20060220

Chove a cántaros


Cando non se sabe de que falar, é ben sabido, fálase do tempo. É dicir, de banalidades. Pois ben, levamos unha fin de semana fastidiada a base de choiva forte e vento, e tormentas, o que se repite esta mañá. Os campos están anegados, pero facía falta a choiva despois do que din é un comezo de inverno moi seco. E certamente, ata comezar febreiro, érao. Chámame a atención que as tormentas, aínda que non moi fortes, (aparato sonoro forte, poucos raios, número moderado de lóstregos, granizo, varias veces sen luz) xa levan catro días. Eso significa que hai enerxía para elas, e no inverno, con pouco sol, non é o tempo propicio. É algo así como o 'noso Katrina', unha sinal máis de que o tempo está a cambiar: son os primeiros avisos. Despois de todo, falar do tempo ás veces non é tan banal.
E é que o tempo, pero tamén 'os tempos', cambian. A foto de hoxe é fea, pero indica un oco máis a desaparecer da rúa en pouco tempo máis. De aí a foto, tomada dende peonil á Calvo Sotelo, para ter unha visión diferente da de dentro duns meses, cando esteña tapado. Só eso, unha testemuña máis.
E hoxe ven Touriño, e din que os alcalde da oposición política na Xunta téñenlle preparadas preguntas sobre normativa urbanística e carreteras. E o resto, non lle irán preguntar nada? Quedei un pouco pensativo cando a outra semana se desenvolveu o encontro 'galaicoastur' (en realidade, dos presidentes...) en Santiago, e non por aquí, e agora ven dar información, pero parece que non a consultar. Ben, pode que sexan cousas miñas, pero o estilo de goberno que se leva non vai moito conmigo: a tódolos niveis parece que se practica o vello dito do Rei Sol francés 'todo para o pobo pero sen o pobo'. Amartya Sen, Premio Nobel de Economía no 99, ven dicir na súa teoría algo así como que se queremos que a economía sirva ó pobo, a sociedade ten que servilo primeiro. Eningué o desmentiu, que eu saiba, pero as súas teorías simplesmente rodéanse: é máis sinxelo. Dende a daptación de Yahoo, Google e of course Microsoft á censura china, vexo máis evidente ese rodeo a nivel mundial, que se manifesta entre outras cousas, na censura, no rodeo da democracia nos EEUU ou en España, no maior desnivel entre países (pero sobre todo persoas) ricos e pobres, etc. Alternativamente, estoume convertindo eu mesmo nun pouco máis ácrata, no sentido de que o poder ou é colaborativo ou non debe ser, porque non é poder das persoas, senón das cousas: cartos, influenzas, ... e pretendo seguir a ser persoa, non cousa.
--
... un artigo meu do 4/10/96. A ter en conta que en 10 anos cámbiase, e os artigos van sen re-adaptar...

O esencial é invisible ós ollos

Flor III. Así se titula o 1º premio do certame fotográfico medio ambiente 96 organizado polo ateneo ferrolán. A fotografía é sinxela: a central térmica das Pontes iluminada de noite, con tres das catro torres de refrixeración xerando vapor de auga, que forma unha nube e non permite ver a cheminea na súa parte superior. Antoine de Saint-Exupéry fíxolle dicir á súa creación, o Pequeno Príncipe, que a esencia das cousas non é visible. En flor III maniféstase unha invisibilidade parella: A contaminación que aparece visible non é nada comparada coa que está producíndose ahí mesmo e non se ve, oculta por ela.

Nas Pontes, a condensación de auga nas torres de refrixeración é moita, xera un desequilibrio no medio, e iso é unha contaminación. Pero afecta a unha pequena zona que de por si xa era húmida. É un desequilibrio menor. En cambio, pola alta cheminea (cando se fixo, a máis alta de Europa), saen día a día moitas toneladas de gases perxudiciais. Non só se produce o resultado típico da combustión "limpa", o dióxido de carbono, que parece ser o maior causante do efecto invernadoiro, senon tamén gases con azufre, por exemplo. Estes últimos, xunto coa auga que hai no aire, forman un dos ácidos de mellor reputación como tal: o ácido sulfúrico. Ó caer á terra cando chove, podemos ver como queima as plantas. E iste efecto faise sentir moito máis lonxe que as néboas producidas polas torres de refrixeración. Está claro que as néboas que se sufren na Mariña non teñen a súa orixe en As Pontes, pero sabemos cando chove con vento daquela zoa con só mirar algunhas árbores. Nós e ate os ingleses, que presionaron para conseguir modificacións na chimenea.

A central térmica ten un sistema de depuración de residuos, e tamén un sistema de seguemento de varios tipos de contaminación. E segue a contaminar. Agora hai que traer carbón do estranxeiro, máis enerxético, barato e menos contaminante, ... para o que hai que queimar gas-oil., non tendo xa en conta outras cousas relacionadas coa economía.

O caso é que a electricidade producida fáinos a vida máis facil. Ainda que sempre haberá quen diga que non, que con todos estos "modernismos" o que estamos a facer é complicarnos a existencia, o certo é que hoxe por hoxe é imposible deixar de usalos. Deste xeito a humanidade enteira vese abocada a consumir os recursos do planeta e usalos para producir un desequilibrio cada vez meirande. Aumentan as manchas de petróleo nos océanos, os vertedeiros e as catástrofes como Bens, Chernóbil ou Mar Exeo, para poder transportar, manter a casa limpa, aforrar algún carto, usar cada vez máis enerxía máis barata ou ... ¿que máis da?. Para todo se pode atopar un motivo, e convintemente aleccionado, sempre se atopará quen o defenda.

Para tratar de reequilibrar a situación, a mellor campaña pode que sexa o ordenar o que coidamos sobre o equilibrio natural e tratar de actuar conforme a unha sentencia: "Pensa globalmente, actúa localmente". Cada vez que un se pon a meditar sobre ela, atópalle unha nova aplicación, dende a ecoloxía á corrupción, pasando pola educación ou a paz. E, ¿neste caso concreto?. Todos podemos poñer o noso grao de area, non só esixindo de gobernos e empresas o control ecolóxico, senon mellor aínda axudando a producir menos contaminación. Dende apagar esa bombilla cando saímos da habitación , ou o televisor que non estamos a ver nin escoitar realmente, ate plantearse a utilidade real de moito alumado público que pasa a noite sen iluminar a ninguén e que pedimos que se poña, quizáis para protexernos. Pode que nos dous primeiros exemplos logremos un pequeno aforro de cartos e tamén que as bombillas ou televisor duren máis. No último, o aforro pódese empregar precisamente en preveer para que non teñamos que protexernos tanto e o mundo sexa un pouco máis agradable. Novamente, manter o equilibrio. É cousa de pensalo.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Molaba que cambiaras ao formato haiku. Polo ben da humanidade, digo.

Agremon dixo...

Non entendo moi ben o de formato Haiku. Pode que se refira ó de gracián, 'lo bueno, si breve, dos veces bueno?

torres dixo...

Eres paisano de don Leopoldo Calvo Sotelo