20091019

Cánto levan escoitado estas pedras de Santiago

Tomo prestada a expresión do título para comezar este artigo sobre unha manifestación en prol da potenciación do galego.
Onte en Santiago houbo una manifestación abondo numerosa na que compartín lugar con outra xente coa quecompartía máis ou menos ideas ou coa que non compartía formas, por exemplo nas frases coreadas que, camiñando ó seu carón, me lembraron aquelo que se dicía hai tempo de 'compañeiros de viaxe'.

Entre 30 000 e 40 000 persoas (menos que a media, mesmo que calquera das estimacións 1-2-3-4 que levo visto, pero que calculei a ollo alí e logo constatei de xeito aproximado con medidas sobre o mapa e densidade estimada) é o número de persoas que calculo que acudiu á manifestación do domingo en Santiago organizada por Queremos Galego e secundada por todos os partidos políticos (excepto UPyD, PP e os extraparlamentares da ultradereita) e moitas organizacións de diverso tipo, a parte de particulares dende o PP, incluíndo a outros grupos dende a CNT (con bandeira) ós republicanos (asemade con bandeiras presentes) ou como testemuña dun grupo que non podía estar como conxunto (por exemplo, alguén coñecía á asociación 'couto mixto' de Bruxelas? - que por certo, tivo un pequeno acto onte alí, en Bruxelas, como apoio). Cabe dicir que tanto por cantidade de xente como por organización, as asociacións relacionadas co BNG tiñan un posto destacado, pero non único.
[Por certo, sobre cómputo de manifestacións, ver aquí, e ter en conta o que se di sobre o éxito das manifestacións a metade do artigo]
Algún cartel no camiño, como o que lembraba a postura do 'bilingüismo amable' defendida pola Voz, con menos do 5% de galego nas súas páxinas, lebraban algunhas das sinrazóns dunha polémica que non vai deixar de selo despois da manifestación. Carteis que contrastaban con algunhas situacións dentro da propia marcha, como a que xuntou no obxectivo o cartel de man reclamando dereitos co 'El País' en castelán como medio de información a falta de unha rede de medios en galego 'como Deus manda'.
E, no medio da foto, unha lembranza do futuro, o que se apuntaron numerosas familias levando ós pícaros e que me lembraron, non sei ben por que, unha manifestación mantida hai xa moitos anos en Ribadeo para a consecución do ambulatorio.
Por suposto, non faltaron símbolos de diferente tipo, dende as bandeiras cunha estrela ata as bandeiras co escudo como símbolo de Galicia enteira, as republicanas ou de outras simboloxías, dende o logo de 'queremos galego' ata carteis máis ou menos extremos ou conscientemente ferintes para os seus opoñentes.
A marcha comezou no parque para facer algún zig-zag antes de chegar á Quintana. Aínda así, cando estaban saíndo os últimos, os primeiros cha chegaran.
Non todo o mundo se deu chegado a escoitar a arenga final na praza, a pesares de que foi repetida.
Despois, na comida do grupo tiven máis sensación de agrupamento de ideas que na propia manifestación, aínda que me foi evidente en todo momento a diferencia de xeitos de defensa da lingua ou de promoción, que tamén na preeminencia dunha ou outra idea coido que había diferencias.
Nun momento dado, lembrei naqueles primeiros tempos nos que a televisión chegou á casa, á miña avoa preguntando estranada: e, por que non falan coma nós? Non era o caso onte en Compostela, onde todo o mundo tiña craro que hai xente que fala diferentes linguas, pero, coa Quintana Chea e xente esperando entrar, seguro que moitos dos presentes se preguntaban por que tiñamos que estar alí para seguir a considerar unha lingua como ata agora. Pode que non varíe gran cousa a consideración de futuros cambios lexislativos, normativos ou sinxelamente de aplicación legal, pero si que onte dilataronse algo os horizontes cos que percibimos o futuro da lingua galega.

Ningún comentario: