20101221

Toda empresa colectiva require confianza

Recollo unha frase do libro 'Algo va mal' de Tony Judt (na p.70, 3ª ed) para voltar sobre unha insistencia de O Tesón cando é preguntado sobre o que facer cara ós programas electroais das próximas municipais. Porque o primeiro é facer que os candidatos sexan cribles cando fan unha afirmación, unha promesa. Se eso non ocorre, a percepción de calquera propaganda electoral é que estará feita para non cumprirse. E que o candidato correspondente (por esta parece que non hai candidatas) é irrelevante na votación, non merece tampouco consideración.
Dese xeito, ó tempo que se perde creto na democracia, os primeiros perxudicados son os propios candidatos, concebidos como tramposos mentireiros aproveitados, ás veces mesmo antes de que se teña algún acto de exmplo dese comportamento.
Continúo con outras dúas frases separadas só un par de páxinas no mesmo libro: 'a falta de confianza é claramente incompatible co bo funcionamento dunha sociedade'. Se non confiamos nos candidatos, non esperaremos nada (bo) deles, e non estaremos moi dispostos a arrimar o ombreiro a unha empresa, a de levar adiante o concello, que debe ser común (a vella aspiración de 'gobernante de todos', que o é o político electo e se lle enche a boca ó dicilo como senon viñera dado polo cargo, fronte a outras posibilidades como 'gobernante con todos' que estaría máis na liña do que é democracia, ou mesmo 'gobernante para todos', na liña do despotismo ilustrado)
Remato coa terceira: 'canto máis igualitaria é unha sociedade, máis confianza reina nela'. A sociedade con cidadáns de primeira e segunda categoría, non só no económico, senón no social, que se está a instaurar en Ribadeo via o desprezo de opcións -mesmo ás veces, maioritarias- e imposición directa ou vía presión, será permitido no chamado xogo democrático, pero non contribúe en absoluto a sentirse parte dun equipo, senón territorio conquistado.
En absoluto teño na cabeza ó escribir isto só a un candidato, equipo ou goberno actual ou pasado. Máis ben estou recollendo moitas novas nos xornais, declaracións na radio, e claro, tamén sucesos do pasado. E sacando conclusións ou inferindo posibilidades ou recollendo dúbidas a raíz deles. Por exemplo, por citar algo que pode resultar secundario nestes momentos, é posible que a alguén se lle escape que a pregunta do PSOE sobre a piscifactoría é facilmente relacionable coa falta de información (retraso de máis dun ano) sobre o resultado das escavacións co Castro das Grobas?

Ningún comentario: