20060318

Cen mil pesetas diarias (600€)

Unha nova sobre a débeda de Vilalba fai que me interrogue de novo sobre a de Ribadeo. Estimando dun xeito coido que conservador, e á falla dos datos que debera facer públicos o concello e non fai, aló polo outono estabamos de acordo varias persoas en que o monto da débeda do concello ribadense debe andar por uns 5 millóns de euros (máis de 800 millóns de pesetas) e de aí para arriba. Se botamos contas a un interese normal dun 4,5%, saen só de intereses ó ano 225000 euros, é dicir, 37500000 pts. Contando que en Ribadeo somos algo menos de 10000 habitantes, tocamos a máis de 600 euros ó día (100000 pts), ou máis de 2 euros ó mes por habitante, bebé ou adulto, empregado ou non, muller ou home... Se fixera as contas como as fixeron segundo a nova de Vilalba de onte, sairía máis do doble, pero considéroo esaxerado e cruzo os dedos como fan os cativos para que se cumpran os seus desexos. Claro que a débeda, a parte de pagarlle os intereses, hai que amortizala. Mentras, que se perde de facer en Ribadeo por ter que pagar eses 37 millóns de pesetas anuais? (esperando que non sexa o dobre...) -- Un artigo meu publicado o 17/05/1999... O prezo da cultura ... e outras cousas. Actuación da banda de Valladares en Ribadeo. Está considerada entre as mellores de Galicia, e o son certamente correspondeu a esa consideración. Espectadores, botando polo alto, e incluíndo ós que entraron ou saíron perante a actuación, 100. O concerto é gratuíto para o público asistente. O custe estimado da un prezo por persoa dunhas 4.000 pesetas (24 euros). ¿Cobran moito? Se se fan os cálculos, cada músico debeu desprazarse dende Vigo a Ribadeo (250km) nunha viaxe de tres horas longas máis outras tantas de volta. Prepararse para o concerto, tocar e recoller. Antes de voltar á casa deben cear... e todo esto, sen contar os ensaios e a preparación anterior ou a amortización de instrumentos, claro. E viñeron poucos músicos menos que persoas entraron na igrexa a velos. Pódese interpretar que non cobran moito. Seguindo con música, por exemplo, actuación do coro de nenas cantoras de Kiev. Entrada gratuíta. ¿Cánto cobraron? En xira, en pleno curso... voces educadas de 45 rapazas con algunha persoa maior acompañante para organizar e coidar delas. Terían que cobrar demasiado por cada actuación se o prezo correspondera co que se percibe como realidade. Un libro. Caro para edición de peto: 1500 pesetas. Lectura para oito horas, e pensamento para abondo máis. ¿Caro en realidade? Claro que hai moitos que non teñen calidade, pero van todos nun mesmo paquete, e os que se quedan na revenda dos descontos nos supermercados ou en postos na rúa non son malos por definición, nin de temática estraña, senón pouco vendidos, simplemente. Unha exposición sobre pintura, para aprender a mirala. Necesita un salón, unha persoa atendéndoa perante moitos días... asemade, tamén é gratuíta para o público. Resultado: espléndida e vacía boa parte do tempo. ¿Resulta rentable a cultura? Estamos inmersos nunha cultura, pero temos que facer unha elección por ela: boa parte da culturización na nosa sociedade necesita de unha contribución pola nosa banda, e parte do feito de querela. ¿O prezo? A cultura non debera ter prezo, pero, xa que ten custe, será cara ou barata segundo o uso que se faga. E hai diferencias grandes, dende o abuso sobre feitos culturais á falta de uso. Nestas, atopámonos cun novo día das letras galegas. "Competindo co castelán", podería ser a frase incluída no cartel un ano tras outro. En Galicia cáptanse moitas emisións de radio, poucas en galego. Moitos diarios, menos na lingua na que estou a escribir. Moitos libros, pero a pesar de estar pasando as letras galegas na actualidade por un momento bo en canto a que as creacións dos nosos escritores son recoñecidas, de novo, poucos en galego. Estamos ante unha sustitución cultural na lingua. ¿Por que? As causas históricas son coñecidas. Na actualidade, é a práctica: se a porcentaxe de xente que "elixe" unha determinada cultura é baixo, dita cultura remata aceptando, no intercambio con outras, máis novidades alleas que as que produce no seu interior, a parte de ser cada vez menos usada e, entrando en consideracións puramente económicas ó vello estilo, máis "cara". A nivel mundial, esa tendencia de influencias entre culturas da lugar á uniformización. No noso pobo, danse dun xeito abrumador, o que quere dicir uniformización, pero pola súa cantidade, podemos dicir que se da baixo patróns alleos, tomando o aire dunha sustitución. No caso da lingua, perda de palabras e estructuras lingüísticas en favor de outras estrañas, ou de novo a mera sustitución no seu uso. ¿Debemos prescindir entón, por exemplo, de Cervantes? Difícil será facelo cando hoxe por hoxe unha porcentaxe alta de xente en Galicia ten o castelán por lingua propia. ¿Debemos impoñer o galego? Debo de estar soñando. Nestas mesmas páxinas, mirando a unha e outra beira calquera pode desenganarse desa posibilidade. Pero non preguntei se podiamos, senón se deberíamos. E moito me temo que a pregunta non ten unha resposta, senón moitas, segundo os presupostos e condicións que tomemos, que varía de lugar a lugar, de persoa a persoa, de intransixencia a intransixencia pasando pola convivencia dun ou outro xeito. Un dos custes a pagar polo mantemento dunha lingua ou polo bilingüismo non é económico, é social. Situacións nas que persoas actuais teñen que enfrontarse / asimilar situacións históricas contra as que non poden facer nada xa. Situacións nas que se confunde o favorecer unha lingua con entorpecer outra. Un día como o das letras galegas debe facer reflexionar sobre os fins da cultura, o custe do seu desenvolvemento e a situación social que hai que, dalgún xeito, solucionar. Tamén, debe propiciar o que cada un de nós interiorice que a cultura é cousa de todos, elección particular, e que depende do uso, do traballo, do desenvolvemento de todos nós para poder vivir. É dicir, dar resposta a unha pregunta: ¿Qué fas ti pola túa cultura?

Ningún comentario: