20091229

Primi

Con data de onte enviei o seguinte texto para a Comarca, ó fío da entrada realizada sobre Primi.
Primi
Hai xa tempo, no ano 2007, con motivo do Día das Letras Galegas, deixei escrito noutro lugar “Día no que por outra parte, a súa adicatoria a María Mariño me leva a lembrar unha escritora ribadense viva en lingua castelá na súa meirande parte e á que coido que se lle podería dar mais estima da que lle concede, Primi Nécega. Non me vou poñer a ponderar agora a súa obra, pero chámame a atención que os seus contos, precisamente, non chamen máis a atención. E xa digo, salvando as distancias que as circunstancias impoñen, a figura dunha lémbrame a da outra.”
Por eso foi unha ledicia ter a nova de que lle fora concedido o premio 'Iniciativas 21', neste caso con M. Carmen Rodríguez Cancelo e outras mulleres que foron recoñecidas en toda Galicia. O acto de entrega tivo lugar o pasado 20 de decembro no Teatro Colón da Coruña, rendindo homenaxe a “21 mulleres que se teñen esforzado por superar as dificultades e os atrancos da vida cotiá”, sendo citada “Primitiva Nécega. Escritora”. A lembrar que os premios Mulleres 21, tal como aparece na web da Fundación, están adicados “a mulleres excepcionais, como tamén o é a súa cotidianeidade, sen a que o progreso de Galicia non sería posible.” É dicir, a mulleres de excepción que non se prodigan socialmente, senón que fan unha labor calada, do día a día.
Tempo antes aínda do 2007, nunha introducción á primeira edición de 'Despertar', o seu libro de poesías, tentaba facer unha aproximación non á súa vida, senón ó que é Primitiva Nécega Gallo, 'Primi' para os que a coñecemos. Algo que alomenos para min non é doado porque vai máis aló dunha biografía. Tamén na páxina da 'Galipedia' (“http://gl.wikipedia.org/wiki/Primi_Nécega”) pódese rastrexar algo da súa vida e obra, pero coido que é na 'Comarca del Eo' onde se pode seguir a súa traxectoria semana a semana, pois poucas falta á cita cos lectores ofrecéndonos sobre todo os contos e historias que crea. Tamén sei que en internet pouco a pouco vai dispoñendo dalgún escrito seu para quen quera acceder a eles fóra dos cauces habituais do papel, e así aproximarse á figura de Primi. É o mellor xeito de achegarse a un aspecto dela, o de escritora.
... Aspecto que non é o único. Poderían dicirse moitas cousas desta muller que ten o seu traballo diario, escribindo, totalmente integrado na súa vida. Pero coa cotidianeidade citada en 'Iniciativas 21', sei que Primi non vai difundindo as súas andanzas (non falaremos logo dos pregóns, ou da curta , ...) e por eso remato este pequeno recoñecemento, non sen antes abrir o campo a outras facetas desta muller que naceu en Foz pero da que con todo o seu significado pode dicirse que é de Ribadeo. Ben, a cousa é que quedou oculto nos avatares do premio o colofón que ela mesmo escribiu como final da súa escolma biografica: 'a miña mellor obra son os meus fillos'. As cousas, claras: non lle fan falta recoñecementos, no que máis lle importa xa os ten, e nos escritos, consígueos semana a semana. Pero coido que un premio como o que recibiu hai poucos días tamén o tiña merecido.

Ningún comentario: