20060321

Discriminación positiva

Nunca o vira así, pero agora a Consellería de Sanidade pretende favorecer os médicos que traballen na comarca, e eso é a discriminación positiva. En principio, favorece a comarca (enténdase, a Mariña completa, non as tres partes politicas da mesma) pero se non me equivoco e a cousa segue, a nivel xeral pode desencadear un sistema de pluses, compensacións e penalizacións que non creo que favorezan os servicios públicos. De calquera xeito, de entrada, e mentras se experimenta, benvida esta discriminación que pretende permitir un servicio mellor na zona.
A cruz do anterior estaría na posta en marcha do Parque de Bombeiros, que achegándose o verán segue sen marchar, e achácase ó que ten que pagar Ribadeo e á parte da Deputación. Estaremos neste caso ante unha discriminación negativa por cuestións diferentes á eficiencia?
O malo do uso das discriminación é que ou se controlan moi ben, con moita consciencia de servizo, ou aparece toda a súa carga negativa como uso do poder en interese non social, senón puramente de exercicio interesado de poder. E saímos todos perxudicados; os pretendidos beneficiarios tamén, aínda que só sexa moralmente: diminúen o seu nivel como persoa aínda que saian beneficiados noutros aspectos.
--
Aí queda un artigo publicado o 05/02/99 que ten certa relación co anterior:
A sociedade malcriada

Levamos xa tempo dicindo que a xente nova está sendo malcriada. Corriximos despois (ó fin, son os nosos fillos e fillas) dicindo que son máis listos que nunca, que sempre pasou o mesmo e que o mundo segue adiante, que... pero non se chega a negar o dito: a xuventude está malcriada. Que esa malcrianza sexa máis ou menos tradicional non oculta que se perda un potencial tremendo na educación (pola mala educación) dos sucesores. E esto continúa a pasar precisamente no momento da historia en que máis voces están a xurdir afirmando que o futuro da humanidade en conxunto e de cada pobo en particular pasa pola educación.

O dito ata aquí é coñecido. Pero se collemos, por exemplo, uns cantos periódicos destas semanas pasadas, e lemos as noticias a conto da bioética e a súa relación coa clonación de células humanas, ou temas semellantes (que os hai por exemplo en política, con Pinochet ou Saddam), ímonos ir afacéndonos á idea de que é o conxunto da sociedade, e non só a xente nova ou individuos, a que está malcriándose.

¿En que se manifesta o anterior?. En que as normas van cambiando a gusto e a momento dos intereses. Dito así, sona a algo moi vello. As normas foron cambiando desde que a humanidade é consciente. É certo, é un vello tema, pero que cada vez vai tomando uns síntomas máis parellos ós dos rapaces e rapazas malcriadas, que adaptan o mundo ó seu capricho só porque é o seu capricho e lles está permitido facelo, sobrando outras consideracións, pensamentos ou sentimentos máis xerais.

Se se relee a Ortega na súa rebelión das masas, aínda seguindo a ser discutible algunha que outra interpretación e o tempo pasado dende a súa publicación, as liñas xerais de diagnóstico do século XX son diáfanas. A sociedade fai tempo que avanza no sentido do desarraigo do propio individuo por forza da masa, que ó tempo o rodea e na que se ve inmerso. E cada vez máis, a xente que tenta dirixir as masas ten intereses particulares.

Políticamente, as tribus primitivas elixían xefe por intereses particulares dos individuos, pero logo sabían que dependían uns dos outros. tamén os xefes eran conscientes deste feito. Co poder de raíz divina, reis e demais eran algo así como pastores dun rebano que lles daba de comer. Co advenimento da democracia, comezaron a mirarse os votos, que seguían sendo opinión da xente e representan algo entre contrato instantáneo en base a promesas e delegación por confianza de criterio. Agora que o poder é maís que nunca económico e da información, o que se busca é o beneficio. Particular ou do propio grupo de mando, por suposto. E isto, que se centra particularmente no mundo da empresa, invade outras esferas sociais.

Nembargantes, o cuestionado, retomando o dito ó principio, é a actuación social en conxunto, hoxe, e non a tendencia expresada no párrafo anterior. Porque a dirección da sociedade é algo que cada vez se intenta con máis forza e cada vez ten maior dificultade. Inténtase con máis forza porque vese a necesidade de medios para levala a cabo, medios que a tecnoloxía proporciona de xeito crecente. Ten maior dificultade non pola maior cultura que acada por termo medio e polo tanto maior crítica potencial sobre a dirección, senon polo abandono da disciplina social e maior libertade individual. E maior libertade individual significa un maior solapamento entre as esferas da libertade de cada un, máis conflictos e menor posibilidade de obter unha visión xeral fiable do estado da sociedade.

Ainda que da a impresión moitas veces de que cada vez se parecen máis os individuos pola confusión reinante, tamén cada vez máis adoita un xeito máis caprichoso a toma de decisións e o xeito de levala a cabo. O capricho é xeral. E en certa forma somos todos os que facemos o cambio de normas, sen darnos conta, abanderados do "¿e por que non?" en troques dunha resposta máis traballada: porque...

Ningún comentario: