20110120

ASUSTA PORQUE HAI HÁBITO. (artigo de Carlota Eiros)

Deixo a continuación un artigo de Carlota Eiros que sairá próximamente noutros medios:

ASUSTA PORQUE HAI HÁBITO.

A estas alturas a maridaxe entre patrimonio e vandalismo non resulta estraña en Ribadeo. Por patrimonio referímonos ó legado valioso que representa a mentalidade e o saber dos que no pasado construíron e habitaron o lugar. Por vandalismo referímonos á hostilidade e destrución intencionada deste legado. O termo foi utilizado por primeira vez en 1794 polo bispo constitucional de Blois, Henri Grégoire, nun informe para describir e frear a destrución indiscriminada de monumentos polo exercito republicano francés, un comportamento que recordaba ó dos “vándalos” nos seus ataques contra o Imperio Romano.
Cal hordas bárbaras, sen o espírito revolucionario, o taller de emprego “Ría do Encontro”, entrou o pasado mes de outubro do 2010 no cemiterio municipal para destruír as vidreiras policromadas da capela, vestixio dun raro e escaso modernismo galego, do que Ribadeo é excepcionalmente ricaz. A capela era silencio, penumbra e color. Así se gravou na memoria dos que agora só podemos evocala. Unha actuación improcedente cambiou este lugar de oración para sempre. Para sempre, porque hai lugares e paisaxes, como tantas outras cousas, que só se cambian unha vez.
Non é esta a primeira ocasión en que o taller de emprego “Ría do Encontro” utiliza o patrimonio histórico como campo de batalla. Sen darnos tregua, proxectos que esquivan as canles de información pública, acaban coas últimas reliquias con olor a pasado. Hai dous anos, a intervención irreversible na Fonte de Xuncos en Rinlo, na que se substituíu o xenuíno morteiro de cal pigmentado por un novo enfoscado de cemento, destruíu tanto o valor documental como o valor de antigüidade da obra, perceptible só a través da pátina e o deterioro natural acumulado ó longo dos seus cen anos de historia. Púxose xa daquela de manifesto a falta de instrución e sensibilidade do taller para actuar sobre bens históricos con valores hoxe considerados patrimoniais.
A profanación da capela e irracional destrución das preciosistas vidreiras pon de novo en evidencia a instrumentalización do patrimonio local por parte das administracións para fins que nada teñen que ver coa tutela e conservación a que están obrigados. Os Concellos de Ribadeo e Castropol, a través da Asociación “Puente de los Santos”, seleccionan e contratan, entre os maiores de vinte e cinco anos en paro, o persoal dos diferentes módulos do Taller de Emprego, aprobados e financiados polo Ministerio de Traballo. A educación altérnase coa práctica en actividades e obras de utilidade pública ou interese social en ámbolos dous Concellos.
A escasa documentación sobre o contido e desenvolvemento destes talleres, practicamente inexistente máis ala da propaganda institucional, fai difícil o seguimento e avaliación dos resultados. A priori, a función social das escolas-taller non a poñemos en dúbida. Non cuestionamos as políticas de apoio á creación de emprego e reinserción laboral e social dos desempregados. O que non podemos entender por máis que o intentamos, é como fondos públicos destinados a promover o civismo, a mestría e a prosperidade local, se utilizan impunemente para embrutecer, desfigurar e destruír o patrimonio colectivo.
A destrución das vidreiras, e os anteriores expolios sobre elementos singulares, pon en evidencia por un lado, a incompetencia técnica da dirección do obradoiro, en concreto do módulo de albanelería, e por outro, a inopia institucional á hora de recoñecer e protexer o valor artístico, representativo, e educativo do patrimonio local. As preguntas obvias son: quen decide, planifica e define estas obras de “restauración” a realizar nos bens comúns de carácter histórico, artístico ou etnográfico? Como se aplica o protocolo de actuación recomendado polos organismos internacionais e os estados a través das Cartas e da Lexislación que regulan as actuacións neste patrimonio cultural?
A pregunta non é retórica. A capela e os seus tesouros vítreos non figuran no Catálogo Patrimonial Ribadense que a empresa Eptisa elaborou dentro do novo Plan Xeral. O esquecemento non nos sorprende. Proteccións legais sesgadas; desidia patrimonial de propietarios, promotores e autoridades están á orde do día. Aínda que a administración ten o deber legal de identificar, protexer e amparar o patrimonio local, na práctica esta tutela apenas existe. En teoría, o Catálogo municipal identifica e protexe os bens locais; bens que pasan directamente a formar parte do Inventario Xeral de Galicia e gozar de protección legal. Por algún motivo que descoñecemos, o criterio foi non incluír a capela, deixando as vidreiras sen protección legal.
Cuestionar hoxe o valor das vidreiras é un tema extemporáneo. A noción do que merece ser conservado variou e ampliouse constantemente ó longo da historia e sobre este aspecto non cabe a mínima dúbida de que as vidreiras, polo seu recoñecido valor propio, formaban hoxe parte do patrimonio cultural galego, como así o dita a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia no seu artigo 1º. Como tamén establece a Lei que “son as corporacións locais as encargadas de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens integrantes deste patrimonio cultural de Galicia que radiquen no seu termo municipal”.
O “incidente” deixa ó descuberto a pobreza cultural e moral do país colonizado. A falta de identificación, valoración e protección do patrimonio histórico permite en Galicia levar adiante con moito éxito o programa neoliberal de explotación territorial. A destrución do patrimonio borra a memoria do pasado sumindo á sociedade na pobreza e no desarraigo. Para a sociedade civil a perda das referencias identitarias supón un trauma que a debilita. O primeiro efecto evidente é o medo e a submisión. O segundo, o pesimismo que introduce. Todo forma parte do programa de intimidación, confusión e transculturización necesario para o control corporativo. Os asasinos da memoria parecen ter claro que, como advirte George Orwell, “quen controla o pasado, controla as opcións futuras”.
Ante isto, é fundamental tomar conciencia e difundir en Galicia a idea “revolucionaria” de que o patrimonio cultural é un patrimonio colectivo, que nos instrúe e educa. O patrimonio individual é un concepto ben entendido e defendido en Galicia. Etimoloxicamente patrimonium, -i deriva de Pater, en referencia ós bens que proceden da familia e que son herdados. Como cidadáns, tamén herdamos un acervo común que nos pertence do mesmo xeito que nos pertencen os seres e as cousas que amamos sentíndonos responsables deles. Este patrimonio común, é fundamental para a nosa supervivencia e benestar espiritual xa que constitúe a espiña dorsal que ata cada membro individual á “comunidade imaxinada” de Benedict Anderson.
A conciencia do que e belo e do que é bo adquírese a través desta cultura e da “honestidade do corazón”. É significativo que a mirada estética e educada dunha persoa, que casualmente se atopaba no camposanto, puidese salvar unha das oito vidreiras despedazadas. Esta vidreira representa dende agora o refinamento local de hai un século e a barbarie de hoxe. Como aleccionaba hai douscentos anos o Abbé Grégoire (1750-1831) ós soldados republicanos franceses “(...) os bárbaros e escravos detestan o coñecemento e destrúen as obras de arte, os homes libres ámanas e consérvanas (...) a indiferenza ante a destrución será un crime, xa que vós sodes simplemente os gardiáns do patrimonio”.
O vandalismo e a destrución de monumentos históricos no pasado espertou, ironicamente, a conciencia colectiva cara á conservación e a tutela. É a nosa esperanza que a destrución destes documentos vítreos da historia artística e social de Ribadeo, coma a de tantos outros, non sexa en balde. Que como reacción esperte a capacidade crítica e de participación dos cidadáns. A construción do templo da Sagrada Familia nunca tivo apoio económico das institucións, vive dos donativos dos que a visitan, máis de 2 millóns o ano, máis de 25 millóns de euros. Estase levantando como unha catedral medieval. Alimentada pola fe e a determinación humana.
Vénseme á memoria, para concluír, a conversación que recollía o vendedor de biblias británico George Borrow a finais da década de 1830, cando un viaxeiro exclama pesaroso nunha fonda de Lugo: “¡Ay, Dios mío! A bonita tierra hemos venido a parar”. E Borrow responde: “No veo por qué les parece a ustedes tan malo un país que por su naturaleza es el más rico y abundante de toda España. Cierto que la generalidad de los habitantes está en la miseria; pero la culpa es suya, no de la tierra”.
Esta escena pode parecernos moi lonxana, pero a miúdo preguntámonos se realmente fomos capaces de erradicar os estigmas da miseria e da ignorancia. Algo debe quedar, daquel espírito submiso e resignado dos que entendían que eles nada tiñan que ver con quen os sometía e gobernaba. É hora de que isto cambie. E agora é un bo momento.
Carlota Eiros. 17/01/2011

Ningún comentario: