20100221

O cruce de libros ... para saír publicado ...

Non é doado atopar libros en calquera sitio. Pero cada vez se atopan máis. O cruce de libros, o bookcrossing, que o pasado outono chegaba a Ribadeo e paraba na Oficina de Turismo cunha presentación na que participou a AVV O Tesón, o cruce de libros a traverso do mundo enteiro, está facilitando as cousas para que os libros sexan algo máis libres, algo máis de todos.
Libros deixados en calquera sitio, dun xeito moitas veces desorganizado pero tamén moitas outras, a maioría, de forma organizada, liberados para que calquera outra persoa os atope e os use, os lea, e despois os volte liberar para que sexan usados por outras persoas, nunha cadea que se sabe en cada caso onde comeza, pero non onde finaliza. E que pode ter unha parada nun banco do parque, ou nunha cafeteía, ou nunha gasolinera, ... ou na oficina de turismo de Ribadeo, por poñer tamén un exemplo dos numerosos lugares que son zonas 'oficiais', rexistrados e visibles en internet, de intercambio de libros. Por non falar doutros que, da man de calquera, viaxan dentro do país ou cara ó extranxeiro, cunha parada moi lonxana a onde tiveron a súa orixe. Un movemento que vai cumprir os dez anos medrando cada vez máis apresa, de xeito que se o outono pasado andaba polos cinco millóns de libros liberados, en febreiro de 2010 sobrepasa os seis millóns.
A idea do cruce de libros ten dúas bases: os libros poden ser usados gratis e o pracer da letura non debe ter barreiras. Dous puntais que serven de acicate para unha especie de revolución silenciosa a nivel mundial, tendo como protagonistas ós libros viaxeiros, de man en man, de lugar en lugar, mesmo de país en país: “Ola, son un libro BookCrossing, non estou perdido, pertenzo a un clube de letores global” é unha frase característica (ahi outras moitas posibles, e en moitas linguas diferentes) que pode verse nos exemplares liberados, acompañados por un código, o BCID ou identidade do cruce de libros que facilita o seu seguemento. Volumes que non camiñan sós: pode atoparse en xeral información diversa de cada un deles, dende comentarios xerais a críticas, de impresións particulares a guías de letura, dende Ribadeo a Australia, ...
As dúas bases citadas dan lugar ó chamado R3 (en galego, RLR): Read (Ler), é dicir, desfrutar do libro, o apartado fundamental de todo o proceso. Register (Rexistrar) na web o libro que se via a liberar, para comezar o seu seguemento e a facilidade de uso ó resto dos potenciais letores, o que significa algo así como darlle un valor engadido. Release (Liberar) para que esteña a disposición de quen o queira ler e desfrutar. RLR que non sempre se segue ó pé da letra polas persoas que voluntariamente colaboran, pero que facilita un mellor funcionamento.
Así, o cruce de libros é unha iniciativa cultural sen ánimo de lucro, financiada polas doazóns voluntarias dos membros e a organización dun pequeno mercado relacionado a traverso de internet. Internet... unha tecnoloxía que permite unha organización distribuída do bookcrossing, unha inscrición de libros deixados, á maneira de unha biblioteca universal, un seguemento do material ó longo do mundo, unha referencia das leturas que ti fixeches e os libros que estás pensando en ler, mesmo facerlle un seguemento ós libros que desexes por medio do correo electrónico ... todo, dun xeito voluntario que permite ó tempo, manter lagoas de información e acumular unha grande cantidade da mesma.
Enderezos: http://www.bookcrossing-spain.org
http://www.bookcrossing.com/hunt/29
http://www.libro-libre.org/

Ningún comentario: