20090425

Crónica de Atacama


Onte saín cansado físicamente dunha charla, a que Julio Antolín Rey deu sobre a súa participación en Atacama Crossing, unha das carreiras extremas do circuito mundial. As explicacións de Julio máis o vídeo da carreira presentaron a competición nos seus extremos, por moito que tanto un como o outro falaran e presentaran imaxes dun xeito pausado, natural.
O atleta nado en Villanueva de las Manzanas, a menos de 15km ó leste de León, e residente dende hai moito tempo en Ribadeo, explicou por partes diversas cousas sobre esta carreira en particular e sobre as carreiras extremas en xeral, sen meterse en reglas e demáis cuestións organizativas.
Atacama Crossing está plantexada sobre 250km nunha meseta deśertica que anda por alturas de 3200-3800 m. Atravesa un deserto de sal, un salar, aínda que nalgunhas das fotos se poda ver como hai que atravesar un pequeno rio, pero é que 7 días de carreira dan para moito.
Fixo que se me escaparon moitas das cousas que comentou, pero tentarei facer un pequeno resumo, procurando non meter erros.
Comezou por detallar o equipamento obrigatorio especificado pola organización, algo que ten que levar todo o mundo que participa. Entre outras cousas, alí estaban incluídas dende unha manta térmica (as temperaturas a isa altura nun deserto como o de Atacama oscilan entre os máis de corenta graos e por baixo dos cero graos na noite, con 9-10ºC ó solpor), pero máis que para a noite, para protexerse en caso de ter que esperar socorro no medio dunha etapa, unha válvula aspira venenos para prever picaduras e mordeduras de bechos diversos, un repelente de insectos (dos voadores tamén, pero tendo en conta que as llamas e guanacos, que algún había naquelas terras, non están exentos de garrapatas), e por suposto, a comida para todos os días. Coido que iso foi unha sorpresa que non esperaba ninguén que non tivera noticia de primeira man de Julio. As bolsas de comida liofilizada estaban pois á orde do día, uns 80g para a primeira comida do día e uns 140-150 para a última. E a do medio? Non existe como tal. Os corredores mascan barriñas enerxéticas ou outras cousas para ir mantendo as forzas durante o día. Julio apuntou que a súa técnica era mascar un pouco cada hora que pasara, e o seu descubrimento do xamón curado para esta carreira. Por suposto, a comida liofilizada non sabe como o prato dun gourmet, e menos se como pasa ás veces, non se pode tomar 'feita' con auga fervida.

Así pasou a detallar sobre a auga. Durante a carreira, nos postos de control, situados cada 8 ou 12 km, había auga para reencher as botellas dos participantes. Participantes que teñen que procurar rexer ben e calcular a cantidade de auga a levar entre un control e outro para evitar o peso de máis, que pode resultar moi molesto. Si, pero, e se te perdes e das unha volta de máis? Corres o perigo de deshidratación.
En canto a auga nos campamentos, soen ser 4L unha vez que chegas. Eses catro litros teñen que servir para a ducha, o baño, o lavado, a bebida, a preparación de comida, ... úsanse pastillas para quencela, pois en xeral o quencemento da auga corre a conta dos participantes, que ou ben teñen que procurarse combustible (algo difícil nun deserto) ou ben teñen que levalo en forma de pastillas, dunha duración duns dez minutos que escasamente dan para ferver auga para 'facer' a comida liofilizada (e iso contando que a auga ferve antes a máis altura). Non obstante, hai veces que a organización da auga fervida.
Outras cousas que amosou foron unha bolsa de froitos secos, unha para toda a semana, tendo en conta que a mochila debía levar non só comida, e que había que cargala dende o comezo. Especificou que o normal era levar a mochila traseira e unha bolsa máis pequena diante para levar as cousas máis necesarias para o día, e non ter que andar facendo e desfacendo a grande en plena etapa.
Pasou logo ás etapas, á 'vida diaria'. Unha etapa pode durar unhas sete horas, pero tamén abondo máis, segundo como resulte o día de cada un. Así, na segunda etapa, o grupo de cabeza perdeuse e fixo un extra de seis km ata decatarse, tendo que voltar despois atrás. O que supón iso é un desgaste físico suplementario, pero tamén un desgaste psicolóxico, tan importante ou máis que o físico, que, apuntou, fixo que os participantes afectados, a pesares de ir non seu momento en cabeza, xa non se recuperaran, e lles costara moito traballo (máis, nunha carreira extrema) o chegar ó final.
Ás sete, a xente xa está en fervenza no campamento. Unha hora típica de levantarse é as seis da mañá, e a partida, ás oito, significa que xa fixeches a primeira comida do día (o máis próximo á hora de saída para rexir ben as forzas), o coidado matutino (sempre hai feridas e demáis, os pés convén envolvelos nun esparadrapo especial, ...), levantaches as tenda, etc. A chegada, pola tarde, naturalmente é variable, dependendo de como lle fora a cada quen na etapa, pero tamén significa a preparación da cea, a cura, ... todo nun certo orde para aproveitar o tempo, pois séguese en carreira e hai que descansar e repoñerse. Así, especificou que o primeiro ó chegar era a inxestión dun sobre para repoñer sais e auga, para preparar o corpo para cear e descansar. Especificou que iso era antes de ducharse, co que significa unha ducha cando tes 4L de auga, para iso e moitas máis cousas. O lavado de roupa? Había xente que tiraba os calcetíns do día, pero iso implica levar a carga de tódolos calcetíns dende o comezo da carreira, polo que Julio optou pola 'lavadora' que significa o metelos nunha botella cun pouco de auga e axitalos un rato. A iso das 8-8:30 da tarde, todo o mundo na cama (no saco, na tenda) para descansar ó solpor. Antes, hai que aproveitar a luz do día para as curas, por exemplo. Botarse betadine nos pés pode ser unha operación delicada, que acompaña a outras como vendarse os dedos ou sacarse cunha xiringa o líquido das ampoulas formadas baixo as unllas.

Preguntou alguén: E non hai médicos para atendervos? Si, háinos. Pero o solicitar o seu concurso implica penalización para a carreira, e a xente deixa esa posibilidade para cando non queda máis remedio, a parte de que os médicos 'cortan polo sano' , e iso inclúe que unha ampoula pode ser tallada, e polo tanto máis dificultades e roces para o día seguinte. Costa pensar en que un tratamento dunha deshidratación implica unha penalización, pero hai que facelo se é grave (se non, trátase de pasar sen o concurso médico), aínda que hai cousas como as queimaduras na pel do lombo nas que non queda outro remedio, pois ó día seguinte hai que cargar todo o día coa mochila tamén ó lombo.
Unha curiosidade sobre o día a día. As noites implican descanso ... relativo, xa que o descender a temperatura tamén leva consigo que a xente comeza a moverse, a ter frío nas tendas, a mexar fóra delas (pero preto, que fai frío), ... co que as horas de descanso redúcense na prática ás primeiras, sendo as segundas dun relax tenso máis que de descanso propiamente dito.
O primeiro día psicolóxicamente pode ser o máis duro, pola aclimatación á carreira. Julio explicou que tivera esta vez un entrenamento en altura que lle facilituo a cousa. Recíbese un pequeno libriño onde se especifica as etapas e demáis, e como a organización ten como idioma o inglés, o libriño esta nesa lingua, co que quen non o controla ten que procurarse a vida para, por exemplo, prever as cantidades de auga necesarias en cada tramo.
Un comentario nesta parte: 'mudei de pel tres veces en sete días'.
En canto ás etapas, hai veces que se vai andando, como se podía ver nas diapositivas ou despois na película, pois o subir unha duna de area de 300m correndo nunha carreira de 250km non é algo factible. O mesmo pasa coas areas 'semimovedizas', por exemplo, aínda que nas zonas nas que se ve nas fotos o chan de sal manchada polo pó tamén se vía a xente correr. Con bastóns ou sen eles? había quen os levaba como axuda, había quen non: hai que ter en conta que cando non se usan, son un estorbo e unha carga.
E, se pasa algo entre os puntos de control? A evacuación debe facerse en xeral 'polos propios medios', e o acudir ós compañeiros para socorro, en situacións máis extremas, xa que eles tamén están a sufrir unha dura carreira, e ademáis, o ter que quedarse cabo doutro implica tempo perdido. Así, pode ocorrer, por exemplo, que se lle diga a un compañeiro que pasa que avise no seguinte control para que veña o médico... ten que chegar o compa e vir o médico, sen transporte rápido. Compréndese unha precuación como a manta térmica.
Nunha etapa, unha vez que chegan os primeiros, os tempos de diferencia comenzan a dilatarse, e poden chegar a moitas horas máis que aqueles. E, na etapa doble (o que significa unha etapa especial de máis de 70 km), as diferencias poden ser tales que cando chega un retrasado ó campamento, os demáis se levanten para arroupalo. Aínda que na doble, non todos chegan: no control intermedio, se se pasa con máis retraso do especificado, a organización obriga a quedarse a durmir.
Un día, unha etapa pode ser moi diferente, e o mesmo que noutros deportes se fala da 'páxara', neste, onde todos os días son extremos, háinos relativamente bós e moi malos, e non podes 'procurar un compañeiro de viaxe', porque non van coincidir os días bós de malos de ambos. Unha equivocación no camiño, ó estar tirada unha sinal, unha deshidratación, unha preparación mental que non contemplou un pequeno detalle, pode facer o desplome do corredor, aínda que especificou que este ano, cuns 100 correodres, a taxa de abandonos foi baixa, só dun 20%, ó haber unha especie de autoselección previa. 20%, a mesma proporción que a inicial de mulleres, que, especificou, non se diferenciaron grandemento no rendemento dos homes, chegando as primeiras con pouca diferencia á meta.
Non son probas competitivas, aclarou: lóitase contra un mesmo, contra o medio, máis que contra os demáis, o que permite un compañeirismo de supervivencia e é un motivo para correr neste tipo de probas. O último ten tanto valor como o primeiro, e non hai un premio diferenciado, e aínda que si hai unha clasificación, non está diferenciada por sexo ou idade. Todos teñen o mesmo premio por chegar.
O penúltimo día, ó chegar ó campamento, hai cea, cervexa, sábese que a última proba é a maís suave ...
Coido que hai que escoitar a Julio para facerse unha idea máis precisa do que supón unha carreira deste tipo. A charlaestivo acompañada por unha exposiciónde fotografías e unha presentación nas que se podía corroborar o que se escoitou, e que estaba adornada polo logotipo da carreira e o de -só- dous patrocinadores, a Deputación Provincial e Master Sánchez.

Ningún comentario: