20100730

Un país normal

O título corresponde a algo que entendo triste para unha especie de compañeiro de viaxe irmán maior, moito maior, deste blog. Vieiros. Hai uns días dábase a nova do peche desta canle informativa con visión relacionada con Galicia. É de esperar que se manteña na rede ata que remate o seu aboamento de dominio, e de aproveitar mentras o seu fondo de novas e artigos diversos. E, por que non un movemento para conservar na rede estes anos de información dende, por e para Galicia?
Naturalmente, non todo se vai a considerar excelente, nin moito menos, pero Vieiros marcou case tres quinquenios da rede en Galicia, mellorando a media e a disposición de canta xente quixera beneficiarse dela. Algo máis que unha mágoa. Unha parte da historia recente de Galicia que se está a ir, que se foi.

O FestivalON

Unha cita que leva anos afianzándose en Ribadeo, e renovándose a cada edición. As curtas pouco a pouco van creando afición, tanto na súa visión como na súa realización. O certo é que chama algo a atención o feito de que, co movemento que se nota polas actividades do festival de curtas, o cince teatro non estivera mais cheo na súa inauguración: cousa da metade, quizáis algo máis, pero só 'algo', de aforo cuberto recibiu a presentación a carto de Mr. Misto, imaxinativo coma sempre, e a curta de introducción, comedia sobre o sentido da vidda a traverso dun suicidio dobre inacabado.
Os medios de producción de documentos de video están a medrar ó longo deste século, con youtube como punteiro. E con eles, o material, o número de vídeos producidos. Outra cousa é a calidade. E diso se trata na cita ribadense. Calidade que sempre pode subxectivarse, pero que para conseguirse unha vez tras outra necesita dunha potenciación, aprendizaxe e da valoración consciente dun público, cousas que ofrece a cita ribadense.
Por certo, a raíz das declaracións e números presentados sobre o festival, o número de curtas presentado ó público este ano non é nin a décima parte das presentadas para a súa avaliación previa. Diso resultaría un número de videos maior que o número de visionadores, o que me leva a pensar cara ó futuro en cousas como a proxección simultánea en varios lugares, por unha beira, e por outra, na animación do festival, de cara ó público, fóra de Ribadeo. Supoño que ambas opcións xa foron baraxadas polos organizadores e por algunha razón polo momento non levadas a cabo.

20100728

Os cativos resisten

Ribadeo segue puxante no turismo. A praia de Augas Santas, as catedrais, é unha referencia e parece que a costa de tempo e de visitantes, ata se comenten menos erros sobre a súa pertenza a Ribadeo. A oficina de turismo está chea día tras día, e nun momento calquera pode coincidir unha cola á que a persoa de atención non da abasto, sumándose este ano o Xacobeo en función do Ano Santo compostelá. Onte mesmo, xa ben avanzada a tarde, 10 persoas esperaban a que tres mulleres eslovacas camiño a Santiago recibiran a información que pedían, que non era pouca, tratando de aproveitar non só o camiño, senón o mellor posible a súa estancia / paso por estas terras. Na mesma oficina, as bicis para alugar. E unha exposición. E o repositorio de bookcrossing, que nesta tempada movéuse, vaia que si, ata pensar na necesidade de voltar a poñer máis fondos bibliográficos despois de reducirse á metade os alí mantidos. O tempo, acompañando, cun Sol que foi deixando paso ás nubes que hoxe cobren a nosa vila pero que manteñen unha temperatura de verán, que será entre 17 e 22ºC segundo a web do concello, que pouco a pouco máis facéndose máis útil, ou 17 - 24ºC segundo a previsión no lateral desta mesma páxina. O ascensor, inaugurado para a foto, inútil polo momento, sobre o porto que xa puxo a funcionar a nova cafetería do náutico, penúltimo dos locais comerciais abertos, de cafeterías a tendas de produtos naturais, pasando por promotoras de actividades lúdicas. As polémicas diversas, dos orzamentos á participación nas actividades infantís, por poñer dous casos. O ruído nouturno, campando polas súas recentes tradicións, como poden testemuñar os veciños de Antonio Otero que asinaron unha petición ó alcalde. As actividades, continuando como co festival de curtas OnOff deste ano, que comeza hoxe cunha presentación ás nove no cine teatro, ou a exposición de pintura feminina no Forte de San Damián estes días (por certo, con algunha ribadense expoñendo que non aparece no programa ni no cartel) ...
É no contexto anterior no que se pode observar que son os cativos os que resisten portando a tradición de bañarse en Mirasol. En tirarse dende o peirao, no seu extremo sur, amosando as súas habilidades ou desfrutando cos seus xogos dentro dun terreo que na actualidade está valado e que pode cerrarse en calquera momento. O peirao comercial de Ribadeo xa deixou de ser hai algún tempo un lugar para o paseo xeral. Non por ser un perigo o estar deambulando por alí mentras se estiba, senón polos barrotes que tentan impedir o paso e desviar o tráfico tanto rodado como a pé pola rúa feita ex profeso. Así, o porto pouco a pouco é segregado non xa de Ribadeo, senón da cabeza dos ribadenses como lugar propio. Son pois os cativos os que fan o mesmo que os seus pais, que os seus avós, tirarse dende o peirao ata a auga en marea chea, apropiándose de novo dun espazo que trata de vedarse para calquera actividade fóra da estritamente portuaria. Cativos que están á vista de quenes desfrutan da praia dos bloques, na que moitas veces eles mesmos teñan a súa base (e é que se casa con dúas portas mala é de gardar, o peirao ten as portas de terra e os peldaños que suben dende o mar). Cativos que dan envidia non polo desfrute, senón pola liberdade que da o saber que están a facer algo natural iñorantes ou pasotas de que as normas impostas esteñan xa prohibíndoo.
Mentres que se vexan os cativos bañarse dende o peirao, o porto seguirá a ser de Ribadeo e non de Portos, aínda que sexa en disputa ou a tempo parcial. Será así por moito tempo?

20100727

Periodismo preventivo

Escoitando onte radio nacional atopeime con este termo, que quixera aplicar a Ribadeo: a definición di abondo, pero é complicada. Trátase de poñer as bases, mediante as novas de prensa, para unha comprensión do que se ve abocado a pasar despois.
En Ribadeo hai novas que cando aparecen, quen está informado, veas como totalmente lóxicas debido ós pasos anteriores dados en política, economía ou por diversos actores sociais. é dicir, en certo xeito, deixan de ser novidade para ser obviedade. Pero para a xente que non está informada do tema, son polo contrario novidade que parece xerada da nada, descontextualizada. E polo tanto, atribuíble ás máis diversas causas, manipulizable, ...
En certo xeito, o blog tenta ser periodismo preventivo.

20100721

A 47 m


O concello de Ribadeo está a 47 m de altura, como indica a placa de nivel sobre o mar que está na súa entrada, a uns 2,5 m sobre o chan (o que deixaría a altura da rúa a uns 42 m sobre o nivel medio do mar en Alicante, punto de referencia para as alturas en España (tomado no Mediterráneo por mor das pequenas mareas que sofre).
Cabería a ilusión de pensar que, cos 21 m de desnivel salvado polo ascensor da Atalaia, o concello achegouse á metade máis á ría do que estaba antes.

20100720

Unha nova sinxela

Cárcere por ruído. Polo momento, na Veiga. Por abondos menos anos que os 17 de Ribadeo.

Unha curiosidade máis sobre a ría de Ribado


Xa estamos afeitos a que a ría de Ribadeo sofra todo tipo de discriminacións (descontando as propias de agresión natural), dende diarios que a tratan como 'do Eo' a guías que a inclúen en Asturias, pasando por Presidentes da Xunta, etc.
Neste caso, é un mantel collido nun local céntrico en Lugo a comezos de mes, con diveros patrocinadores (entre os logos, o da Deputación e o Museo Provincial), no que aparece o río Eo pero non a Ría de Ribadeo (craro que neste caso, tampouco aparece o nome da ría de Foz, aínda que si o entrante correspondente).
En fin, naderías sobre a ría do encontro.
Por certo, facendo uns cálculos o outro día cheguei a unha estimación da auga que entra na ría nunha marea (algo que pode variar moito dunhas a outras): uns 30 M de toneladas.

20100719

A natureza en Ribadeo, no pobo


Parece mentira, pero a foto adxunta está tomada hai un par de días na subida dende a Vila vella , ó pé da beirarúa. De noite, só un punto verdoso de luz no centro. Un vagalume dos sete ou oito nos que me fixei esa noite na zona.
Para observar e non molestar, pois estes animais tamén sofren tensión se non se lles deixa en paz, e deixan de iluminar, co que o seu valor e beleza quedaría minguado ostensiblemente.

20100718

Unha enfermidade da alma

"Todos coñecemos unha patoloxía de África Central chamada enfermidade do soño. O que temos que saber é que existe outra enfermidade parella que ataca á alma, e que moi perigosa porque se instala sen que nos decatemos. Cando notes o primeiro indicio de indiferencia e falta de entusiasmo respecto ós teus semellantes, ponte alerta! O único xeito de previr esa enfermidade é entendendo que a alma sofre, e moito, cando a obrigamos a vivir de xeito superficial. á alma gustanlle as cousas belas e profundas", traído de 'El vencedor está solo', de Paulo Coelho.
Só unha cita como moitas outras, para remarcar que a alma sofre cando vivimos dun xeito superficial, pois así dito xa está manido...

Vantaxes dalgún deporte

De cando en vez vexo ó alcalde de Ribadeo coa súa bicicleta facendo deporte. O seu comezo, xeralmente, Ribadeo. O seu final, tamén. E máis dunha vez me teño imaxinado cousas do concello, das parroquias, que pode ver a lombos da súa bici con calma, pasando unha e outra vez e vendo a súa evolución ó cabo dun tempo. Coñecendo o concello que goberna, e polo tanto, poñendo unha base para poder exercer un mellor goberno.
Non é condición abondo, pero si é condición necesaria.
Mirando cara ás próximas eleccións pode ser un consello para outros candidatos ó posto: coller unha bici, ou, no seu defecto, o coche ata un punto do concello e darse camiñatas por alí desfrutando co deporte, osixenando a mente, coñecendo o concello, xuntando as posibilidades do desfrute e as posibles accións, ...

20100717

Delicto gravísimo

O vaticano remata de elevar á categoría de delicto gravísimo a ordeación sacerdotal de mulleres. Un delicto gravísimo que comparte lugar na prensa con cousas que parecen ser pecados veniais, como o 'pasar' do debate sobre o estado da nación do xefe da oposición dun (supostamente) estado democrático, ou o enésimo caso de corrupción.
É dicir, progresamos.

Un polígono para pasear

O polígono foi entregado. Queda o reparto, e algo que se soe obviar: a acometida elećtrica coa construcción dunha liña de forza e unha subestación, algo sobre o que non se fala dende hai tempo, coas protestas de fondo a fror de pel por se hai que voltar moverse.
Mentras, o polígono está listo para pasear por el ... se non hai vixiantes, que ás veces hai xente que impide o paso a algo que é terra e asfalto, mentras que outras hai liberdade.

Ribadeo e a fibra óptica


A foto amosa unha mesa portátil ná beira do cine teatro, comezo de Avda. Rosalía de Castro.
Foi tomada o 20100715 e os aparellos son para empatar os cables da fibra óptica para telecomunicacións. Preguntei para saber a compañía, pois R ten avisada a súa chegada dende hai tempo, pero non, eran operarios dunha empresa que traballaba por conta de Telefónica.

20100716

Curiosidade: unha imaxe que non parece do verán

Poidera ser calquera lugar, pero é o Mondigo con néboa nun día luminoso deste verán, visto dende o sur.
Abaixo, unha toma do sigpac centrada no Mondigo. Na parte inferior esquerda da mesma (SO xeográfico do pico), o mellor punto de acceso, na estrada Reme-Vilamar, a algo máis de 1 km ó oeste de San Vicente de Covelas.

Bailes políticos

Ribadeo comeza a ferver ante as próximas eleccións locais. Se onte aínda era nova a tentación do PP pola cabeza de UPRi, (desmentido na prensa de hoxe dun xeito que parece que se tivera saltado por riba da estrutura local do PP), hoxe ten saltado un cambio doutro tipo, de PP (de Ribadeo) a PSOE (de Barreiros), segundo esta nova que afecta a Manuel lópez Lens.
A nove meses longos das eleccións, parece que esto non fai máis que comezar (os bailes finalizarán de xeito obrigado ó consolidarse as candidaturas), pero ó tempo tamén fai que a xente se pregunte sobre a diferencia entre partidos e sobre os móbiles dos candidatos. Iso, polo menos.

Sobre Mirasol


Onte foi dada a nova da apertura de licitación das obras en Mirasol, comprometidas a ENCE. 2,6M€ para básicamente ampliar o espigón no seu grosor (como tenta representar a zona en negro) e a un dragado ata 100m da beira (límite marcado pola liña vermella) abranguendo a lonxitude do peirao. A dicir que a foto, tomada do sigpac, presenta Mirasol como xa non é, pois por exemplo non aparece a estrada exterior, nin a pequena nave á beira da saída sur.
Por outras veces que foi tratado o tema do porto, a distancia de manobra dos barcos está limitada a 120 m da liña do porto, pero non sei se a contar dende a liña que agora se vai a sobrepasar no espigón (o máis probable e que levaría o dragado ó límite físico do permitido, afectando a derrumbes na beiras do tesón) ou dende a liña actual da maioría do peirao.

A segunda foto, unha vista nouturna da nova nave que se está a construír despois do derrumbe do muro que afectou ó taller, e a tamén nova nave na fronte de carga do peirao.

20100715

Descoberto o pastel do ascensor


Onte foi descoberta a placa e inaugurado o ascensor. Cal? O da Atalaia, claro. 21 m de desnivel. Non máis pasaxeiros polo momento, pois está pechado á espera de pequenos detalles. O acto foi aproveitado: non foi o importante ó descubrimento da placa, senón os comentarios e peticións arredor dela, lembranza de inversións prometidas e lembranza tamén de que o concello non ten cartos para poñer unha persoa que o coide. Aí vai o titular de La Voz: Ribadeo inaugura un ascensor panorámico de 1,4 millóns sen poder pagar a quien o atenda.
O pulo? Máis que comunicar o porto, dar vida a unha zona que estaba a esmorecer. As incógnitas son moitas, comezando por cánto tempo estará en funcionamento. As curiosidades tamén, e aí está a zona barrada á beira do ascensor, protexida non para evitar máis derrumbes, snón para evitar que a xente se poda situar baixo deles.
No plano, a zona con centro no ascensor, tal como viña contemplada no último que se sabe públicamente do PXOM, entre a aduana vella (arriba) e o auditorio de Cabanela (abaixo). O-11 é á capela da Atalaia.
Algúns relacionados:
Pagus - ascensor na atalaia de Ribadeo
Sobre a Atalaia
De Suso Peña á Atalaia
Xa non é nova
Será noticia
Cogomelos
O ascensor da Atalaia, onte
Guirilandia

Feve ...

Vexo a nota do concello sobre o descarrilamento de onte dun FEVE de mercadorías camiño de Navia, con madeira e aluminio. E penso non tanto no inconvinte que pode resultar por unha tempada sacar dalí os vagóns e a carga e reparar a vía (non houbo feridos), senón precisamente no feito de que a carga se dirixira a Navia, a ENCE, por tren, e dende Galicia, e o recente acordo para levar Xixón - Navia e viceversa carga dende / a Ence, entre FEVE, o Principado e ENCE.
Algunha entrada relacionada no blog:
Mirasol e o futuro do porto de Ribadeo
Carta al sr. Alcalde de Navia
Construír futuro, un artigo de Pancho Campos na Comarca
Máis para o porto: nova grúa de Galigrain
Embrollos

20100714

Sobre o pleno do luns e un rumor que medra

Deixo a ligazón á nota de prensa do concello sobre o pleno de 20100712, na que vexo por primeira vez por escrito un rumor que comezou hai máis dun mes en Ribadeo, e que imputaría ó xefe de filas de UPRi, Paco Rivas, a aceptación dun cargo na Xunta, coa conseguinte desestruturación da actual relación de forzas na política municipal de cara ó resto do mandato, e máis de cara ó futuro, pois UPRi non se presentaría de novo ás municipais, voltando un certo caudal de votos ó PP e poñendo nun brete con elo á actual maioría minoritaria do BNG. Como todo rumor, máis se temos en conta que foi in crescendo durante máis dun mes, ten outras derivacións e as súas confirmacións, motivo seguro do por que na nota de prensa do concello se fai eco do tema.
Do que non se dixo nada no pleno é de que esta mañá se inaugura o ascensor da Atalaia, co que xa haberá que comezar a mantelo.

Dossier de prensa Musikeo 2010


Chegou ás miñas mans o informe previo correspondente ó Musikeo 2010 (ver a entrada do blog para dar conta da celebración do Musikeo 2009)para a prensa, da Asoc. cultural Viejo Pancho, que creou tamén a páxina http://www.musikeoribadeo.com para información do festival. Ven acompañado dunha nota de prensa, que, afeizoados a este tipo de música ou non, pode dar información interesante.:
"El Festival Intercultural Musikeo es el festival de música que se celebra en la localidad lucense de Ribadeo durante el periodo vacacional de verano, y que, con el paso del tiempo, se ha convertido ya en un clásico de los festivales de verano en la zona norte de Galicia y occidente Astur.
Este año, el Musikeo 2010 vuelve con más fuerza que nunca celebrándose la primera semana de Agosto, durante las jornadas del viernes 6 y sábado 7, en un enclave inmejorable: las
inmediaciones de la playa de Os Castros de Ribadeo.
El Musikeo ha apostado siempre por la música en directo y de calidad, cristalizando esto último en la contratación de bandas de primera calidad del panorama musical español y descubriendo a grupos más allá de nuestras fronteras. Esa apuesta queda patente especialmente en esta edición que por su cartel, que incluye grupos procedentes de Holanda o Dinamarca, se ha tornado mucho más atrevida; sin olvidar, por supuesto, a las formaciones locales que cada año suben más fuerte.
Así pues, el cartel oficial lo forman Tarde, Mal y Arrastro, Escala Drinker, Sota de Palos, Pendejo!, Uzzhuaia, Remakers y Dj DrThink, para el viernes 6; y Calcio20, Beetle Judge, The Black Road, FuzzManta, Nothink, SpeakLow, Gansos Rosas y Dj DrThink para la jornada del sábado 7. Pero el Musikeo es mucho más. Se ha invertido esfuerzo en incluir en el programa a percusionistas, animaciones teatrales, malabares, etc. con la premisa de que en el Musikeo, siempre haya algo de lo que disfrutar.
Calidad, cruce de culturas, y ante todo, diversión, son las apuestas de este humilde proyecto
organizado por la Asociación Cultural sin ánimo de lucro, El Viejo Pancho, para el que ya se
pueden adquirir las entradas desde su web: www.musikeoribadeo.com. Los primeros 500 abonos, se podrán beneficiar del precio exclusivo de 10€ para los dos días, con acampada gratuita!
Con todo ello, el Festival Intercultural Musikeo 2010 se convierte en uno de los festivales
veraniegos de Galicia de asistencia obligatoria. Seguro que no deja indiferente a nadie.
Ribadeo, 6 de julio 2010"

20100713

Descobre o verán en Ribadeo


Xa pasou o mundial. Mesmo xa pasou o pleno de onte. Que facer? A axenda cultural pode darnos unha idea...

20100712

Só nos queda xogar con extraterrestres


O título corresponde a un comentario dunha persoa non afeizoada ó fútbol (non eu), e coido que encaixa no 'Ribadeo era unha festa' que se viviu onte. Ribadeo como parte da 'roxa' (o de España é algo máis complicado). Facendo ondear bandeiras, algunhas como a que amoso. 'Divertíndonos': berrando, bebendo, babeando (isto, porque cadra para que coincidan as 3b e encadra como palabra recoñecible de situación tan ben como outras moitas aplicables).
Supoño que como boa parte de España, Cataluña con Puyol incluída.
Agora cabe pensar se o emprego dos 0,6 M€ por cada xogador rendiu. Se se lograron os obxectivos que se pretendía e corresponden co valor dos cartos empregados. Evidentemente, para o obxectivo de despistar a crise (da crise, quero dicir), si. Alomenos durante un tempo. Para cohesionar un estado? momentáneamente, antes de que pase a resaca, pero tamén. Aínda que xa esteñamos de resaca, chega con mirar a rúa como quedou á luz do día. Para aglutinar detrás dun símbolo? Si, pero un símbolo que deixou de significar: se queremos (quen queira) ser como os norteamericanos coa súa bandeira, que bandeira escolleriamos, a do 'güisqui' DYC? Permitirian unha cousa tal nos EEUU?
A fonte do Parador foi o lugar de encontro posterior. Aquí non hai como na Cibeles, moito que romper: é abondo robusta, e dende que se comezou a empregar como lugar de celebración futbolera parece que deixou de botárselle deterxente e aparecer chea de espuma. A xente bañouse entre xaleo e bocinas de coches, nunha noite que apetecía para calquera cousa.
Mentras, a non tantos metros de alí, vin por primeira vez a cancela do porto a medio cerrar, no sentido de entrada, non de saída, coa sinal en inglés en troques do 'alto' que aparece por latinoamérica, e si, Castropol ó fondo, entre naves ...

20100710

Os dereitos son proporcionais ó poder

A cita de N. Chomsky, dun debate en París hai un mes, quizáis debe ser reformada lixeiramente para a súa total comprensión separada do resto do texto: O uso que se pode exercer dos dereitos é proporcional ó poder que se pode exercer. Cadra unha repetición de dúas palabras, pero coido que iso precisamente resalta o significado.
Pode completarse o anterior con outra cita de Le Monde Diplomatique, tamén de Chomsky, no número anterior, xuño de 2010: "Chega un momento no que a xente comprende a estrutura de poder e de dominación e decide facer algo. É a sí como se teñen producido tódolos cambios na historia. Como ocorre isto, non o sei. Pero todos temos o poder de facelo."
Neste segundo caso, ese momento do que fala Chomsky, non sempre se produce sincronizado no tempo nin na idade, e ás veces, nin se produce. Por iso o poder segue sendo exercido por unha estrutura controlada por quenes non só teñen unha idea dela, senón tamén están dispostos a usala e teñen os contactos precisos para exercelo.
E, fóra dese poder, o resto.
O remate, un punto positivo: todos temos o poder de cambiar as cousas ... aínda que moitas veces, aínda que sexamos conscientes da posibilidade e a conveniencia de cambio, non saibamos como.

20100709

Preparando o futuro?

Remato de ver unha nova sobre ocultación de beneficios, o que me lembra a reforma do despido en España, onde agora unha empresa pode alegar malos tempos apra comezar a despedir. cousa de ir anotando estes intríngulis para o futuro.

Servizo complementario

A nota do concello é abondo indicativa: haberá un autobús ás praias as tardes (o fin de semana, tamén as mañás) durante o verán. Será un servizo de Eocar, independente, pero animado polo concello. Coido que isto debe quedar claro: o concello ou a Xunta non subvencionan, senón que a Xunta permitiu e o concello animou, facilitou e está a promocionar o tema. É dicir, hai diferenzas aprezables con outro tipo de servizos, como o 'noitebús'.
Por diferentes motivos non está claro que vaia a funcionar; é unha crara aposta empresarial que pode desconxestionar o aparcamento das praias, en particular das catedrais. Ten unha poboación diana para o uso que é abondo importante, pero terá que competir co tren, cos gustos e manías dos usuarios e cos cambios de tempo en plena tarde. Por outra banda, de ter éxito, un único autobús quedaría pequeno. Ogallá suceda o éxito e se desconxestionen os aparcamentos das praias e haxa unha menor pegada ecolóxica nos veráns ribadenses, entre outros efectos beneficiosos.

20100708

Non estamos sós

A ría de Ribadeo (1, 2, as moitas ligazóns de 3, ...) non é a única que sofre de erros e nomes rimbombantes por parte de Google Maps. Agora únese o illote Perexil...

Máis sobre orzamentos

Despois de botar contas sobre o mundial atopei onte tamén a nova do gasto que suporá para a Xunta a visita do Papa. Visita que non inclúe unha noite en Compostela, pois irá durmir a un lugar non sei se máis santo, Barcelona. A cousa din que supón 2 M€ (por otro lugar atopei 4 M€, pero vou coller a cifra máis pequena...). Botando contas, supera para Ribadeo as cifra de primas do mundial de fútbol, pois a cota ribadense vaise ata os 7 k€, 7 000 euros que case duplican a cifra anterior (a lembrar que son só as primas se ganan o mundial, para o que onte deron o penúltimo paso ó derrotar a Alemaña)
De calquera xeito, en Ribadeo téñense visto últimamente sobrecustes superiores. Aí están os 13 000 € a aboar ó anterior alcalde despois por un par de meses de ocupación de cargo, por exemplo (aquí, ou aquí, ou ...)

20100706

As contas do mundial en Ribadeo

A nova de que o balón empregado no mundial é impredicible a alta velocidade e polo tanto as bondades dos xogadores ou do conxunto dunha selección terían menos importancia no resultado dun partido do que xa se supón, lembroume unha cousa sobre a que cría ter escrito pero non: 600 000 euros (100 millóns de pesetas) para cada un dos vintetrés xogadores da 'roxa' (13,8 M€) se ganan o mundial de fútbol, pero cifras proporcionais segundo vaian avanzando no campeonato, logo xa teñen prima. Os xogos son xogos porque teñen unha parte de impredicibilidade, e é isa parte o que veu aumentar a nova do balón ...
Enténdese que a suma da prima é extra, a parte do seu abultado soldo, e do correspondente ó entrenador, técnicos, hoteles, desprazamentos, ..., o que levaría a cifra a multiplicar eses 13,8 M€.
Pois ben, despois do xuízo ó 'patriotismo' feito na ligazón anterior, a cousa está no que lle toca a Ribadeo nese pago. Hai que dividir esa cantidade entre 4600 porque Ribadeo ten unha poboación desa orde en relación a España ... e quedan 3000 €, medio millón das antigas pesetas. Ou 30 céntimos por persoa

Por esta, limpeza tardía

Onte o concello sacou unha nota de prensa pola que se permite, previa petición escrita, a limpeza da madeira acumulada nos ríos. Hai que lembrar que a potestade sobre o tema tena a confederación hidrográfica, non o concello, que fai de entidade subsidiaria neste caso. Pero sobre todo, hai que lembrar que foi a falta de limpeza dos ríos o agravante para que se produxeran danos maiores nalgunhas situacións das riadas do pasado mes, ó atrancar os vanos das pontes con madeiras (ás veces, árbores enteiros) que ademáis apoiábanse nos pilares, impedindo o paso da auga e facendo forza suplementaria sobre o baseamento. Así se chegou a situacións como a da Ponte de Arante, que quedou completamente tocada.
Por esta vez chegouse tarde. Pero trátase de que coa experiencia tida, esta limpeza sexa axustada ó que se necesita. E novamente, de todos depende velar por que así sexa.

20100703

Contradicións

Avisan na web do concello da sinatura dun novo convenio sobre drogodepencias e felicítanse por iso (aínda que sexa menos que o ano pasado). Non é unha contradicción que mentras tanto as esteñan fomentando por outra banda contribuíndo a manter e aumentar unha dependencia alcohólica? Tendo en conta ademáis que o consumo de alcohol relaciónase co doutras drogas.

20100702

A educación anda movida

Mentras hai un clamor por calquera sitio a cada nova medida da calidade do ensino, ségunese a sufrir as decisións 'de arriba' de xeito impetuoso e brutal. En Ribadeo temos tradición, pois tócanos tanto o decidio a nivel estatal como galego. Se o primeiro que lembro foi levar para Burela as ensinanzas da rama Sanitaria de FP cando estaba repletas en Ribadeo e facían prácticas non só en Burela (o argumento era que en Burela estaba o hospital, que xa había cando se instaurou eses estudos en Ribadeo) senón tamén en Jarrio, a cousa continuou de diversas maneiras, por exemplo (e sen esquecer a reducción de centros en curso), non permitíndolle ós alumnos de ESO compatibilizar o estudo dunha lingua extranxeira nos IES cos da EOI. Neste segundo caso o alegado foi a duplicidade de estudos: que fora diferente número d ehoras e de nivel non valeu, pero tampouco que a preparación recoñecida na ESO siga a ser atacada polo baixo resultado.
Agora tocoulle ó ensino nouturno mariñán. é certo que está duplicado, pero non é certo que en tódolos casos esteña con baixo nivel de matrícula. Clámase dende a Consellería polo estudo semipresencial, e non sería malo se non fora unha substitución ás présas pola intuición de que vai ser máis barato, cando o funcionamento do ensino a distancia non foi potenciado nunca na Mariña ata o momento.
E, se nos fixamos, todos estes cambios son de atribucións a unha ou outra dependencia administrativa (aínda que lóxicamente, afecten ós cidadáns), pero non para unha mellora de calidade do ensino, e menos aínda, da educación...