20091106

Novas dende a Escola de música

Vexo no blog da escola de música e da banda unha nota de afirmación da súa labor. Coido que despois da confirmación de dimisión do Presidente de Amadores que deixei o outro día debía poñer tanto a ligazón como unha aclaración: Amadores non é a escola, e a escola non é a banda. A banda depende de Amadores, pero por convenio o seu diretor éo asemade da Escola, e por iso a marcha das dúas entidades non é completamente independente, aínda que en principio non teñan máis relación que compartir o diretor. O certo é que na práctica a cousa complícase máis: o local de ensaio é o patio da escola, os músicos son alumnos da escola, os isntrumentos, atriles, etc, quedan alí en moitas circunstancias, e mesmo o local de Amadores está adxunto ós locais da escola.
Pode que a min non me chegaran os rumores dos que fala o artigo do seu blog porque a miña posición respecto a escola e banda é clara: apoio con crítica construtiva. E tamén teño claro que dende hai algúns meses, o feito de ter aberto un expediente ó diretor pasado (en principio o actual entendo que está en funcións) e de alongar a súa tramitación está levando a que haxa xente que queira aproveitar ó estilo de 'a río revolto, ganancia de pescadores', pero non vexo as críticas por isa beira cun mínimo de base. Asemade, cuestións de contratación poden contribuír moito ás críticas. Pero que se queira falar dun expediente e dar voltas sobre o mesmo non ten que ver coa escola, o mesmo que o tratar dunha contratación: isas cousas, ó concello. E en canto ó funcionamento da mesma, por suposto que non é perfecto, que lle queda moito por tirar para arriba se por exemplo o comparamos cun dos típicos e burocráticos 'plans de calidade' coas súas normas. Pero tamén é certo que no día a día ten mellorado e ségueo a facer, e que polo tanto, se ben se poden facer críticas, no contexto actual non as comprendo moi ben.
Se se trata de criticar a xestión política ducha crise que se relaciona coa escola, que se faga, pero separando as cousas, segundo aquelo de 'ó César o que é do César, e a Deus o que é de Deus'.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Totalmente de acordo contigo.