monte. Non será tan doado ver como afecta a construcción ó entorno da basílica de San Martiño, porque prudentemente se obviaron no plano cousas como liñas de nivel, e tampouco será xa doado lembrar que un entronque de 1km é a necesidade do paso entre autovía e actual estrada, e polo tanto, xa posto o entronque e coas normas de construcción de autovías na man, resulta ser o punto de entronque tamén entre a autovía e onovo tramo da costa, apartándoo así da beiramar por abondos km.
Entendámonos, non é que sexa partidario de que a autovía vaia pola beiramar, senón que constato como o encadeamento de decisións pode condicionar o futuro, mentres que esas decisión son tomadas á lixeira sin importar que os datos traídos e levados sexan falsos, tratados tamén á lixeira.
Máis aínda ó fondo, quedan outras cousas, como decisións estratéxicas. Aí está a potenciación do ferrocarril de novo postergada en aras da potenciación dun transporte que non se pode manter, como é o modelo actual de uso das estradas, en medio dun aumento de custes do combustible, un aumento de contaminación no que boa parte da culpa a ten o transporte por ese modelo, e dun enfrontamento a un cada vez máis próximo remate das reservas de hidrocarburos.
... e, máis na superficie, podemos observar na sexta ou sétima páxina do documento como entidades como os concellos de Foz ou de Barreiros non foron precisamente colaboradores entregados para tentar facer as cousas ben. Ou, como, despois de alegacións, as propostas do promotor son deletéreas, como o 'axuste do trazado no entorno de San Martiño', sen maior especificación nin referencia ó que libra o 'axuste'.
Iremos máis aló, consumindo máis e posiblemente sen saber moi ben como nin por que.

2 comentarios:

Eu dixo...

Enteráchete algo máis do trazado? Interésame o de San Martiño, pero eu tampouco o din "localizado" no mapa, ainda que parece que a autovía pasa máis polo interior...

Agremon dixo...

Non sei máis que o que trae a ligazón que pusen ...