20090716

Albiscando Ribadeo ...



Como por un furado na parede, enfocando só unha cousa cada vez, inconexa coa outra que, non obstante, está xusto á beira. Ás veces, iso é o que parece o ler a prensa. Ou mesmo iste blog. Aínda que tente de presentar unha perspectiva global, ou mellor, de dispor as cousas para que cada quen se faga isa perspectiva.
Hoxe por exemplo. Vexo os titulares de hoxe e algún de onte, e mesmo algunha nota que non vexo na prensa...
J.C. Andina xa é Xefe Territorial de Cultura. Pero non deixa de ser portavoz do PP en Ribadeo. Si deixa de ser profesor. Mentras, aclara de novo que non se presentará ás eleccións. No PP de Ribadeo séguese sen sucesor. Acaparación de postos por ansia de poder? Se é certo que non se presenta ás leccións próximas, non o parece...
'Ramón Villares pon a Ibáñez como modelo frente á crise', di o titula de La Voz. Lendo o artigo (ou asistindo ás xornadas sobre o Marqués), máis ben o que sucede é que Ibáñez tiña valores, un rango de valores que agora 'non están de moda' e cuxa ausencia contribuiu a precipitar a crise. Pero... chorar por valores non é practicalos, nin dar exemplo con eles. A exposición era explicativa, non práctica...
Saíron á prensa preguntas do apartado de rogos e preguntas do pleno. Entre elas, unha sobre as ras que apareceron no estanque (que non fonte aínda) do chamado Parque de Indianos. Parece que molestan. Non sei se lles aplicaron o sonómetro e fixeron a correspondente denuncia, pero dado que o alcalde tomou nota e dixo que ía poñerse á tarefa, ó mellor é cousa de que fale tamén eu con Duarte para ver se o alcalde di o mesmo cos ruídos da zona onde vivo. O que se perde un por non estar todo o pleno!
Váise sancionar con 2 000€ ós propietarios da Aduana Vella, a que se alza sobre Porcillán, e dunha casa na praza de Abaixo. Di o alcalde que podía poñer ata 6 000€, pero prefiriu poñer multas máis baixas. En calquera caso, coido que non teñen a mesma importancia as obras nun caso e noutro, e a contía é igual. Cobraránse as multas? Esperemos que si. E sobre todo, que sirvan para os efectos correspondentes, sen ter que aplicalas mes a mes, con máis difícil cobro.
O alcalde di que se está a avanzar moito na recuperación do casco vello. E é certo. Como tamén, que queda moito por facer, e que non todo o que se está a facer é de recibo. Dous casos ben distintos: a beira da Capela do Carme na Atalaia ou o ascensor (casos que xa saíron no blog e seguirán a saír), e a renovación da r/ Calvo Sotelo, sen entregar, pero usada. Con sinal de dirección prohibida, pero con aparcamentos accesibles a traverso desa sinal, con valla á entrada pero valla tamén separada do seu sitio boa parte do tempo, ...
E ista tarde, proliferación de actos a elixir. 1.Pregón das festas do Carme (ver). 2.Ás 18, na Casa do Mar, charla para a constitución dun grupo de vixiancia de medusas. 3.Paseo - denuncia para a recuperación do patrimonio ribadense.
As fotos, encuadres do estado actual das Grobas, onde non foi enterrado o xa feito, senón valado, onde non foi retirada a terra e pedras sacadas, senón estradas, e onde a vexetación medra a un ritmo importante e tenta ameazar o xa feito, mentras se espera un inform edefinitivo.
E... felicidades ás Carmes!

Ningún comentario: