20060824

Música, educación (segue...)

    O tema da educación é demasiado amplo como para non voltar sobre el de xeito asiduo, e máis se se lle une a tra(n)sgresión ou a relación coa sociedade.
    Quedou onte o dicir de comezo algo xa manido: a música pode calmar. E Bach, a música barroca, de xeito particular; tanto, que ata se ten escrito algunha obra de ciencia ficción sobre unha nova e revolucionaria terapia, que resultaba ser sinxelamente música (unha de Isaac Asimov,pero non podo lembrar o título).
    Quedou dicir tamén que o concello convocou as prazas de profes da escola para este ano, o que non é nova, pero... tiña idea de que ís haber cambios, no sentido de aumentar o persoal fixo, e polo que parece, seguirá así, esperando (pode) unha mellor forma de contratación.
    En canto á educación, cabe repetir que aínda que sexa boa en canto a transmisión de coñecementos e técnicas, sempre será sesgada se non se permite unha liberdade de pensamento, tanto interna á propia educación como externa, no sistema na que está inmersa. E ese fallo educativo nos países comunistas non é único deles, senón que está a estenderse cada volta máis, despois de ter un certo respiro a nivel español unha vez rematada a ditadura. Non hai que confundir unha certa trasgresión con 'todo vale', pero si hai que considerar que as normas foron postas por persoas, e son as propias persoas quen as poden cambiar e trasgredir, que é eso o que fai posible o cambio social, e que unha cousa é algo de permisividdade e outra o 'manga por ombro' tan caro a algunha xente e que aplicado a nivel social xeral implica a anarquía primando ó máis forte en cada momento.
    De seguro voltaremos no blog sobre o tema, dende este ou outro aspecto relacionado... En canto a trasgresión en si, parece que algo dos novos, necesario apra a súa creatividade. Nembargantes, a trasgresión creativa pode e debe distinguirse da que é sinxelamente trasgresión coa finalidade de trasgredir, que non soe ser moi creativa, senón destrutiva. Xa dixen na entrada anterior o de sentirme como un 'sparring', e veume tamén á cabeza unha película de Sidney Poitier, 'Rebelión en las aulas', na que daba vida a un educador que parte do seu traballo o dedicaba a ser dalgún xeito, 'sparring'. Película recomendable, por certo. 
    As fotos, unha de obras na ría (ría de Ribadeo, claro; recomendo ver un artigo que aparece hoxe na Voz en relación a reparación dun emisario de lixo de Castropol no que se usa outro eufemismo máis para non chamar á ría polo seu nome. Estou tratando de saber por que, aínda que o supoño: a ría cambiará de nome por motivos económicos. E paro este macroparéntese...) que xa levan tempo, pero que hoxe, coa sinalización que teñen, están máis visibles.
    Outra, tellados diferentes en Ribadeo: unha azotea misturada coa fortificación do cuartel vello e sobre el, a torre da telefónica, con algunha antena en regla e outras sen saber. Unha vista parcial da esposición de fotos de Fernando Páez, constituída por dúas series, unha correspondente á súa familia, na súa casa, e outra, ó bar 'Cantón', retratando os seus tipos e ritmo.
    Un dos pasos de 'Ribadeo falls' por baixo das galerías, que da algo de medo pasar, e cada vez máis. E unha trasgresión cun certo contrasentido sobre a sinalización: o graffitti de deseño, con plantilla, indicando un orde de fábrica en serie, fordiano, sobre outro orde normativo, e enfrotnado ó graffitti tipo que era típico hai anos, 'de autor' sin serie, só cunha marca de identidade... outro día poñerei un graffitti que hoxe ten uns 10 anos (que eu saiba) e continúa sen borrarse, e apreciarase a diferencia.

1 comentario:

Xosé Manuel Carreira dixo...

A educación nos países comunistas falla ou fallou naquelas áreas de tipo humanístico debido á falta de liberdade mas nas áreas científico-tecnolóxico son dignos de envexa, especialmente o nível da antiga Unión Soviética onde se facía investigación con catro pesos e moita imaxinación.

Agora mesmo eu noto na mocidade falta de ambición, quizais debido á flata de modelos. Na miña época moitos querían ser un yuppie tipo Mario Conde (mal exemplo).O meu modelo era López de Arriortúa (o Superlópez da General Motors, ou exemplo malogrado) pero e que agora os rapaces queren ser presentadores do Tomate.