20090429

Invasión Calvo Sotelo

A moitos pareceralles unha herexía, pero coido que algo de invasión si que ten. A homenaxe a Calvo Sotelo está a tentar monopolizar a vida ribadense ata despois de celebrado. Chegáronme novas (que naturalmente non poderei confirmar ata a fin de semana) de que mesmo A Comarca vai ser un monográfico adicado ó persoeiro. Os diversos apartados da celebración da fin de semana saltan por riba do un de maio, a pesares da situación económica, e xa son nova os cargos políticos que asistirán, en consoancia cos folletíns políticos que se están a voltar cada vez máis frecuentes. A prensa segue a falar do altorelevo en Porcillán, pero ó tempo vin só unha vez plasmado en papel o importe que coido será maioritario (non sei canto vai valer en total), o institucional, en concreto o da Deputación, 15 000€. E descubro que haberá asemade un libro de homenaxe. Así, con estas verbas, súmome eu tamén ó case monopolio que cito...

... deixando un lugar para a iniciativa do CCA de adicarlle os carteis promocionais do día da nai a ilustres mulleres ribadenses, aínda que non lle teña sacada a foto ó cartel que xa está exposto dende comezos de semana.
Mirando un pouco máis aló de Ribadeo, os promotores inmobiliarios parece que teñen a idea de que as leis están basadas na economía, e 'Consideran que se lexislou pensando "só" en tempos de bonanza económica'. Coido que é un dos temas nos que o novo goberno dixo menos polo momento, como se estiveran esperando, a velas vir, sen unha idea clara. Como se a estrutura das cidades e vilas debera de cambiar, ou a natureza amoldarse en función dunha maior construcción aínda que non contemple as necesidades de vivenda. Parece que a conclusión é que cartos hai, pero ideas para gastalos, non, e que a concentración de cartos fai inviable outras saídas máis repartidoras ou democráticas.

Deixo dúas imaxes, ría enrexada e ponte resaltada, produto da visita do outro día a Mariñarte. Por certo, ampliables; algo que cito debido a que últimamente estou a rebaixar tamaños e calidades para non encher antes de tempo o repositorio de fotos do blog.

Ningún comentario: