20070726

Números (mar 112)

Números, un artigo que coido que non foi publicado, escrito no inverno do 1999.
Estamos flotando nun mar de números. É curioso: hai xente que os usa, xente que os manipula e tamén quen que se afoga neles. Non é de temer unha interpretación demasiado literal. Hai profesións, por non dicir toda a sociedade (tal como está estruturada hoxe) que dependen do seu uso.
Por outra parte, xente que se afoga neles tamén a coñecemos todos; pode que sexamos nós mesmos propensos a cair como vítimas e sentirnos impotentes ante a súa presencia, ben por abundancia deles ou pola magnitude que representan: os que teñamos que manexar para facer unha declaración da renda ou a cifra mareante do presuposto dos Estados Unidos, por poñer como exemplo dous temas económicos.
Tamén houbo sempre xente que os manipula, variándoos para os seus propios fins. O resultado de calquera eleción, no que tódolos partidos se proclamas victoriosos dalgún xeito é unha boa mostra. Aprovéitase a subida en escanos, a subida porcentual no conxunto de votantes, a pouca merma nuns momentos que se supoñían difíciles para o partido, ou... calquera asideiro que teña unha mínima base numérica é bó. Aínda asi, chama a atención a manipulación inconsciente que se fai deles ás veces, e que provoca un engano na xente que recibe esa información manipulada, que, como tal é tamén inconsciente. Uns cantos casos como mostra.
Fai poucos días, un xornal traía información referente á inflación. As cifras, Galicia, 0,2%; España, 0,1%. O comentário incluía que a subida de precios en Galicia é dobre que no conxunto do estado. Agora vexamos un contexto posible: o mes anterior (ó que se refería de xeito único dita estatística) a inflación de Galicia foi algo maior que a española, polo que as cifras, que ben puideran ser respectivamente 0,148 e 0,152, foron aproximadas a 0,1 e 0,2, seguindo as normas aceptadas de xeito común. Polo tanto, a pesar de ser semellantes, apartándose unha da outra en menos do 3%, aparecen como se estiveran na relación de dous a un. Ademais, serían aproximados ós mesmos números se, por contra, as cifras orixinais foran 0,056 e 0,24, co que a relación real entre as inflaccións sería de un factor superior a catro. Cal era a realidade? Da noticia non se infería máis: A relación entre as inflacións pode estar entre a similitude ou un factor próximo a cinco.
Por se o anterior fora pouco, aínda que saquemos os números mencionados dos citados contextos, ó ser estatísticas tomadas sobre unha parte da poboación, teñen un erro de realización (que non estaba indicado). Dito erro é maior se a poboación estatística é menor. O resultado: non sería extraño que na realidade dese mes a inflación en Galicia estivera por baixo da española en xeral, aínda sendo en principio a cifra obtida na enquisa para España (debido ó propio método de realización da recopilación de datos) bastante máis exacta que a referente a Galicia.
O caso anterior non é único; pode que tampouco dos máis representativos. Fai pouco, por televisión podía verse un anuncio no que se amosaba a dous amigos, sentados arredor dunha botella, e un explicaba ó outro que estaba medio chea, ou ben medio vacía ou aínda que ás veces medio chea e outras medio vacía. O resultado claro, a parte de chamar a atención sobre a botella, é que poden dicirse con igual verdade ambas cousas. A interpretación que se da do feito, en cambio, é diferente.
O caso das medias estatísticas ás veces clama ó ceo. Non é o primeiro gráfico no que se chama a atención de que temos unha renda por habitante do orde de 12000 euros. Se divido o que gano entre os membros da miña familia non me saen as contas. Nin a min nin a máis das tres cuartas partes da poboación. Motivo? Unha persoa que gana cen millóns de pesetas ó ano (que segundo parece as hai), vale estatísticamente para a renda como un total de 50 persoas sen un can, que sería por termo medio o número entre o que tocaría repartir eses cen millóns. Sáenche a ti as contas?

1 comentario:

Fer Trombón dixo...

os números son moi musicais, fixose moita música con numeros e estudiose moito a relacion entre numeros e música...
algo terán algo terán