20110706

IASA, despois da Empresa Ribadeo

Portada do libro
Sábado 1 de xullo, na Casa das Letras,tivo lugar a presentación do libro
Un momento da presentación
Moisés, o impulsor principal do libro
"O ideal Auto" (ISBN 978-84-614-6364-0).
O libro ven precedido de diversos movementos en internet, dende a creación dun grupo en Facebook á creación asemade da entrada 'Empresa Ribadeo' na Galipedia. O seu impulsor principal foi Moisés Gómez Vázquez, persoa que sabe ben de que vai o tema, a traverso da súa relación coa empresa, e que ademáis fixo sumarse á causa a outras persoas que axudaron á calidade final do libro. E, o título é unha referencia que corresponde máis ben á idade dos autores que ó conxunto do que ten dentro, que abrangue unh periódo grande de tempo e un conxunto de empresas que transcende ó 'Ideal Auto'.
Como di en facebook, "Trátase dunha pequena tirada pensada para termos cadanseu exemplar aquelas persoas que participamos na elaboración do mesmo dun ou doutro xeito, e a outras que nos fixeron chegar a súa interese por facerse co libriño se un día se chegaba a materializar; e é que sen a paixón de moitos profesionales polo seu traballo -en activo ou retirados-, non seriamos quen de ter recapitulado nadiña.
A nosa pretensión non é a de lle facer unha foto ao libro nos estantes dunha libraría, se non voltarlle o seu anaquiño desta historia aos seus participantes, de xeito que se non coñeces a ningún de nós persoalmente mais queres ter un exemplar ou tes algunha dúbida, pódenolo facer saber valéndote desta canle."En canto á presentación en si, se ben o local non estaba cheo a rebosar, si había abonda xente, e cónstame que outra non puido asistir. Xurdiron anécdotas como que, despois de estar pasando durante todo o tempo unha presentación con fotos seleccionadas, alguén dixo que non saíra ningún coche con gasóxeno (eu contei alomenos 2, dubidando se serían 3). Por suposto, saíu a relocer o entramado de empresas que deu lugar a IASA, antes coñecida por Ideal Auto, absorbedora da ERSA, antes Empresa Ribadeo, ou de O Villalbés (nunha etapa anterior de absorcións). Tamén saíu a historia posterior, con ARRIVA como unha etapa máis. E outras cousas, como a importancia que chegou a ter a Empresa (así, a secas, era coñecida en Ribadeo), codeándose coas máis grandes de España nalgún momento. Dos que estabamos alí, coido que pouca xente deixou de viaxar algunha vez nos autobuses da Empresa, primeiro, e de IASA despois, e tamén había propietarios da(s) empresas referidas no libro. O uso dos autobuses na época de Arriva é diferente, coa difusión dos coches particulares, un sistema de transporte pouco eficiente como tamén se dixo alí por boca de Paulo Naseiro.
O libro segue á venda na Casa das Letras, onde se ve acompañado dunha exposición de material diverso, dende fotos a reproduccións de autobuses, pasando por libros diversos, por poñer un exemplo. Non sei ata que día dura, pero é unha mostra para ver que complementa perfectamente o libro.
A nova da exposición, no Progreso.

2 comentarios:

Alejandro dixo...

¿Podría indicarme dónde se puede adquirir dicho libro? Me interesaría comprarlo por motivos familiares.
Gracias adelantadas.

Agremon dixo...

Pois en Ribadeo, na Casa das Letras, por exemplo.