20070531

Novas normais en Ribadeo

Seguimos en Ribadeo, despois do naufraxio e das eleccións, coa volta á normalidade. Seguen as análises, a última polo momento, un artigo de José Mª comentando o cambio político en Ribadeo. Ó mesmo tempo, Ribadeo ten algo de diferente: o mesmo día podemos ver unha foto do alcalde actual collendo un micro (coido que da Cope, xa non me lembro) cando lle tomaban a foto a alguén relacionado co naufraxio, e ó mesmo tempo enterarnos de que vai de viaxe (din que a Vietnam, pero supoño que será o de menos) mentras Fernando Suárez se reincorpora en Vegadeo ó seu traballo á espera de ver se o 16 definitivamente é alcalde (mentras, o concello polas mañás está 'desarbolado' de cargos electos), ou, sobre as eleccións, escoitar comentarios asemade na radio de que se está a ter contactos para un acordo alternativo que liberara a Fernando da alcaldía por mor de que ós empresarios da construcción temen o PXOM que poida saír (coido que debe ser un bulo, pero...).
E non é todo. Parece que xa está na rúa 'O bosque de Nadgor', a novela de Farruco Graña que se presentará oficialmente o 25 de xullo en Santiago e que xa se pode ollar na Casa das letras.
Esta é a normalidade de Ribadeo.

O mar en calma


O único resto visible no naufraxio é a estas alturas unha boia. A que se ve na imaxe, sinalando a posición do pecio que nun par de días foi destrozado polas embestidas das augas e borrado da superficie.

20070530

Pequenas cousas


Vai pasando o eco electoral, aínda que non de todo. Por eso a vida vai deixando resquicios por onde se colan outras pequenas cousas. Curiosidades, ás veces, como a pregunta de por que no mapa do concello que hai preto de turismo se lle quitou un trozo ó concello e non se lle devolveu ata o momento, o de porto (pegando coa Veiga e no mapa, como parte dela). Ou mesmo de resoancia das eleccións e os seus resultados, como a derrota sen paliativos do PSOE en Rinlo, tras o apoio da asociación de veciños á piscifactoría de man do alcalde, ou ver que o pretendido mantemento do PSOE no concello só é relativo, pois o BNG tamén subiu, e porcentualmente case tanto como nas parroquias, ou aínda do que se comenta no pobo sobre pequenos aspectos secundarios de que vai pasar agora, se cobrará menos o alcalde que o tenente de alcalde, por pór por caso.
Pequenas cousas das que a maioría seguen a ter referencia coas eleccións, pero xa esmigalladas e misturadas con outras referencias máis do día a día, de lembranzas e futuro máis que de actualidade, máis de normalidade e menos de excepcionalidade, e que pouco a pouco rematarán de difuminarse entre os coletazos que suporá, por exemplo, o artellamento do pacto de goberno, algo que a bo seguro traerá á mente situacións xa pasadas.

20070529

Máis sobre eleccións municipais en Ribadeo

Despois dos artigos sobre resultados (II) e (I), adxunto poño:
a) táboas con datos electorais (2007 e 2003) por mesas. Son datos non oficiais (pode que teñan algunha pequena variación)
b) gráfica datos electorais 2007, con datos das táboas e mesmo orde de mesas
c) gráfica datos electorais 2003, con datos das táboas e mesmo orde de mesas
d) artigo ("Matemáticas electorais") facendo unha análise das eleccións 2003, aparecido na Comarca del Eo.
A lembrar que se se preme sobre as figuras, aparecen de xeito independente e poden aumentarse voltando a premer sobre elas.



Nuevo Amadorín

Hoxe as novas deixan de novo as eleccións cun baixo perfil. As fotos do pesqueiro entre a illa Pancha e Rocas Brancas sumen na tristura. Non importa que onte tamén se celebrara a romaría das cruces na Capela das Virtudes da Ponte, en Arante. Por desgraza, imos lembrando xa outro nome que engadir ó 'Siempre Casina', ata agora o último da lista.

Agora si, xornada de reflexión

Onte foi unha xornada truncada. Un accidente mortal para os tres triplantes dunha lancha de pesca burelesa á beira da illa Pancha determinou que os resultados electorais tiveran que esperar para ser comentados: primeiro, a vida; logo, o comentario sobre ela.
A victoria do BNG en Ribadeo contrasta co mantemento da porcentaxe pero con caída de votos a nivel Galicia, en donde foi o PSOE o que subiu tanto en porcentaxe como en votos e o PP quen baixou en ambos. É dicir, estase a fraguar un cambio de partido dominante despois de moitos anos de prevalecer o PP. Desta, perdeu a Deputación de Lugo (polos previsibles pactos BNG-PSOE) e a normalidade da existencia de tres partidos en igualdade de condicións vai calando ó longo de toda Galicia. A nivel estatal, empate técnico cun pouco de maís votos para un e de porcentaxe en alcaldías para o outro, a parte dos votos para partidos de carácter maís local e os de IU.
Voltando a Ribadeo, os ventos de cambio están claros ó ver que os votos PP+UPRi quedan máis de 700 por baixo dos do BNG+PSOE... pero hai que contar que nas pasadas municipais a relación era semellante. Seguiría a perder votos o PP se non chega a ser pola UPRi? Terían ido máis votos tano do PP como do PSOE para o BNG no caso de non existir a UPRi? O novo partido queda sen ver cumpridas as súas aspiracións de bisagra, co que ó tempo desencadea novas preguntas: a primeira é se poderá aguantar ben para proseguir a andaina máis aló das próximas municipais, pois os partidos locais teñen dificultades en abranguer longos períodos en activo, e o BNG acadou resultados históricos e o PP, tamén.
Dise que o BNG onde gañou foi no campo, e non na vila. Eso din os números, pero, que representa? atreveríame con varias hipóteses, pero ningunha que poida confirmar direitamente. O que si se pode confirmar é o xa dito de que o movemento do BNG en Ribadeo foi contra corrente nestas municipais. E que hai ánimo de cambio, tanto pola existencia dun novo partido no consistorio como polo recoñecemento de que teñen que cambiar na xente do PP ou pola ilusión que se respira na xente do BNG. Non ocorre o mesmo no PSOE, onde parece que non se explican moi ben a perda e a achacan a erros de comunicación, e onde o segundo das pasadas eleccións quedou sen praza nestas despois de ser retirado ó cuarto posto. Por eso, as cousas que indican cambio quedan en suspenso pois está claro que o BNG terá que pactar para poder ter a alcaldía sen estar exposto de xeito contínuo, e o seu socio natural éo PSOE, como xa dixen onte.

20070528

Resultados eleccións municipais 2007 en Ribadeo (II)

Como complemento á entrada anterior,


A orde de consecución de concelleiros foi:
1BNG
2PP
3PSOE
4BNG
5PP
6UPRi
7PSOE
8BNG
9PP
10PSOE
11BNG
12PP
13UPRi

Resultados eleccións municipais 2007 en Ribadeo

Son provisionais, pero...

votos obtidos
%sobre censo %sobre votos %sobre votos a partidos
1ºcon 2ºcon 3ºcon 4ºcon (5ºcon)
BNG 1927 21,22 30,53 31,23
1927 963,50 642,33 481,55 385,40
PP 1815 19,99 28,75 29,41
1815 907,50 605,00 453,75 363,00
PSOE 1530 16,85 24,24 24,79
1530 765,00 510,00 382,50
UPRi 899 9,90 14,24 14,57
899 449,50 299,67

Total partidos 6171 67,96 97,77 100,00





nulos 50 0,55 0,79






branco 91 1,00 1,44






total emitidos 6312 69,51 100,00






abst 30,49%








Total censo 9081









(as anteriores cifras son divisións para cálculo de números e ver cántos concellais ten cada un: váise dividindo por 1, por dous, tres, etc, e collendo no caso de Ribadeo os 13 números maiores).

é dicir, cada concellal costoulle 480 votos ó BNG, 453 ó PP, 510 ó PSOE e só 449 á UPRi.
De ter un concellal máis, tería ido a parar ó BNG, e de ter un menos, teríao perdido a UPRi.
A abstención foi do 30,49%, maior que das pasada municipais.
Previsiblemente, será alcalde Fernando Suárez, da lista máis votada, aínda que terá que selo cos votos de outro partido. Matemáticamente, a maioría podería acadarse con BNG-PP, BNG-PSOE, ou PP-PSOE, pero por cuestión de apctos a outros niveis e demáis, o lóxico é BNG-PSOE, invertindo o que pasaba no mandato anterior.
Chama a atención que os que optaron polo voto en branco sobresaen netamente sobre os votos nulos, indicando que xa se comeza a saber o significado dos votos en branco, como rexeitamento ás opcións que se presentan. Se ben polo momento a porcentaxe é pequena, non é descartable que aumente substancialmente no futuro.
De igual xeito a chama que o partido máis votado, sobre o total de votos posibles, acade pouco máis do 21%
Seguiremos a falar noutro momento.

20070527

Segunda de hoxe no blog de Ribadeo

... nun domingo no que as novas produciránse a partir das 8 da noite, vexo que aínda que non houbera máis visitas, xa habería unha nova marca de visitas no blog este mes.

Patiño feo ou cisne branco?



Hai veces que a historia recolle casos de patos feos, que non ían coas circunstancias, para descobrir que noutras circunstancias, tiñan moita máis valía. As eleccións están correndo, e pode pasar 'case' de todo.
De calquera xeito, non está de máis lembrar que non se poden facer abstraccións e vivir deso. A máis dun ano de 'Ribadeo falls', séguense a ver en Ribadeo, mesmo en sitios céntricos, como este espectáculo no bar 'Cubano', en plena praza de España, á beira dunhas obras que merecían abonda menos présa.
Unha visita polos blog renovados os últimos días dános posibilidades para afondar no anterior, en relativa abundancia. E tamén novas lembranzas de Hernán Naval, por exemplo, mentras a 'casa das letras' segue coa recensión de libros, ... e supoño que a xente segue a votar. Voltaremos sobre o tema das votacións en menos de 24 horas.

20070526

Encontro 1+1 'versus' 1+1 en Ribadeo: reflexión para un día antes das eleccións.


Adiantei un resume sobre o debate de anoite a catro bandas entre os candidatos á alcaldía. Na realidade, de ben disposto que estaba para evitar enfrontamentos (que coido que se evitaron por pouco noutro sitio anterior na Mariña), o reparto de tempos fixo que houbera moita exposición e non tanto debate, co que os ánimos non se chegaron a alporizar e foi moi calmado, como previra con anterioridade. Varios turnos de 4 ou 3 minutos, ben contados pola moderadora, comezando polo urbanismo e con turnos de réplica no medio. A Policía Local estaba fóra preparda, por se acaso.
Algo máis de 400 persoas no 'punto álxido' poideron escoitar ó principio algún escarceo de loita que quedou despois en nada. Díxose alguna cousa que coido é mentira, ou se non, que a lembra moito. Falouse por exemplo da participación nos plenos dos veciños como un logro do alcalde, e claro, como os vecios non poidemos preguntar e/ou responder, non poidemos aclarar que o mesmo pasaba nos plenos, e que por certo, as respostas a que nos deron lugar son fóra dos plenos, e que a consecuencia deso, as preguntas quedan sen contestar a base de cortinas de fume, dicir que non se entenden ou sinxelamente, non responder. Lembro que entre todas as preguntas que fixo O Tesón (e fixo desde que puido 2 por pleno ordinario con só dúas excepcións, unha delas o último pleno como protesta polo tratamento ó longo do mandato), contestouse de xeito completo e satisfactorio a 1.
Ben, un Rivas algo descentrado nos temas e co programa de promesas por estandarte foi o claro perdedor, a pesares dalgunha intervención que chamou a aatención. Entre os outros tres, eu diría que o primeiro posto levouno Fenando Suárez, seguido de cerca por Andina e por Balbino, pero alomenos un grupo de xente nova viu as cousas doutro xeito, encabezando Andina seguido de Fernando (en xeral, coido que non eran votantes de Andina). De novo para eles Paco Rivas foi o claro perdedor da noite.
Fernando dixo nalgún momento que aspiraba a liderar o pŕoximo goberno municipal, en solitario, a ser posible, o que deu pé a unha reacción de Andina: E os demais, claro...
Os aplausos ían en particular para o PP, que pode que fóra quen tiña máis xente na sala ,pero cunha curiosidade: a xente que aplaudia a Rivas tamén o facía con Andina (co que habería que dividir).
Rivas sacou contas e achacou a Balbino que cada euro invertido nel (enténdese de soldo), Balbino conseguira 75, mentras que no mandato anterior, cada euro invertido no mesmo Rivas resultara en 178€. O certo é que non entendín moi ben o tema, pois Rivas non tiña soldo que eu lembre.
Pode que fora Fernando o único que non manexou cifras ó seu antollo. Rivas de novo achacou un cumprimento do programa do PSOE e do BNG o 10%, algo parello a Andina, quen non sacou tanta conta no tema.
Foi curioso non só o tema de agrupamento de aplausos, senón os comentarios por exemplo entre Balbino e Andina cando non estaban falando, o tipo de vestimenta de cada quen, a lingua na que falaban ... a disposición estaba fixada, tanto en orde de actuación como en orde de sentada polos votos: JC Andina, Balbino, Fernando e o novo, P.Rivas.
Como promesa nova, a de Fernando Sárez: rendemento anual de contas. Como dato para o final, Balbino desprezou agotar o tempo de 'resume' que foi a intervención final, despois de dicir que vía a Ribadeo como vila de servizos... e antes, como vila industrial. O que me lembra que Andina non dixo nin o programa ('levamos o mesmo porque o goberno non fixo nada') en contraste dos 101 puntos de Rivas, machacados en forma de debate.
Facendo un novo resume neste día de novo chuvioso a cántaros, o máis 'prometedor' (o que fixo máis promesas), Rivas. Os máis 'numerarios' (aportando cifras ó seu favor do feito por eles ou prometido para o mandato seguinte), Andina e Balbino. E o máis equilibrado e calmado, con palabras creíbles e pés na terra, para min como dixen ó comezo, foi Fernando, a quen Andina lle achacou o ter moito 'modelo' pero non aportar cousas concretas.
En fin, non chove a gusto para todos.

20070525

Un adianto sobre o debate mantido en Ribadeo


Nada novo, pero si algunha curiosidade: ese podería ser o resume do debate promovido pola Voz no auditorio Hernán Naval hoxe, coa vista posta no concello neste final de campaña.
Mañá, máis.

Aquí teneis a un amigo

Onte foi o mitin do PSOE, con ministra incluída. Aínda que quedaba xente nos bares, a xuntanza, con tanta atracción, estivo moi concorrida, e puido permitirse aínda o comezar con retraso.
Mentras que se espera o único (case) momento de competencia directa entre os candidatos, hoxe no auditorio Hernán Naval ás 20:30, para rematar a campaña, en Ribadeo espérase asemade un congreso de traumatólogos esta fin de semana, os veciños de Ove por medio da comunidade de montes 'A Capela' van a contribír a reparar o campanario da capela de Sta. Cruz e da igrexa parroquial, ... actos pequenos e dispares que van contribuíndo ó día a día co que se constrúe a historia de cada pobo. E Ribadeo non é unha excepción. Actos ós que se pode engadir algunha 'curiosidade' como os mítines, o contraste de pareceres preelectorais desta tarde ou que onte o PP repartira propaganda no mercado.
Volvendo ás eleccións: Como anécdota, onte, Javier Ribera en A Mariña de El Progreso, propoñía facer as campañas electorais no antroido...
E queda o título: máis ou menos, as palabras coas que o alcalde rematou o mítin das pasadas municipais. Non sei se neste repetiría o da amizade. Como unha pregunta relacionada coa biblia, 'De que lle serve ó home gañar o mundo se perde a súa alma?'

20070524

Unha nova do blog: 30 000 entradas

Nalgún momento, cara ó comezo desta semana, o blog acadou as 30 000 entradas. Grazas a todos.

Día gris



Mellor falar do tempo: día gris en Ribadeo o de onte, onde a néboa cortábase pola tarde ata parecer densa, o mesmo que sucede esta mañá...
Onte Cristina Almeida nun acto para mulleres, hoxe a Ministra de Educación nun mítin (non nos centros escolares), veñen apoiar a 'políticos locais'. Reflexiono por que veñen estes persoeiros, será que van a facer cousas polo goberno municipal? Coido que non, só veñen prestar a figura para que a xente acuda e poder dicir que apoia unha opción, aínda que non se coñeza moito de que vai o tema.
Arrecian os actos de promoción, sen 'inauguracións' oficiais pero con foto e demáis. Onte abriu o 'aparcamento de maiores', é dicir, o parque infantil saludable con máquinas para exercicios de maiores no aparcamento municipal. Non parece que sexa sitio oportuno, pero a idea non é mala, aínda que non tiñan por que esperar ó mércores antes das votacións para abrilo (que non 'inauguralo') coa prensa diante e a xente practicando aínda co cordón posto.
O Parque de Indianos no xardín de Sela comezará a ser hoxe seguramente, ó estilo da 'primeira pedra' da autovía hai anos, antes doutras eleccións: onte estaban arranxando as farolas para non ter ningún disgusto eléctrico no amaño, e as árbores xa estaban marcadas hai algún tempo para o seu desarraigo.
A rúa tras do cine teatro, comunicando Rosalía e Calvo Sotelo e probablemente con algo de ilegalidade polos altos do edificio e os baixos con garaxe, segundo foi denunciado aínda no último pleno, xa ten as vallas a medio quitar.
Onte estaban asfaltndo a rúa Deputación, é dicir, é posible que esta tarde ou venres haxa tamén un 'acto de presentación'.
Non parece pouco, pero estamos en vésperas electorais, calquera cousa é posible.
Mentres, se para airear nos imos lonxe, no Mediterráneo están xa recollendo medusas, que cada ano chegan antes e en máis cantidade ás praias por mor do cambio climático. Por certo, as medusas cómenlle osíxeno ós peixes e impiden que o mar produza...
Voltemos a algo diferente: convócase o segundo campamento musical, e á beira está o folleto de inscrición. Lembro: premendo sobre el co rato pode terse só e maior.

20070523

Quen promete máis? Promesa de zucre e lava máis branco.



Quen promete máis? En Ribadeo está difícil sabelo, pero coido que a UPRi, coas súas novas promesas diarias na prensa. Ó tempo, lémbrome do cartel de Castelao no que dous neniños se preguntan que comerá o Rei: a resposta, dubitativa, é que comerá zucre. O mesmo que nas promesas electorais, promesas de zucre, pensando que se pode alimentar un só de zucre.
Tamén hai anos, un anuncio de deterxente para lavadoras, Ariel, anunciaba claramente que lavaba máis branco. Pero hoxe non hai promesas dese estilo. Non sei se porque os fabricantes de deterxetens decatáronse que todos lavaban por igual e emporcaban a auga de uso no lavado por igual ou por sinxela prohibición da autoridade que regula os anuncios. O caso é que os partidos tampouco prometen esa brancura / transparencia na súa xestión que faría posible, coido, a máis dunha realidade democrática (e non dunha especi e de ficción), un aproveitamento dos recursos máis eficaz.
Collo unha cita dunha entrevista a un tal Pepe Rivas, impulsor da revista 'Ajoblanco': "As cousas non se fan pola necesidade da poboación e eso remata por rachar coas tradicións e a paisaxe, impóñente un modelo que é un parque temático xeralizado". Hai que poñer a frase no contexto de loita pola transparenia e colaboración máis que pola burocracia e dirección na que parece que actuou este home, e despois, aplicalo a no caso concreto. O caso pode ser Ribadeo. Ou non?
As fotos, un contraste con pouco metros de diferencia. Dous carteis (a 'sinaléctica' de novo cruño ribadense) un destrozado e outro non vandalizado. Unha diferencia da que tampouco oio falar nas eleccións: o vandalismo. Para facer compañía a outras como o ruído ou a racionalización do gasto.

20070522

A auga sen domar volve ó seu cauce




A noite de sábado a domingo houbo na zona de Remourelle arrastres de terras, na estrada reme Vilamar, desprendementos, na Ponte das Virtudes (As Cruces) inundacións, pero onte pola tarde xa todo ía cara ó seu rego. As fotos dan conta de cómo baixaba a esa hora o río Grande na Ponte das Virtudes, ou un desprendemento que estaba sendo amañado a esa hora. Deu que falar nos medios, pero coido que no pleno de onte non se debeu dicir nada do tema. A auga causou unha certa sorpresa (nos medios) polos estragos qeu produxo, pero do xeito que choveu non debera causala, e parece que os labregos non estaban tan sorprendidos.
En fin, a outra foto de Ribadeo é dun xardín colgante en Ribadeo. Está no Cantón, e é silvestre. Ó mellor queda protexido polos sucesivos amaños do edificio dos Moreno, que por certo, deste mandato tampouco foi que se amañara de xeito integral.
E, como estamos antes das eleccións, unha nota dos dous últimos artigos doutro blog, un deles cun título que da idea dunha certa semellanza de pensamento con, por exemplo, o post de onte 'Comeza a semana de reflexión'

20070521

Un cuarto de hora de pleno

Ese foi o tempo que puiden asistir. O final dun total de 3/4. Dous puntos: aprobación da acta e rogos e preguntas. Naturalmente, cheguei só ó final do segundo.
A entrada foi un pequeno choque: na parte de público non había ninguén. E, ademáis, faltaban JC Andina e Santiago (que chegaría pouco despois de min).
Os temas, entre M. Valin e Balbino, consistían en reiteración e aumento de preguntas que máis ou menos xa están na rúa e foron tratadas dalgún xeito en plenos anteriores, pero eso non lle restaba interese. E menos cando o alcalde non deu pé (é dicir, negouse a darlle a palabra, dicindo o mesmo Balbino 'non ten nada que dicir') a que contestara Fernando Suárez para opinar sobre as preguntas de Valín. O das alusións de semi insultos (calificación benévola nalgúns casos) non foi un agravante, pois é xa unha especie de tradición.
Valín dixo, sobre a ocupación da rúa entre Avda. de Asturias e o Xardín, en Rosalía de Castro, ou sobre o edificio da Lodeira que denunciou Cao, ou sobre o aumento de volume do edificio en construcción da Atalaia cousas polo estilo: 'dame a sensación de que ten algo que ocultar', 'non cadran as cifras de pago' (da ocupación de vía pública aínda hoxe vixente no xardín), 'hai un trato de favor cara á empresa', 'sabe si están a traballar na obra?', ...
Sendo as réplicas do alcalde do cariz de 'non está constatado' (por exemplo, en canto á continuación de traballos no edificio da Lodeira), 'nunca tiven trato de favor', ... o único, quedou en contestar o da lodeira no próximo pleno (Valín non se presenta ás eleccións, logo non estará)
Só houbo unha pregunta máis,por parte de Santiago Fdez.,sobre se había prazas de garaxe baixo a rúa que quedará peonil entre Calvo Sotelo e Rosalía de Castro, contestando o alcalde que non o sabe.
Para remate, todos ben avenidos: grazas do alcalde a todos os que colaboraron e sorte a todos os que se presentan as eleccións.
Notei que non dixo sorte a Ribadeo, pero xa metera a Ribadeo cando agradeceu a colaboración.
Coido que é patente por que O Tesón esta vez non presentou preguntas: hai moitas sen contestar.
Mañá é outro día.

Comeza a semana de reflexión

A menos dunha semana das eleccións, xa está a comezar a reflexión. Non é só o último día antes das votacións, senón que una volta expostos os programas, é hora de cavilar. Chama a atención que xunto cos programas se distribúa tamén o que se chama 'contraprograma', é dicir, a crítica dos demáis ou propia, tentando que a xente se lembre (só) de todo o bó que se cree que pasou no mandato e aínda de máis (caso de estar no poder) ou de todo o que non se fixo ou malo (estando na oposición). E é que a memoria é fráxil, e deseguida nos pode pasar como a Jorge Manrique nas rimas á morte do seu pai: 'calquera tempo pasado foi mellor' ou ó revés, pensar algo como nas sociedades desarrollistas: 'todo "progreso" é bó'.
Nembargantes, coido que o enfoque, alomenos en parte, debe ser outro: que fixen eu para que esto vaia mellor? É dicir, voto e esquézome ou sei que o poder é de cada cidadán e tento que quenes o administran teñan unha referencia do que queren os cidadáns, un apoio, unha colaboración, un xuízo día a día que non os deixe desvaídos na decisións nin tentados a facer o que lles saia dos collós?
Si, certo que é a hora de demostrar se se está ou non de acordo. Pero ó longo de catro anos malo será que non teña habido algo co que se esteña de acordo e bó, pero utópico, sería que non houbera nada no que estiveramos en desacordo. e vótase en conxunto...
A democracia, téñoo lembrado máis veces, non é boa por si soa; ó fin, dicía coido que Churchill (Winston, o inglés que combatiu a Hitler) que só é o menos malo dos sistemas. E eu aínda poñería eso en dúbida (hai posibilidades fóra dos 'sistemas', aínda que non se coñezan moi ben en xeral), tendo conta ademáis que non é un algo estable, senón que varía con novas leis e interpretacións día a día, e que como algo cambiante, se non se constrúe, destrúese. E coa especialización reinante e o poder do diñeiro, como deixemos que sexan os políticos os que a constrúan, teñamos claro todos que o que teremos non será democracia, senón outra cousa peor (só con pensar nas verbas de Churchill) por moito que leve o seu nome (e os nomes levan asociados significados que varían segundo a época, e os políticos son expertos en asociar significados ós nomes)
Comezou a xornada de reflexión en Ribadeo e en toda España. Unha máis neste mandato dos gobernos municipais. Non a única como hai quen quere que pensemos da xornada previa ás votacióóns para armar confusión mental e facer que as árbores non deixen ver o bosque, ó estilo do pensamento de Rudyard Kipling, que fixo a sabia reflexión de que se estamos nun bosque e nos esquecemos do que é, as árbores achegadas impedirán que teñamos unha visión do conxunto e polo tanto a comprensión e o xuízo necesarios para manexar a situación do que somos e de onde estamos: cidadáns na posición de exercer os nosos dereitos. Dereitos que, por outra parte, tanto costou adquirir a xente antes que nós.

20070520

dúas lembranzas de Hernán



Saen na Comarca de onte. Deberan ter saído o 17, pero xa se sabe, non hai edición máis que os sábados. Son os artigos 'Aprendendo a ensinar' de Fernando Rodríguez Raño e 'Bótote de menos hoxe... exactamente igual que onte', de Viki Rivas Fernández.
Lembro que premendo co rato sobre as imaxes poden verse a parte e maiores.

Chove, rosa de abril

Chove. Menos que onte, pero chove.
Procurei na rede a obra de Rosalía (nº 2 de Cantares Gallegos) que deu pé á 'Rosa de abril' de Andrés Gaos, que se tocou onte no concerto da banda de Ribadeo. Atopeina aquí, e aquí vai o texto concreto usado na cantiga, lido onte por Suso.
--
Nasin cand' as prantas nasen,
No mes das froles nasin,
Nunh' alborada mainíña,
Nunh' alborada d' abril.
Por eso me chaman Rosa
Mais á dó triste sorrir
Con espiñas para todos
Sin ningunha para tí.
Dés que te quixen, ingrato,
Tod' acabou para min,
Qu' eras tí para min todo
Miña groria e meu vivir.
De que pois te queixas, Mauro?
De que pois te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felis?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei que quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti,
O meu corason che mando
C' unha chave par' ó abrir,
Nin eu teño mais que darche,
Nin ti mais que me pedir.
--
Unha nota: ía publicar en youtube un pequeno (e de pouca definición) vídeo tomado onte, pero... aínda non pasaron 70 anos da morte de Gaos nin de Gregorio Baudot, polo tanto, as súas obras están protexidas por dereitos de autor, e ... non os teño adquiridos. Así, que, Baudot queda en todo caso ata o pŕoximo ano, e Gaos, abondo máis aló.
(Aproveito para lembrar que coa licenza creative commons que se amosa abaixo, este blog si pode usarse por exemplo para citas desde xa, dicindo de onde se sacaron os datos :-) )

20070519

Concerto triste



O ledo Ponteareas, antes do himno galego, non conseguiu animar un concerto dunha banda de poucos máis de 40 músicos escoitada por un máximo de pouco máis de 100 persoas. A música estivo ben, pero a resposta a un concerto clásico en Ribadeo, que non só celebra o día das letras, senón que é unha memoria do pasamento de Hernán Naval, coido que non.

Datos do blog de Ribadeo (3ª de hoxe)

Só un par de apuntes: o 14 chegaron novas marcas, 146 visitas de 95 visitantes (o número de visitantes antes non se podía saber, é unha novedade recente do contador). E a proxección de visitas do mes marca a sobrepasar de longo as 2500 visitas e algo menos de 2000 visitantes, xa veremos como segue a cousa.
Facendo outra comprobación, atópome que Ribadeando está entre os 10 primeiros en Google cando se procura a verba 'Ribadeo'. A ver se se mantén.
Por outra parte, sigo aumentando as ligazóns sobre Ribadeo no lateral, e é que a rede medra.

Programa electoral do PP. Eleccións Municipais 2007 Ribadeo

Xa está cargado o programa (por fin!). A ligazón á primeira parte é:Programa PP Ribadeo 2007

Debate á vista en Ribadeo


Día o de hoxe abondo diferente, con choiva...
Estánse a organizar algúns debates entre candidatos. Pois ben, a Voz de galicia pretende facer do de Ribadeo o debate final. Para min parece evidente de que é porque ten máis atractivo, como pon na noticia.
Supoño que o tal debate será comedido, pois a tal altura de campaña considérase que xa está todo o pastel dividido, pero...
Hoxe, actuación da banda, da Banda (Sinfónica) Municipal de Ribadeo. A que non houbo o 17. Susín envioume os datos correspondentes. Total, que podo dicir que ás 20:30, no auditorio Hernán Naval (chove, logo...).
A formación tocará por primeira volta Ammerland, obertura de Jacob de Hann, e Fantasía para saxo alto e banda, de Demmerssemen. Desta, a BMR estrutura a súa actuación en dúas partes, unha primeira de música sinfónica para banda ou ben arranxada para este tipo de formacións, e unha segunda adicada integramente á música composta en Galicia.
Na primeira parte do concerto incorpora as dúas pezas citadas, e recupera unha das obras que máis éxito colleitaron entre o público ribadense dende que a banda se puxo en marcha, unha selección dos mellores fragmentos do musical The Phantom of de Opera, de Andrew Lloyd Webber.
Na segunda parte, como xa vén sendo habitual, inclúe pezas compostas por autores galegos. É o caso dos dous pasodobres que abren e pechan esta segunda metade da actuación, Lugo-Ferrol, de Gregorio Baudot, e Ponteareas, de Reveriano Soutullo, respectivamente. E no medio volve ao repertorio da municipal ribadense unha das obras máis fermosas que se teñen composto no país (e escoitado de mans da banda ribadense), Rosa de Abril, de Andrés Gaos, baseada nun poema de Rosalía de Castro ao que lle vai poñer voz Suso López. A outra obra galega do repertorio é Negra Sombra do lucense Xoán Montes que xunto coa interpretación institucional do Hino Galego pechan o concerto.
En fin, pouco máis para este día de choiva. Bo, pouco é un dicir: a Xunta licita a 'mellora' do parque de Ribadeo. Que irán facer esta vez? Gastar 400000€. Reposición dos pavimentos en toda a área, instalación do novo mobiliario urbano, unha fonte, substitución e melloras das instalacións de servizos, rego automático no parque de San Francisco... Para críticas, outro día.

20070518

Hoxe tocou mitin da UPRi en Ribadeo



Comezou o mitin da UPRi ás 21:30, tarde, pode que porque non estaba esperando a ningún xerifalte de partido e así contou que, por uha beira, podía ir máis xente, e por outra, terá cabida segura na prensa do domingo. Unha posta en escea sobria, como corresponde a un grupo pequeno, comezou coa actuación da nº4 expoñendo o programa, no seu caso, na área de educación, á que seguiron a nº3, o 2, e Paco Rivas, aproveitando ó comezo unha presentación de fondo.
Algo máis de 2/3 do auditorio, unhas 250 persoas, asistiron a un mitin comedido e achegado ó público por contra do que pasou nalgún outro que pretendeu máis baño de multitudes e que por eso quedou algo máis lonxano do mesmo público, aínda que algo menos académico.
As fotos, dous puntos de vista do acto.

Pero home, como pretende ter razón con só 800€ na súa conta corrente?

Era o 'chiste' de Forges en El País, p.16, do día 11. E dicíallo un home opulento sentado nun grande sillón a outro diminuído sentado nun sillón tamén diminuído respecto do anterior. Estamos en eleccións.
E a situación debera cambiarse precisamente a trverso destes actos electorais. Pero parece ser que non chega.
Por certo,onte decateime que o lema que emprega a UPRi, 'O Ribadeo que queremos', foi o título dun artigo meu,publicado o 13 de xuño de 2005 no blog e antes na Comarca. Artigo que foi repetido e/ou nomeado máis veces, incuído aquí, como se pode ademáis comprobar por unha procura de Google se non se ten a man a comarca de hai dous anos. En fin, ,nin nomearme os do UPRi e eso que a licenza sob a que está publicado é a creative commons que permete a súa reproducción con notificación, co único compromiso de que non sexa comercial... Voume, pero volto con outra entrada hoxe.

20070517

Un apoio para a liberdade en internet, no día de internet e día das letras galegas

Despois de apuntarme como usuario linux nun contador, atópome hoxe cunha entrada de Marsop que recomendo, 'No al .doc' que pode resultar divertida e fai pensar sobre os formatos propietarios e o acoso das empresas ós formatos libres e ás ideas libres, en particular en campos como a creación literaria ou o sofware libre, estilo open office (a suite libre, gratuíta e en galego, que hoxe é o día das letras) para substituír ó office de microsoft, con maior flexibilidade nos formatos usados e moi semellante no seu manexo, firefox (navegador netamente superior segundo o meu putno de vista ó explorer, e tamén en galego...) ou linux (hai tantas ligazóns, que non poño ningunha... asemade, hai mogollón de versións circulando en dvd por aí, e moitas delas, con versión en galego, e non dependen alomenos por agora dun antivirus... por poñer un exemplo). En fin, aí queda eso: programas en galego no día das letras, na procura da liberdade non só de lingua, senón da persoa.
Por certo, hai voluntarios para instalalos se hai problemas, pero mellor comezar un a facelo.
Non é unha casualidade que se pode aproveitar que sexa o 17 de maio tanto o día das letras galegas como o día de internet?

o dito, segunda entrada das letras galegas dende Ribadeo

Só para subministrar unha ligazón que me chamou a atención: trata sobre a 'virtualidade' dalgúns actos.

17 de maio, día das letras galegas adicado a María Mariño




O día das letras en Ribadeo dende hai anos ten xa un persoeiro na sombra da adicación, Hernán Naval. Nembargantes, polo paso do tempo, non é de estranar que esteña cada volta máis ausente das novas diarias deste día, e máis en época de eleccións. Día no que por outra parte, a súa adicatoria a María Mariño me leva a lembrar unha escritora ribadense viva en lingua castelá na súa meirande parte e á que coido que se lle podería dar mais estima da que lle concede, Primi Nécega. Non me vou poñer a ponderar agora a súa obra, pero chámame a atención que os seus contos, precisamente, non chamen máis a atención. E xa digo, salvando as distancias que as circunstancias impoñen, a figura dunha lémbrame a da outra.
Pero non só de letras galegas vive o home e as novas... parece que está a traer algo de cola que o alcalde fora a facer unha pseudoinauguración da autovía sen ter pagadas as expropiacións ó completo. Non puiden ir onte ó mítin do PP, pero de seguro que algo deso saiu. Nese mítin non houbo equilibrio entre homes e mulleres falando, como no caso do BNG, pode que porque tiveran que substituír o non ter a ningén na Xunta por dous altos cargos do partido en Galicia: Barreiro, Presidente Provincial, e Feijóo, Presidente a nivel galego. Para compensar esa falta de novas sobre o acto, as fotos dos carteis. Outro día irei polos lemas (coido que o do PSOE xa o comentei) e mesmo por algún comentario sobre estas fotos.
Mentras, din que a autovía xa se deixa notar. Seguro que si, pero será máis no verán, con tráfego máis nutrido, que agora: esta noite, véspera dun festivo non houbo tanto movemento nouturno como un sábado calquera; máis ben se poido asemellar a un venres (o barómetro do barullo dos locais de copas é infalible)...
Ribadeo ensaia nestes días outra porta, a marítima: polo que parece, touroperadores franceses van promocionar esa porta de entrada a Ribadeo. Así non é de estranar que a UPRi quera facer outro porto deportivo na Vila vella como foi anunciado o outro día nunha das roldas de prensa sucesivas nas que se apoia a campaña dese grupo. en parte xa quedaría cuberto o servizo de acceso polo paseo ata as aceas proposto por este goberno municipal actual.
Para ser o día das letras, non hai grande movemento cultural en Ribadeo. Anunciouse un movemento de animación á lectura antonte por parte da ANPA A Faxarda do CEIP Gregorio Sanz, están polas tendas postos carteis con 'cousas' de Castelao (ver foto e contraste nela), as xornadas de patrimonio deste ano serán sobre o patrimonio literario... pero, en troques, non parece que vaia ter lugar hoxe un concerto da banda ou algún acto oficial. Será porque estamos en campaña?

Hai tamén unha exposición de carteis ribadenses deste medio século pasado, pero non sei se cabe na categoría 'celebración do día das letras galegas'. Certamente, este acto da SSM A Concordia tenta ser de calquera xeito, un acto cultural.
En fin, non descarto voltar ó teclado un día como hoxe no que o sol brila en Ribadeo, mentras me lembro do 'PARES', no que co tempo haberá máis documentos sobre, por exemplo, a guerra civil e os 'axusticiados' nela. Polo momento, pouco hai.

20070516

Dicía Azaña... unha lembranza para tempos de eleccións

Pois eso, atopei nun artigo de Caballero Bonald ('Reclamar la libertad', pero ai! necesítase ser de pago para velo agora en liña...) varias citas, unha delas de Azaña: "A liberdade non fai felices ós homes; fáinos sinxelamente homes." porque é un atributo de humanidade.
Non sei moi ben como casar unhas verbas que me lembraron un aspecto crucial da humanidade co que está a ocorrer estes días en Ribadeo, A Mariña e todo o estado, é dicir, a desinformación electoral diversa vía mitines e demáis, pois parece que se quere dirixir a liberdade en troques de aproveitala para estudar posibilidades de mellora común. Coido que me quedo demasiado curto cando uso a verba 'dirixir'.
A que me refiro? Onte nos xornais lembrábase nunha foto a primeira pedra do tramo Ribadeo - As Catedrais da autostrada, por Cascos e Fraga, xusto antes doutras eleccións. Naquel momento habilitouse unha fonte e púxose a pedra. Da pedra non podo dicir que siga no seu sitio no alto dos pinos. Da fonte acompañante no acto, xa din conta con anterioridade, pois alomenos ata hai ben poucos días tiña desaparecido, substituída por unha billa de obra. E agora son xente do PP quen lembra o tema da primeira pedra (despois do que pasou un tempo sen obras) e un grupo de socialistas ribadenses quen fan a primeira viaxe coa autostrada aberta (a lembrar que hai quen xa o fixo hai algún tempo, pero sen ter establecido o tráfego, como se podía ver de cando en vez ó pasar pola estrada N634). Ben, que podemos sacar de todo esto? Pois algo certo: que as obras fixéronse cos cartos de todos, e que varios gobernos participaron en que non se tiveran rematadas antes (a lembrar que estaba previsto que a autovía estivera rematada por completo preto destas datas). Coido que lembrar as responsbilidades 'positivas' e non facerse cargo das 'negativas', mesmo das 'irresponsabilidades', non é nin ético, nin dicir a verdade, nin praticar a xustiza. É dicir, a máquina electoral parece ser, máis que algo democrático, algo antidemocrático.
Despois do anterior, varias precisións. A primeira, a conto dun post de onte, parece que houbo xente que considerou que eu, ó dicir a 'quiniela' electoral, tentaba de poñer a cousa o mellor posible para os hipotéticos 'meus', hinchando a súa conta. Equivócanse de cabo a rabo. É máis, estiven dubidando e ó fin decidínme por asignarlles o 'último' conselleiro a quen pode que me sexa menos afín (e o de afinidade é un dicir) entre tres dos grupos.
As outras dúas son frases tomadas do mesmo artigo citado en principio, do 'El País' de hai seis días, e referentes á educación en relación coa sociedade. A primeira, atribuída por Caballero Bonald a Ortega y Gasset, di "sempre que ensines, ensina tamén a dubidar do que ensinas". Na ciencia é unha postura amplamente estendida, pero non sabía da cita de Ortega, aplicada a outros temas. A última é do propio articulista, CB, "Todo o que se considera verdadeiramente libre sabe tamén que nunca poderá deixar de selo, que as súas facultades -aínda que só sexa nun pano teórico- son máis poderosas que as dos seus adversarios: converteuse en alguén capaz de desenvolver sen trabas o seu propio pensamento. E ó pensamento non se lle pode dobregar." Verbas esperanzadoras dun futuro.

20070515

Un aviso de Ribadeo Historia

en 'Ribadeo historia' xa só queda por poñer o programa do PP(e mellorar a visibilidade dalgunahs páxinas do PSOE)... a ver cando me chega.

O poder dos sen poder

Corto e pego: "Hace casi 30 años, en su profético ensayo El poder de los sin poder, Václav Havel escribió que "un espectro recorre Europa Oriental: el espectro de lo que en Occidente se llama disidencia". Ahora, ese espectro se ha trasladado a Irán." (El País, hoxe). Salvando as diferencias (lóxicamente moi grandes), chegará a Ribadeo? É unha expresión de que o pobo necesita canles de participación, non acaparadores de decisións (e do poder asociado).

A miña quiniela para Ribadeo, as apostas para a Mariña


Hoxe saio coa 'quiniela electoral' que me preguntaron onte na Voz de Galicia: PP, BNG, PSOE e UPRi con 5,4,3 e 1 respectivamente. Coido que os dous primeiros postos poderían aínda estar invertidos, pero é so unha quiniela. En cambio, as apostas xogan forte noutro campo: hoxe inaugúrase a circunvalación con 18 meses de retraso (e sen acceso central), e a autovía tramo Ponte dos Santos- cruce das Catedrais. Quizáis alguén considera que non é moito, que chega con retraso, pero é un impacto en plena campaña electoral. Estarán corrixidas as pequenas cousas que se pedía na entrada 'O dito'?
No da campaña vai incluído o que me deixou Fuji no comentario sobre a especulación urbanística na Mariña. Sen relación coa campaña, aproveito: Fuji tamén da nova sobre dous novos blog, un da casa das letras (sobre libros, claro) e outro do telecentro (actividades e demáis). Nesta pequena revisión de blog en plena campaña (incompleta a revisión e a campaña),hai un título chamativo que nos devolve a pelexa eleitoral: RIBADEO, UNA OLLA A PRESIÓN
Na campaña electoral poden darse moitos xiros, críticas e demáis. Un exemplo a conta dunha pequena nova desta tempada: Cursos para mulleres sobre internet na casa da xuventude. Ó final, antes das eleccións, a casa comezou a funcionar, pero para pícaros específicamente pouco houbo e si para maiores. Cousa de que os pícaros non votan ou que a posta en funcionamento coincidiu así? Pode tamén que nacera xa pequena e cunha estrutura modena pero inadecuada: estou pensando de novo (xa o dixen algunha volta no blog) na de Villalba, que funciona hai máis dunha década cunha estrutura moi diferente e, parece, rendible. Ben, a casa está a funcionar. Sería lóxico dicir algo como 'vale, xa pasou todo, agora está en marcha', está funcionando, está a render?
A foto, o símbolo de Ribadeo na penumbra entre lusco e fusco, entre o aparcamente pro guiris ascensorís (en negro, ó pé) e o ceo de poniente.

20070514

Hoxe tocaba pleno en Ribadeo

Tocaba, pero outra vez máis, non o houbo. O por que, non o sei. Protestará a oposición mañá?
Hoxe a nova foi un aspecto do mitin de onte: os rapaces e rapazas que estaban sentados detrás dos oradores, mantendo carteis de apoio (non os contei, sobre unha ducia), leváronse unha camiseta e 20€, e foi polo que parece, varias veces mencionado na radio.

Un artigo xa vello, publicado este ano na Comarca

Remato de atoparme por casualidade con este artigo que reproduzo a continuación, publicado na Comarca a comezos de ano pero que non viu a luz no blog por un despiste. Aí vai como segunda de hoxe.
--
2006, balance dun ano de ruído en Ribadeo
1.Os ruídos
Despois de anos de datos, 2006 en Ribadeo e en canto ó ruído, foi un ano neutro: nin se pode dicir que aumentara substancialmente nin moito menos que diminuíra o ruído nocturno en relación ó pasado ano, manténdose este cuatrienio básicamente ó mesmo nivel de intensidade, pero aumentando o número de días afectados no verán e ampliando tamén os correspondentes ás fins de semana.
Ó igual que anos pasados, cóntanse os picos invernais de ruído, incluíndo o presente, e a tendencia ó ruído continuado nas noites veraniegas. Un fenómeno que non remata de estar controlado é o control de peche, con establecementos con música non só ata despois do límite permitido, senón aínda ata despois do límite de peche, algo que comproba con frecuencia calquera veciño afectado. Esto leva de xeito natural á extensión do horario de ruído.
Por outra banda, seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar en locais.

2.As causas
Hai diversos e claros estudos sobre as consecuencias do ruído, pero abondos menos sobre as súas causas se nos centramos no ruído da movida, ou, se se quer, en por que a movida ten a compoñente de ruído que ten.
Non se pode meter todo dentro dun mesmo saco. Dende hai tempo se di nalgún medio, mesmo de xeito anónimo, que o ruído da rúa é o que molesta. Esta postura procura a imputación do ruído molesto como algo alleo a todo o mundo, como sen causa, nunha especie de manifestación 'políticamente correcta' para non ferir a ninguén. Evidentemente, é unha simplificación interesada. Do mesmo xeito que sería simplificar o dicir que só é o ruído dos locais o que molesta: ó longo da noite, en cada zona de movida, vai variando o mantemento principal da movida, e variando a importancia que para o nivel de ruído ten a xente na rúa, a apertura de portas (e polo tanto ruído de saída dos locais), a ausencia de segundas portas ou a falta do seu uso, o illamento deficiente ou nulo, a acumulación de locais nunha zona, etc. Os medios e as posibilidades de actuación dos poderes públicos en relación a cada un deles tamén son diferentes.
O ruído da rúa ten picos puntuais, ó tempo que pode manterse un amplo nivel de ruído, correspondendo por exemplo con grupos de xente que camiñan máis lentos entre dous locais. É evidente que o ruído illado nótase máis a partires de que os locais vaian cerrando, pola ausencia do ruído destes e as condicións en que se moven os transeúntes.
O ruído da rúa ten variación segundo a época, e non só correspondendo coa cantidade de xente dun día concreto. Unha posible explicación do feito de que o ruído aumente en inverno fronte ó verán, en contra da lóxica do bo tempo que parecería normal que invitara a estar máis na rúa, estaría baseada en que a noite invernal é máis longa e polo tanto comézase a beber antes, e é máis dura, co que se bebe máis que nas suaves de verán.
Por contra ó anterior, o ruído dos locais é máis continuo e parece afectar máis (dentro da percepción de ruído de cada quen) polo son grave que polo agudo, pero a diferente propagación do son polas condicións climatolóxicas non chega para explicar que a mesma música se oe uns días máis intensa que outros, ou mesmo aumenta ás veces á hora na que a xente está comezando a chegar a unha determinada zona. É dicir, a produción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado, o mesmo que as tómbolas ou os coches eléctricos chaman á xente cunha música alta que unha volta alí é desagradable. Técnicas por outra banda discutibles non só polos resultados medioambientais (é dicir, non só porque non imputan custe á degradación do medio ambiente que sofren os veciños).

3.As accións
Certamente, sería desexable unha acción maior por parte das forzas de orde pública, como é posible ler en opinións en medios locais e foi prometido a comezos de mandato no concello por medio de ampliación do horario de vixiancia nocturna, que na actualidade non cubre nin o horario oficial de apertura dos locais de movida. Pero sobre todo, desexable por parte das institucións que como o concello teñen demostrado que non queren mollarse, parece que principalmente por unha mal entendida razón económica e electoral, como foi tratado en diversas ocasións.
A nivel de normativa, fíxose unha axustada a dereito a comezos de século, deixouse o tempo de adaptación, voltouse a deixar unha ampliación, etcétera, e así chegouse á primavera 2006, cando se puxo de desculpa que non estaba actualizada para derogala e adoitar a 'normativa tipo' na súa substitución, sen chegar a cumprir a anterior. Esa nova normativa tipo, proposta pola Xunta, con anos de antigüidade, e en vixencia por omisión dende entón, díxose que ía durar só uns poucos meses para ser substituída por unha nova normativa da que se chegou a difundir un borrador. Ata hoxe non houbo tal cambio, e a vixente, o mesmo que pasara coa anterior, segue sen ser cumprida en cousas de tan pouca relevancia como a placa identificativa dos establecementos, ou de tanta como a declaración pedida polos veciños de zonas con excesivo nivel de ruído, ou aínda en actuacións do propio concello, como o aviso por altofalantes de actos diversos. Hai que dicir, que a pesares dese incumprimento, nalgún dos puntos é menos esixente que a que xa había.
A citar que no medio do ano houbo un chamamento polo concello a unha xuntanza entre concello, veciños e empresarios, que comezou sen tomar ninguén nota e polo tanto, sen ningunha perspectiva de cumprimento de acordos. Ata hoxe. con todas as faltas de plantexamento que houbo, hai que dicir, non embargantes, que propiciou un pequeno intercambio de pareceres entre empresarios e veciños.
O chamado 'noitebús', subvencionado para traer xente á movida, non parece que teña grandes consecuencias nos movementos de xente (e polo tanto no ruído) nin por desgraza nos accidentes. Si que a poidera ter a medio prazo como consecuencia da facilitación do consumo en xente que na actualidade non dispón de medio de transporte propio.
Houbo informes positivos do concello tendentes a permitir a apertura de locais durante máis tempo na noite, feitos a raíz dunha petición da ACIA e negativos da Asociación de Veciños O Tesón, do que resultou que os locais só sobrepasaron legalmente o límite horario de peche nas festas. De calquera xeito, non deixa de sorprender o informe positivo dado polo concello, que despois de todas as actuacións de petición veciñal ou requeremento legal limitouse a dar o seu placet sen explicación algunha ata o momento.
Ó xa dito hai que sumar outras cousas, como a ocultación de datos que resulta da petición de información sobre o curso das denuncias realizadas, o que se fixo en varias ocasións sen resposta ata o momento, como se as houbera comido a terra ou sinxelamente non tiveran sido tramitadas.
Do conxunto de accións despréndese que non é para mañá que quen ten a responsabilidade poña fin ó ruído. Esto ten diversas consecuencias, entre as que se atopan o que, como toda reorganización aprazada por motivos políticos, á hora de facela sexa máis traumática e en forma de reconversión, e eso despois de pasar unha degradación da situación ou a contribución ó mal ambiente e malas prácticas políticas en Ribadeo, fomentando o 'todo vale'.
O concello, que ten responsabilidades sobre o tema, non actúa e por eso foi condenado. Pero a estrutura do concello, ó igual que a de calquera outra entidade, está levada por persoas. Terán que ser condenadas as persoas?

Talante en Ribadeo




Despois das varias entradas de onte, só un pequeno comentario hoxe a auga pasada. Vexo que o sábado Touriño advertiu de que co PP, Vigo podería quedar illada. Mágoa de actitude como a que facía gala o mesmo PP de negar o pan e a sal se era xente de diferente cor política. Unha cousa é lembrar esa postura (cousa que se fixo onte no mítin do BNG en Ribadeo) e outra ben diferente, repetila, como a nova que comento.
As fotos, dúas obras de última hora, a do desprendemento do cantil á beira da ponte (cun libro abandoado da presentación do ascensor da atalaia), e a do repintado do mirador do cargadoiro, e outra que podía ter sido tomada en calqeura outro sitio, pero que é dun grupo de vivendas na r/ Rosalía de Castro.

20070513

Cheo o patio de butacas do auditorio Hernán Naval, Ribadeo

Estoume a referir ó mítin do BNG (ver programas eleitorais), que certamente aplicou neste caso o lema eleitoral de 'pensado para ti'.
En máis dunha hora da tempo para dicir moitas cousas; aquí só vai algunha:
A aposta foi polo traballo dende o goberno, especificou M. Luz nas súas verbas e continuaría cando lle cheogu ó turno a Fernando, quen reclamou o seu grupo como a columna vertebral do goberno municipal e respondeu a unhas recentes críticas na Comarca dicindo que non sae nas fotos quen non fai nada.
A pesares do anterior, o mítin foi moi temperado para o que soen ser este tipo de actos. Despois da nº5 do cartel, e M. Luz, chegoulle o turno a Anxo Quintana. Definiu a marca do propio estilo do bloque: non calificar ós demáis. Pero algunha cousa (moi pequena), colouse. Falou de urbanismo e de que un do PP non é un alcalde, é un problema (referíase en xeral, non só a Ribadeo). Citou as bandas, a escola de música e a Hernán Naval, momento onde se produxo a ovación máis nutrida e longa de todo o mitin.
Suso López, citando a poesía / himno 'Os tempos son chegados', deu paso a Fernando Suárez. Falou de formar parte da 'parte grande' do goberno municipal en troques da 'parte pequena', o que complementaría máis adiante dicindo 'vamos a duplicar'. Eso implicaría que o límite ó que aspira o bloque é 6, pero ve posibilidade real do 5º posto e por eso foi Ana M. Martínez, o 5º posto da lista, quen falou primeiro.
Fernando continuou mentando a honestidade, en particular no urbanismo, e o dicir si só cando se ten que dicir, e non dicir sempre 'si,si' (outra das roldas de aplausos...)
En fin, un pequeno desfase durante todo o tempo entre a voz e o vídeo proxectado na pantalla grande non foi menoscabo ningún...

Decepción

Remato de levarme unha decepción. Despois dunha sentencia condenatoria do concello, locais con licenza e sen condicións (logo legalizados, pero ilegais), despois de seguir a sufrir 50dB polas noites e demáis... os partidos non contemplan nos seus programas nada respecto do ruído en Ribadeo... (aínda non tiven acceso a todos os programas, a ver se hai sorte co resto...)
Eso significa que teremos que seguir loitando. ... xa mo esperba.

Unha opinión lóxica. Mágoa! non é de Ribadeo

Collo do xornal as verbas de Manuel Otero, viveirense: O normal, di, sería que «o que fixese cambiar a intención de voto fose o día a día de todo o mandato». Ogallá fóra así sempre. O malo é que a psicoloxía di que na lembranza teñen máis peso unhas lembranzas que outras, e un dos factores diferenciadores é o tempo: máis achegados, maiores recordos en cantidade e calidade. E eso sábeno ben os publicistas dos partidos.
Por certo, un comentario do blog: á vista das entradas anteriores, parece que os lectores vos vades animando a facer comentarios (as dúas ligazóns son de dous artigos con dous grupos de comentarios diferentes). A eles se podería aplicar o das opinións lóxicas, esta volta sí de xente de Ribadeo (polo menos, algunha)

Aviso de programa eleitoral (II)

Está xa en Ribadeo historia, ademáis de en 'Parladoiro' o programa eleitoral do BNG para as municipais 2007.

China Blue



Onte fun ver 'China blue', un docuemntal traído a Ribadeo polo colectivo 8 de marzo (+ amarante + setem) onde se amosa a vida dos traballadores de moitas fábricas chinas, a maioría mulleres novas, adicadas á confeccón. Neste caso, de pantalóns vaqueiros. Deberan darnos vergoña as condicións de traballo que provoca a globalización, e esa é a base das proxeccións: tratar de que a xente exerza o seu poder como consumidores para que as condicións vaian a mellor. Non embargantes, 24 horas antes, pola exposición correspondente non pasara ninguén (alomenos nalgúns dos turnos da xente que estaba a vixiar) E é que está visto que mover á xente, facer que se molle por algo xusto, é difícil. Polo menos, o que estou a ver día tras día, e vexo tamén que non son o único. Pero tamén está visto que hai que facelo: hai que tentar a utopía para facer a vida real.

20070512

aviso de programa eleitoral

Un comentario a unha entrada anterior fixo que agora xa esteña o programa da UPRI para as municipais 2007 en Ribadeo historia (a máis de no seu blog)

Promesas

Unha entrada anterior do blog sobre un tema relacionado titulábaa 'parole, parole', como a canción de tamén hai tempo. E é que en campaña (mesmo fóra dela) moitos políticos non se privan de parolar a ver quen di máis (o de facer, antes ou despois, eso xa é outra cousa). Hoxe o título dunha nova está moi claro: ´UPRI «promete» en Ribadeo un planetario, una escuela náutica en Aduanas y una Comisaría. Nun momento no que a Casa da Ría está sen funcionar, no que a asociación Xerfa, a que leva as actividades de astronomía pediu hai máis dun ano as chaves para entrar e obtivo a calada por resposta, no que están a amañar o edificio que ocupaba a antiga escola de náutica (non sei aínda para que fin), mentras a aduana segue a caerse en pedazos, a pesares do plan para recuperala o concello a raíz dunha lei que causou polémica polo desenvolvemento en relación ás casas vellas do casco antigo de Ribadeo (que logo, parece que non se puxo en marcha), nun momento en que se pide máis Guardia Civil porque non chega en toda a costa e máis ben parece que se reducen servizos, ... a proposta non parece mala. Levala a cabo, eso xa é outra cousa.
O anterior lémbrame que sei que xa hai por aí algúns folletos cos programas eleitorais resumidos, pero aínda non caeu nas miñas mans ningún para poñelo en 'Ribadeo historia' xunto cos das anteriores municipais. Polo momento, respecto ó tema, só me queda pedir ó PSOE que se pensen o seu lema, que é algo así como 'faremos máis por Ribadeo', pois se van a seguir facendo máis do mesmo, mellor que se queden de brazos cruzados (posiblemente non en todo, pero non se me ocorre agora no que poderían seguir...)
Mentras que se pide que os castros do noroeste da península sexan patrimonio europeo, pregúntome se eso vai abranguer a tódolos castros, coido que milleiros, e por que non se vai comezando a facer algo máis nas Grobas. En relación a este castro, o último, pediuse por parte da Asociación de Veciños O Tesón a realización dun díptico para a súa promoción, poñendo o interior a Delegación Provincial de Cultura e as poucos cartos necesarios para a realización material a Delegación Municipal de Cultura, e unha volta asentido polas dúas partes, púxose a ambas en contacto hai dúas semanas, a ver se sae.
Teño que pasar polo depósito que se está a recuperar para a auga en Folgosa. Segundo a prensa ten un millón de litros, o que faría 10m de largo por outros 10 de ancho por 10 de fondo (ou 25x20x2), o que xa é un depósito importante...
As outra novas son menores: Cao acusa a Vacas de novo de mentir (pero a cousa aínda non vai ó xulgado por ningunha das dúas partes), Andina di que votará en contra do recurso á exposición do PXOM (podería facer outra cousa?) e Acuinor (Cascos) di que ten dereito a construír a planta de peixes de Meirengos, despois de lanzar o agradecemento á asociación de veciños de Rinlo e dicindo que afectas ó 0,066% do LIC. Por certo, segundo os datos de Cascos, e se non me saen al as contas, o LIC das catedrais tería unha extensión mínima de máis de 60km2, é dicir, 2/3 da extensión do municipio, co que parece que esas verbas son froito de alucinacións, teatro ou mentira. Así, non me extrana que José Mª se pregunte que facer co voto...

20070511

Contrastes de Ribadeo e fóra





A foto dos barcos está clara: o pequeno non ten problemas apra saída pola ponte, mentras o grande tivo que sufrir pequenas variacións nas antenas para saír (aínda está nesas...). Co seu volume enténdese o que me dicía o outro día Javier Campos (o mariño) de que o porto interior de Ribadeo non era adecuado pola posibilidade de rotura de amarres pola corrente, e cada amarre pode valer 20.000€.
Despois, as obras da ponte (na foto, a estrada cortada no fin de Rosalía de Castro, a 'avenida da ponte'), ou as que comezaron onte mesmo do talud derrubado na estrada do faro (foto), contrastan na súa actividade e corte coa tranquilidade de tres persoas no parque do cargadoiro disfrutando da tarde.
E algo que non sae nas fotos: a permisividade sonora pola noite ou en xeral nos locais, anuncios con altofalantes, músicos na rúa asemade con altofalantes, etc, contrasta coa queixa que leín onte mesmo de que en Oviedo foi pechado un local por 'sobrepasar de xeito aleatorio 1dB o permitido'. Como comentario, as medidas aquí son do orden de 20dB máis.
Onte foi aprobada a lei do solo a nivel estatal, que entre outras cousas implica un 30% de vivendas protexidas, pero mentras, a denuncia de Cao parece que caeu pouco menos que en saco roto.
O dito, este é un mundo de contrastes.

20070510

Bitácoras políticas en Ribadeo

Despois da presentación do ascensor de onte, presentación hoxe das dúas páxinas de partido que hai cara ó comezo de campaña en Ribadeo. ningunha das dúas se move moito, ambas están en experimentación, e hai grande diferencia entre elas. A do BNG é o 'Parladoiro' levado a internet e con algunha ligazón (non a estas páxinas), mentras que a da UPRi é un blog con fotos da viaxe a Verín, polo momento (tampouco ningunha ligazón a esta páxina). Coido que ambalasdúas están en experimentación, e para as próximas xa estarán plenamente activas, cousa que agora non se pode dicir. De calquera xeito, chama a atención que polo momento ningunha das dúas teña o programa, o omnipresente nome do deseñador na do BNG e a ocupación de máis de media pantalla pola foto do candidato nº1 do UPRi. Cousas que é de supoñer que se irán pulindo se queren unha paxina operativa con persoalidade pero sen mesianismo (por exemplo, o caso da UPRi)
E, mentras, co tema do ascensor de 2,5M€ pagados por Costas de fondo, Balbino aínda avalía se denunciar a Cao...

20070509

Pagus - ascensor na atalaia de Ribadeo






Esta tarde foi a presentación do ascensor atalaia-paseo marítimo. As fotos ilustran como está agora a zona, tres vistas esquemáticas/maquetís de como quedará e unha parte da portada do libro de agasallo á xente que asistiu á presentación (tamaño maior que folio, 300px., papel groso, fotos color, tres idiomas, ... título, 'Soluciones de accesibilidad y movilidad en los centros históricos del sur de Europa')
Pois eso, 2,5M€ presentado polos arquitectos Abalos, de Santiago, artífices do tema que leva por nome "conexión bordo litoral e casco histórico".
tentouse presentar como unha 'reutilización do casco histórico', (buscando comercios e revalorización das casas) xunto con un posible 'novo enfoque urbano para Ribadeo' (o que me lembra que O Tesón pediu hai case dous anos que na introducción do PXOM constara o que se pretendía de Ribadeo, a definición de futuro á que se pretende que se axuste o plan... cousa que parece que segue sen difinir, segundo as verbas do arquitecto.
Ben, altura é de 25m, 22 salvados polo ascensor e 3 máis polo saínte do edificio.
Segundo palabras do expositor, 'el impacto es importante'.
Nótase que o ascensor é acristalado, para ver polos ocos que quedan na estrutura...
Leva unha escaleira interior complementaria e o tempo de traxecto será algo superior ó minuto. A cabida, 15 persoas, para min implica que menos da metade dos pasaxeiros terán unha vsita de primeiras. Os outros, terán que ver da segunda fila.