20091228

Algo que non aparecerá na Comarca: "Escribe en galego: leeranche máis"

    Xa se retrasou moito o envío, e por eso non aparecerá (é contestación a un escrito aparecido na comarca o 20 de novembro de 2009):
Escribe en galego: leeranche máis.
    Despois de ler una artigo na Comarca de Ribadeo o pasado 20 de novembro, lembreime de que ben fixen ó non facer caso a quenes, hai poucos anos, me dicían que escribira o blog en galego, ou abondo antes, a quen me dicía o mesmo en relación con outros escritos. Co imperialismo actual do galego, cru o tería para atopar letores en castelán...
    Pero voltemos ó artigo citado para comentar só algunhas das frases e ver así de aprofondar nelas e no imperialismo galegofalante que hai que aproveitar neste sétimo século triunfal da cruzada galeguista dende o grande impulsor do galego, Alfonso X.
    Pregúntase o autor, referíndose ás eleccións autonómicas últimas, que cando se dará conta o sector defensor do galego de que o pobo galego optou polo bilingüismo. É tan evidente que o que exista o galego creba o bilingüismo, como que os valencianos votaron pola corrupción. Barra libre para o galego, o idioma máis forte!
    Tamén se pregunta polo negocio a conta do galego. Tendo en conta que o galego ten un negocio asociado abondo máis de 20 veces superior ó asociado español (por poñer un límite mínimo e en España, por non falar doutros países), non me estrana que se pregunte polo tema. E poderiamos ir por barrios, e distinguir a abrumadora maioría de libros editados en galego fronte ós impresos en castelán, en Galicia e fora dela, ás múltiples televisións en galego, mesmo ó idioma usado nas cancións... Aí están as estatísticas, como a que saíu na prensa o día 18 (título: “La edición de libros en gallego aumentó casi un 25% en el 2008”): no 2008 foron editados 2 482 libros en galego, como se pode ver, a parte do león dos 104 233 editados en toda España. Ademáis, os libros editados en Galicia son na súa maioría en galego, quizáis porque aquí non hai casas editoriais de distribución nacional. A medra de títulos tamén foi forte, un 25%, non importando que o ano anterior houbera unha baixada. Tamén está clara a importancia oficial na publicación, o pulo dado polo imperialismo político filogaleguista: A grande maioría dos libros, 199, dos case 2 500, foron de edición pública. Ademáis, o pulo galeguista está craro nas tiradas: só unha media de 2 960 exemplares nas edicións en castelán por 1 398 de media das edicións en galego. Asemade, os datos corroboran a importancia das novas tecnoloxías: no caso do libro, xa hai en galego ata o asombroso número de 123 títulos editados sen papel.
    Na prensa, na que como é referido no artigo o castelán está a piques de desaparecer, case todo está dito en galego: 0 día 18 de outubro, dous días despois da manifestación de Santiago a favor do Galego as forzas galeguistas tiveron que forzar á prensa a que baixara os niveles de novas dadas en galego, para que non se dubidara de que a manifestación tiña un sentido e así seguir exercendo presión a favor do galego. Ise día, debido ós efetos anteditos, puiden constatar que a porcentaxe de galego no diario de maior tirada autonómica baixou ata un 1,25% do espazo. O que hai que facer para disimular!. Por certo, que ise esforzo de disimulo chega ata hoxe: vale con mirar o lugar onde está publicado iste artigo e comparar galego e castelán para ver oque as forzas galeguistan teñen que facer para cubrir o seu imperialismo.
    En internet, a supremacía do galego é inenarrable. Vése por exemplo, na Wikipedia, donde mesmo sen impulso público, as forzas imperialistas galegas lograron ter na actualidade, cun traballo do que dou fe, un total de case 53 000 artigos, por só 532 000 na edición castelá, abondo máis completos. É evidente que, tanto en Galicia como fóra dela, úsase máis a versión galega desta 'enciclopedia universal' que a versión española. E, no conxunto de páxinas accesibles por internet, as porcentaxes dispáranse moito máis.
    Tamén é certo, como se di no artigo, que o ensino está tomado polo galego. Só hai que irse á Coruña e comprobar que tamén alí, lugar de vivenda da oitava parte da poboación galega, despois de deixar de chamarse 'La Coruña', os textos e a fala castelá están ausentes das aulas. E mesmo se pode comprobar que xa non é tan difícil atopar libros de texto en galego para calquera materia e nivel como antes.
    Tamén na xudicatura o castelán está a piques de ser desterrado. Véxase se non a cantidade de casos que se seguen en galego. Unha vez máis, a punto de triunfar. Que o Tribunal Supremo (non o TSXG) teña que avalar que os nenos en Galicia non podan escolarizarse exclusivamente en castelán non deixa de ser unha manobra de distracción para esconder que a escolarización é completamente en galego. E que un xuíz aló por Madrid lle quite a tutela a unha nai galega en razón de que a vástago sería escolarizada en galego, unha lingua coa que non se vai a ningunha parte, é unha intoxicación mediática que serve para enfervorizar as masas de apoio, o lobby galegofalante en Madrid.
    Aínda máis, mesmo o autor do artigo citado foi ganado no seu momento polo imperialismo galego para ser galegofalante, aínda que non totalmente: na escrita, segue a ser castelánescribinte. Mesmo a min, de pequeno, obrigáronme a falar o galego nas clases, denigrando o castelán e presentándome tódolos libros na nosa lingua imperial, o mesmo que ós meus compañeiros de promoción.
    Pide que Feijoo bote fora o decreto do galego da época Fraga. Non, que non o bote, que ameazaría a supremacía lingüistica, cultural, mediática, económica, galega e galeguista e o progreso porcentual en todos os campos nestes anos de vixencia da lexislación.
    Por certo, a min non me fai falta ser galeguista nin pedir a independencia; recollendo as verbas de Rosa Díez a pasada semana, e aplicándoas, eu xa son galego. E, visto a cantidade de procesos por corrupción aquí e no resto de España, non vexo grandes ventaxas práticas de pedir a independencia dun lugar cun PIB, renta per cápita, etc, abondo por baixo da media nacional, aínda que iso non quere dicir, por exemplo, que apoie que as finanzas galegas teñan os centros de decisión fóra da comunidade, o mesmo que pasou co sector leiteiro...
    Despois de ver nunha nova (en castelán, por certo) unha bandeira no 20-N coa lenda 'vencimos e venceremos', coido que debo axustar algunha nota:
    Nota 1. A típica nota de 'calquera parecido coa realidade é casualidade', pero os datos están aí para ser comprobados.
   Nota 2. Como non pretendo vencer senón só informar, tampouco pretendo iniciar unha guerra de contestacións. Por min, isto queda aquí.
    Nota 3. Naturalmente, non tratei todos os puntos do artigo citado. Iso pode dar lugar a charlas, que con José Luis danse preferentemente en galego.

Ningún comentario: