20070807

Comentarios nos xornais



"Aunque los discursos finales rebosaban optimismo y valoraciones positivas, ahora tienen que ser los ribadenses los que deben juzgar si ha merecido la pena el festival y la inversión que requirió. Dicen que rondó los 40.000 euros." O comentario é feito na Voz de hoxe sobre On&Off. Outros anos xa ten pasado de críticas fortes ante unha inversión dese montante. As inversións en cultura hai tempo que deixaron de ser económicamente rendibles en xeral, pero coido que non son eses os criterios a usar para a análise dunha inversión en cultura participativa. De calquera xeito, a canto saiu cada curta nova? Canta xente participou enredando nelas? canta como espectadora? que outras implicacións de dinamización tivo?
E, mentras a Ponte dos Santos xa ten enfaixada a terceira pilastra (a segunda xa está desenfaixada, algo do que me enterei esta vez polas diapositivas amosadas en On&off sábado), e as obras producen retencións como onte mesmo ocorreu, resulta de que nos enteramos de que foi a Cruz Roja del Eo a que atendeu en Santa Cruz o día da Xira. Si, a das Figueiras. E, ó tempo que damos as grazas, comezamos a pensar que algo falla cando aquí non se pode botar man dun servizo semellante. Un pouco máis aló, e atopamos que a mesma Xira tivo que ser organizada 'in extremis' polo concello (sei dalgún veciño que estaba a piques de afrontar unha comisión, pero ó final foi o concello)... podemos preguntarnos de xeito introspectivo que pasa coa participación cidadá en Ribadeo.
As fotos de hoxe, as dúas últimas que tomei da zona das Figueiras: unha, do mesmo pobo, dende a zona da Ponte, e outra da ensenada de Liñeira, dende o novo parque do mineral, ambas coa ría de Ribadeo en primeiro termo.

Ningún comentario: