20090825

Arredor da suba de impostos en Ribadeo

A conta dunha nota de prensa da AVV Atalaia, onte fun preguntado polo que pensaba sobre a suba de impostos e taxas. Hoxe pode verse na voz o que deduxo o meu interlocutor do que dicía. Como outras veces, coido que debo aclarar algunhas das cousas que alí aparecen.
A primeira, que se me chaman á casa para preguntarme a miña opinión, é a miña opinión e non a de todo un colectivo a que dou. Coido que neste caso a opinión non difire grandemente da do resto da directiva de O Tesón, pero non deixa de ser a miña e a anterior afirmación aínda está por corroborar.
A suba de taxas significa a suba de compensación polos servizos prestados, mentras que a suba de impostos significa a suba de ingresos en base a parámetros diversos, pero separados do que é un servizo (un exemplo: a contaminación xera custes, pero non é un servizo). Por outra banda, os ingresos do concello exercidos de xeito direto (é dicir, sen que lle veñan do estado ou doutras institucións) tamén abranguen as multas e semellantes, que terían unha orixe punitiva. A grandes rasgos, e sen ser especialista, coido que serían as tres compoñentes (sobre todo as dúas primeiras) de ingresos direitos do concello.
Dito o anterior, cabe remarcar que periódicamente hai rifirafes pola suba de taxas e impostos, con diferentes opinións encontradas, mentras o tema das multas, pola súa natureza punitiva, aínda que poda xerar algún enfrontamento, é doutro tipo e en calquera caso remata máis rápidamente na xustiza. Por iso non convén misturar o tema de cobro e aumentos dos tres apartados. No de multas, a súa limitación ven dada non só pola eficiencia de xestión, senón, en particular en casos de multas substanciosas como as impostas a construtores, polas decisións xudiciais. E a súa imposición e aumento ven limitada/perfilada pola correspondente lexislación.
En canto a impostos e taxas, pola súa diferente natureza, os impostos teñen máis relación con leis de rango supramunicipal, mentras que as taxas son máis libres. Ademáis, unha variación de impostos en relación a concellos viciños implicaría unha discriminación en temas xerais que leva o estado, mentras que unha variación de taxas por servizos pode implicar só unha diferente xestión xeral de ditos servizos. Explícome: o concello de Trabada non cobra taxas pola escola de música: non a ten. O concello da Veiga non fai descontos por pertenza á banda de música na matrícula da escola: non ten banda. Ou ben, no cobro da auga, un concello pode ter diferente umbral de consumo mínimo que outro, e logo diferente incremento por cada m3 extra.
Así, respecto ás taxas por servizos públicos, entendo que deben ser consideradas como tales, é dicir, servizos prestados á comunidade, non en réxime de concorrenza competitiva respecto a prezos. Isto non implica que non haxa compensación, senón que a compensación non ten por que cubrir exactamente o servizo prestado, pois deben entrar en consideración outras cuestións. Por exemplo, non se trata de subvencionar o consumo de auga para malgastala, pero tampouco de que o cobrado se axuste exactamente ó custe, aínda que a) sexa a tendencia observada segundo as actuais ideas de política económica e b) quen preste de xeito direito ise servizo sexa unha empresa privada consesionaria do concello, e polo tanto empresa procurando o seu propio lucro. Coido que non se debe confundir xestión con lucro, cousa á que se tende cando os servizos están xestionados por terceiros, e que relacionaría os apartados a) e b) anteriores. O anterior non presupón, por exemplo, que tódolos servizos ofertados nun determinado momento sexan o resultado dunha necesidade comunitaria. Nin tampouco que non podan entrar en competencia con servizos ofertados de xeito privado (sobre isto poderíase dicir moito...)
No balance de calquera entidade, e o concello non deixa de ser unha entidade máis, á beira dos ingresos hai que considerar os gastos. O seu monto total e a súa eficiencia. É evidente que ambas cousas, monto e eficiencia no gasto, están relacionadas, pero non son nin significan o mesmo. O concello de Ribadeo está endebedado. Moito. E necesita apretarse o cinturón, algo que xa está comezando a facer. Nese sentido, o 'cinturón' pode e debe apretarse máis por uns sitios que por outros, pero a dificultade estará en poñerse de acordo sobre en que sitios se debe apretar máis. E por aí, aínda que é necesario, é difícil avanzar porque implica opcións concretas. E por iso é necesario.
Outra cousa é a eficiencia e eficacia da xestión, e polo tanto, o poder facer máis con menos. Aínda que poucas veces se di explícitamente, de xeito implícito enténdese que nese sentido Ribadeo e en xeral os concellos teñen moito moito traballo por diante. Percébese que o rendemento, organización e estrutura de persoal, espazos e maquinaria deixa moito que desexar; as administracións, polo seu sistema exclusivo sen competencia, son reacias en xeral a mirarse para apreciar defectos no seu funcionamento, algo básico para a súa corrección e polo tanto aumento da eficicacia. E percébese que, se se está a facer algún progreso, é relativamente pequeno fronte á tarefa a afrontar.
Si, pero as taxas tentan cubrir o custo dos servizos, e se a xestión distes non é eficente, entón están tentando cubrir un sobrecuste. Principalmente a iso me refería eu cando dicía que antes de considerar un aumento de taxas hai moito camiño que recorrer.
Polo contrario, non creo que haxa que facer fincapé en que esteñamos en momento de crise. Alomenos, non de xeito direito, como parece ser fan algúns políticos entrevistados. Explícome: se algún na casa ten unha crise económica, e non pode actuar sobre os ingresos para ganar máis, o lóxico é que recorte gastos, mesmo privándose de cousas e actividades, o que sería o equivalente ós servizos. Se a xestión previa está ben feita, a reducción de gasto dentro do posible non virá tanto de recorte do gasto en alimentación, senón en restaurantes. É dicir, non virá tanto de aforro en servizos ben xestionados como do aforro en servizos extra. E o normal sería (... pode que non suceda así ...) que a xestión estivera ben feita xa en tempos de bonanza económica, sen despilfarrar, co que ise camiño estaría cortado. Referirse á crise explícitamente como motivo de non aumento implica ter a idea de que cando non hai crise pode gastarse / dilapidarse e non pasa nada. Pero si pasa. De feito, os problemas financieiros que está a ter o concello proveñen de aí, de que en momentos sen crise económica dilapidouse un potencial de cartos que podía terse aforrado ou empregado de xeito máis eficaz. Ademáis, se se nos di que nos momentos de non crise non pasa nada por gastar de máis, quen vai crer que nos momentos de crise se axustan os gastos cando se está xogando cos cartos de todos e non so cos da xente que o está a dicir? O anterior, sen contar que como administración pública, nos momentos de recesión a teoría de manual (Keynes e cia) implica facer unha programación contracíclica...

Ningún comentario: