20060621

Salto calitativo

Todos en Ribadeo sabemos que as cartas e artigos na 'Comarca' poden ter unha carga importante de crítica destructiva, e ata xa parece que a xente se vai axeitando a elo. Nembargantes, hoxe parece que se consumou un salto calitativo ó aparecer unha carta na Voz de Galicia que é calcadiña ás que poden aparecer calquera fin de semana no semanario. Non importa o tema, senón o que significa: un enrarecemento maior no enfrontamento público e entre o substato social en Ribadeo. E ademáis, pervive unha vella tradición na comarca: o de asinar de xeito que sexa irrecoñecible a persoa, tirando a pedra e escondendo a man. O que indica, en principio, un temor, covardía ou non, a parte.
De enfrontamentos, en Ribadeo, xa hai abondo, pero segue a aumentar. Parece que teremos un final de mandato no concello moi movido.
Aínda que aparece nos papeis con menor desenvolvemento, coido que esto ten máis importancia que outras novas como que os xerentes comarcais esteñan de viaxe nunha xuntanza en Gales, que os pisos (cousa rara) esteñan polas nuves, que as xornadas de patrimonio se centren no feísmo (non fai falla discurrir moito para velo), que o DOG reseñe a valoración das fincas a expropiar para o polígono (260.000€, pouco máis que un piso, o que da que pensar...), que o para moitos entrañable laboral, o actual IES Gamallo Fierros, esteña para cumprir 50 anos, a reiteración da petición dunha estación de carga no polígono que (é de esperar algún día, por fin) se fará, a boa nova dun asesoramento público ós concellos sobre urbanismo (non debe funcionar o actual por parte dos técnicos municipais, polo que parece), ou a recepción da bandeira do barrendeiro ecolóxico (estou tentado a poñer sinxelamente "!"). Novas todas de hoxe máis ou menos, mentras que a curta carta é unha sinal non de hoxe, senón de algo que ven sucedendo tempo atrás e que se proxecta no futuro de Ribadeo, unha degradación da vida social.
A parte, quizáis merecera outro carácter para o seu comentario a marcha da interventora no concello, despois da súa renuncia hai poucos meses a intervir nas contas do Plan Leader, algo que foi tentado de pasar por alto e que foi denunciado políticamente.

Ningún comentario: