20060307

Ría de Ribadeo?

    Ás veces, por estar nunha determinada posición, postura ou circunstancia, non xulgamos como é debido. Esto ocorre coas impresións que outros ou as cousas nos causan, e ás veces pode resultar un perigo. Comprobeino ou outro día coa palabra educación e a palabra ensino en relación ó nome dos IES: en Google pódense atopar 353 000 entradas considerando ó correspondente IES 'Instituo de Educación secundaria' fronte a 105 000 como 'Instituto de enseñanza secundaria' (feita a procura en ambos casos en páxinas de España e en castelán), o que indica que máis das 3/4 partes dos centros adáptase ó nome institucional, pero case 1/4 non o fai. Eso levaríanos a discutir sobre o tema, e fareino noutro lugar. Pero hoxe, ó que ía é a que se facemos o mesmo con 'ría de Ribadeo' na web enteira atópanse menos de 10 000 páxinas, e se poñemos 'ría del Eo', chéganse ás 25 000. As relacións están aínda peor se se mira ría + Ribadeo ou ría + Eo, é dicir, sen considerar exactamente a orde. Se se quere que o nome da ría permaneza como ría de Ribadeo vai haber que traballar arreo, a parte de coñecer a contestación do Presidente da Xunta sobre o tema.
--
Unha cita sobre Hernán:

Data: 16/12/95

Fonte: la comarca del eo

Título: O BOLERO DE STRAUSS

Autor: HERNAN NAVAL

Descrición: Artigo que escribiu Hernán cando o Concello amañou un concerto para competir co „Aquí como en Viena“ da banda. A lembrar que á postre, entre outras cousas, os músicos visitantes non eran vieneses como se pretendeu nun principio, senón búlgaros.

Comentarios:

O BOLERO DE STRAUSS


Hernán Naval


  1. A quen conta mentiras chámanlle polo nome dun bailábel: bolero. E xa se sabe qué historias narran os boleros: as de arrebatos paixoais, sempre viscerais, case nunca racionais. O problema, o conflicto de Manuel Valín coa Banda Municipal, polo feito de que estea dirixida por min, é de índole patolóxica, e a visceralidade derivada, a obsesión, lecouno desta volta a mentir pola rádio: é absolutamente falso que a Banda Municipal de Ribadeo fose convidada a participar na programación cultural de Outono do Concello de Ribadeo, como clarísimamente afirmou Valín en declaracións á Cope de Ribadeo o pasado xoves. Cando esta programación estaba decidida, parte do material publicitário da mesma xa en impresión e xa oferecida a Rolda de Prensa en que se fixo pública a Valín foille transmitida a contrariedade de quen isto asina polo feito de que o tradicional concerto de Nadal a base de música vienesa fundamentalmente, que nos dous anos anteriores ofrecera a Banda Municipal de Ribadeo por min dirixida, ia ser dado este ano, segundo a referida programación, polo Strauss Festival Orchester de Viena, directamente de Viena...Manuel Valín apresentou entón as rebaixas: se queríamos tocar un programa de bandas sonoras dentro da Semana de Cine que tamén figura na programación de marras. Non aceitamos, naturalmente. “A Banda si foi invitada a participar na programación cultural de Outono”, dixo Valín literalmente á Cope. Mentira!, digo eu agora: o que quixo foi amortiguar o efecto da afrenta que viña de perpetrar á Banda.

  2. – “Un luxo para Ribadeo”. “Non podemos permitirnos prescindir dela”. “Nunca pensei que lles fóra molestar”. “Pisarlles o concerto deles, para nada...”. Agora Valín apresúrase a negar calquer intención perversa ao contratar á que el própio, erróneamente, chama “Orquesta Johann Strauss de Viena” (saberá realmente a quen trae?) e á que califica de “atracción musical”, como se os vieneses fosen actuar na discoteca. “A intención”, di Valín, “é criar caldo de cultivo” musical entre os nenos de Ribadeo afeizoados a música, para que podan “ver algo distinto”; violines por clarinetes, será a diferencia, aparte, claro está, de que o fagan moito mellor – aínda que tal vez con menor ilusión e desde logo que máis interesadamente, económicamente falando – uns profisionais que uns afeizoados, aínda por riba dirixidos por un do Bloque, que tamén é desgracia coa que polo de agora ten que apandar o señor Concelleiro de Cultura e outras cousas. Moitas gracias, señor Valín, por non lle recoñecer a Banda Municipal de Ribadeo, á súa Asociación promotora, á Escola Municipal de Música, o mérito de ter criado ese “caldo de cultivo”, que agora lle enche a boca, alomenos desde 1992. Nunha cousa non minte Valín: efectivamente non vai conquerir pisarnos o concerto noso; xa di que “quen non está de máis que dean o seu concerto”... Nen de máis nen de menos: xa que da Strauss “non podemos prescindir” (quen será o malvado que o obriga? Será para xustificar que aínda non volvese a Sinfónica de Galiza nen trazas haxa?, ou será que non quedan orquestras no seu rastro cultural?) e xa que se trata de “ver algo distinto”, velaí vai a nosa aportación: Como aquí nen en Viena (marchas, valses, habaneras, fados...), o día 30 de decembro, á hora de costume, no local de costume. (O concerto noso, até este ano titulábase “Aquí como en Viena”, pero como os de Viena xa están aquí e trátase de “ver algo novo”...). Por certo, vai todo pola nosa conta: carteis, programas, gratificacións ao persoal de montaxe, etc. O Concello ten abondo con pagar aos vieneses, e, por aquello do morbo ribadense, non estaría de máis, nen de menos, saber canto...

  3. A Manuel Valín causáronlle “extrañeza” as informacións de prensa que dan conta do malestar na Banda e na Directiva da entidade que a promove polo affaire Strauss, un malestar con eles, que “non teñen nada contra a Banda”, á que queren axudar “en todas as oportunidades”, como fixeron co certame de Bandas de setembro, para o que comprometeron un “bo e importante apoio”. Lástima fora, concelleiro. Valín e asáltano os demos: “Hai un sector interesado... todo o mundo sabemos quenes son os que tratan de romper as boas relacións que poda haber entre Amadores da Música e o Concello”: agora vai resultar que á Strauss Festival Orchester non a fichouu él e que está formada por mercenarios nacionalistas cuxos cérebros grises fixeron picar a Valín. Todo, con tal de non recoñecer que meteu a pata até a ingle; e non é a primeria vez: convertiu nun fiasco organizativo o concerto da Banda do 25 de Xullo, e logo tivo que pedir perdón pola mesma emisora pola que agora defende as súas determinacións; pifiouna despois o Día de San Roque ao no dispoñer, como coordenador da Comisión de Festas, a instalación dun palco cuberto e suficiente para o correspondente concerto da Banda; mandouna despois a Mondoñedo para que un mércores a escoitaran unha dúcia de persoas (ou dúcia e media, vale). Xa resulta sospeitosa tanta gamba introducida: nen el podo ser tan ineficaz. Cando o locutor lle pregunta polo oferecimento do Concello á Banda de lle patrocinar a grabación dun disco, Valín en plan aparentemente surrealista, espeta: “Xa foi moi polémica a campaña eleitoral”. Certo: o primeiro día da campaña, en un local público dixo que cando gañaran eu sería enviado a Sibéria. O último día, nun mitin, devolveume a tranquilidade: “Non imos facer desaparecer a Banda nen imos facer desaparecer o seu director”. Alegreime de saber que non ia ir para a cámara de gas. Pero e sospeitosa tanta declaración de boas intencións: “Non temos nada en contra da Banda”. “Quixemos aclarar e dixemos que íbamos apoiar á Banda, é a Banda Municipal...”, ao seu pesar...Xa se sabe: excusatio non pedita...

  4. Sobre o tema do disco, algo colateral ao asunto cerne desta polémica (porque isto é unha polémica, subscitada por acción – ou omisión – polo señor Valín, e non, como el di para quitar ferro, “un mal entendido”). Deixo para mellor ocasión deixar constancia ponderada de a que persoa se debe a iniciativa de que a Banda gravase un compact-disc e do intre e do xeito en que se concibeu a idea, hoxe proxecto preferencial da Banda en conxunto e, singularmente, meu. Igoal non tardamos moito en teer que informar polo miúdo disto, perante o novo arrebato colaboracionista do Concello... Ocorre, polo de pronto, que máis unha vez “unha entidade privada”, realice a “grabación e diz mil copias” do ditoso disco. Ou non somos conscientes das nosas capacidades mediáticas, a carón das cales a operación de marketing Adagio Karajan constituiría, proporcionalmente, un xogo de nenos, ou Valín non ten idea de matemáticas, o que resulta preocupante a estas alturas. Non lle hei mirar a dentadura a este presunto cabalo agasallado, á espera de coñecer as condicións técnicas do marco-proxecto discográfico municipal. Agora ben, ao César...

  5. Igoal que sobre o disco e a súa paternidade haberá ocasión de volver falar nos médios de comunicación, sobre a cuestión desencadenante dsta xa longa declaración haberá máis que dicer en canto se achegue a data do concerto, dos concertos, pois témome que o señor concelleiro de Cultura, despois do que dixo o outro día na rádio, non vaia pedir desculpas á Banda como fixo cando pola súa incompetencia destragou o concerto do 25 de xullo pasado. Todos á espera pois, e advirto que nesta resposta procurei aterme ao contido do declarado hai días por Valín. Polo de agora, calo. Sobre as edificantes actitudes verbais do super-concelleiro verbo do director da Banda perante os seus alunos (xa dixen que o seu problema conmigo é de índole patolóxica), calo. Sobre a maniobra eleitoral con diñeiro público, calo. Sobre Barcelona, calo. Calo polo de agora. Xa se saberá, insisto, que se cadra o repentino agarimo de Valín e compañía á Banda é amor letal. Que tente, non vaia ser o demo. De momento que lea “Granxa de animais”, de Orwel, e que mire, el, ao espello, e a min que me deixe en territorio humano.

  6. E finalmente , todo isto dígoo eu, Hernán Naval, director da Banda Municipal de Ribadeo a pesar de Valín. En nome de ninguén falo, nada máis que no meu próprio. Só eu responsabilízome do dito e das súas consecuencias. A músicos e directivos que os deixe Valín en merecida paz.

Ningún comentario: