20080424

Nota de prensa sobre as multas a constructores

Nota de prensa


O CONCELLO DE RIBADEO MULTA A CINO CONSTRUCTORES POR INFRACCIÓNS URBANÍSTICAS. A CONTÍA TOTAL DAS SANCIÓNS ACHÉGASE AO MILLÓN DE EUROS.


Ribadeo, 23 de abril de 2008. O Concello de Ribadeo ven de enviarlles a cinco constructores outras tantas propostas de resolución coas multas que lles impón por cometer diferentes infraccións urbanísticas. A contía total das sancións achégase ao millón de euros. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou esta situación na xunta de voceiros que se celebrou este mediodía na casa Consistorial “tras o escrito que firmaron os grupos da oposición demandando a conclusión dos expedientes administrativos abertos a eses inmobles e pedindo a convocatoria dun pleno extraordinario para darlles licencia de primeira ocupación ás partes deses edificios que cumpliran coa legalidade vixente”. Os voceiros acordaron que esa sesión plenaria se celebre inmediatamente despois de que se peche o expediente administrativo, algo que podería ocorrer amediados do mes de xuño” cando remate o prazo de pago voluntario destas sancións impostas por non adaptarse á licencia de obra concedida”, engade o alcalde.


Período de alegacións


Os instructores dos expedentes presentaron as propostas de resolución que están sendo trasladadas aos promotores que contarán cun prazo de dez días para presentar alegacións, segue a explicar Fernando Suárez “e a partires de aí analizaránse e coñeceremos a resolución definitiva coa que rematará esta vía administrativa”. O rexedor de Ribadeo manifesta que “Para dar unha idea do que significa entre os cinco constructores o monto total da sanción ronda o millón de euros, segundo os informes técnicos sobre aqueles excesos de volume que deron lugar a baixo cubertas con aproveitamentos vivideiros onde o metro cadrado se pondera con moito máis valor e outros aproveitamentos para rochos e trasteiros, e onde o beneficio obtido foi menor”. Fernando Suárez engade que “os expedentes son todos diferentes, e os constructores poderán alegar o que queiran sempre e cando se axuste á legalidade. Agardamos que este proceso sancionador remate canto antes. Se eles nono queren demorar demasiado xa saben o que teñen que facer, e así dentro de pouco tempo poderemos convocar ese pleno extraordinario”. O rexidor di que se trata “de situacións complexas, pero confiamos en que en breve podamos resolver se cadra parcialmente o que está ben feito e ao que estea mal seguiráselle aplicando a normativa vixente”.

Os inmobles afectados por estas sancións están ubicados na vía Transversal, na rúa Rosalía de castro, na zona da Lodeira e na rúa Picarolas. E o importe das sancións ascende por separado a 400.601 euros nun caso e a 387128 nas de maior cuantía,e a 87.360 uros, 53.000 e 37.440 euros respectivamente para as de menor importe.

Ningún comentario: