20060223

Chegou un amigo


    Hoxe para min a nova importante é que chegou un amigo. Ademáis, as novas da prensa, que o Concello renuncia á remodelación da parte central do parque, que os veciños de Ove gañaron un pleito ou que se van a remodelar con cartos relacionados co camiño Norte as r/ Deputación e S. Lázaro, foron as dúas primeiras xa dadas neste blog, e a última, actuacións nunhas rúas que realmente lles facía falta e non se comprende como non se actuou antes. Polo tanto, nada novo baixo o ceo.
    Si pido hoxe ISBN e Dep. Legal para un pequeno libriño cun CD sobre as casas caíntes, unha vez revisado. E sigo co da Feira da Ciencia, este ano na primeira semana de abril, 4 a 7, etc. é dicir, con proxectos persoais, que inclúen o facer un comentario da sentencia dos ruídos unha vez sexa explicada e firme.
--
    Un vello artigo, publicado o 12/6/96 en A Mariña /El Progreso:
    ¿Que vas facer con este papel?

    Imaxino que pasarás un rato leéndoo e logo o destinarás á basura, onde o máis probable e que quede por moito tempo. As cousas son así, e o periódico é efímero. Se pensamos na cantidade de basura que producimos e a comparamos, por exemplo, co noso propio peso, veremos que producimos e que levamos producido en xeral moita máis basura que o que somos na actualidade. Compréndese facil o problema das basuras: Non hai sitio para elas.
    A realidade pode verse nembargantes como moito máis complexa. Noutros tempos non se producían basuras en grandes cantidades. Hoxe estamos nunha época na que a producción de bens materiais se acrecentou moito, pero tamén, ano a a no, a cantidade de basura. Aínda é grande a porcentaxe de personas que lembra, por exemplo, o comprar o azucre a granel. O prestixio do envase, e a posibilidade dunha ganancia maior fixeron que eso xa non se vexa.        Por suposto, houbo outras causas como os alegatos á hixiene/sanidade, pero creo que non había moita mortandade por inxerir azucre en mal estado. Así as cousas, ¿cántos anos fai que non ves ofrecido azucre dese xeito?.
    Por unha banda, fóronse impoñendo os envases, ate chegar ás veces a situacións esperpénticas, como a do perfume nun frasco pequeno, metido nunha bolsa de diseño, envasado nunha caixa, envolta en papel de regalo, metida nunha bolsa para transportalo. Pola outra, o afastamento dun modo de vida achegado á natureza fai que cada vez podamos aproveitar menos cousas. É dicir, aumentamos o problema e diminuímos a posibilidade de solución. Con elo xurde unha dificultade engadida cara á búsqueda de solucións: o aproveitamento dos nosos propios residuos cada vez se vai máis da nosa esfera personal para pasar a ser de solución comunitaria e allea (léase "societaria" ou, tamén, "empresarial").E iste comentario é a nivel privado, familiar, sen metérmonos no mundo da empresa, onde se consideran outros aspectos en diferente grao, como a primacía do compoñente económico.
Nestas estamos, tratando de solucionar o problema con regulacións diversas que normalmente non son mui ben acatadas, ou son "puenteadas" de diversos xeitos polas empresas. No caso dos particulares altérnanse momentos de acatamento pleno con outros de auto-disculpa plena. Aplicando o principio de "a grandes problemas, grandes remedios", trátanse de buscar solucións globais, como no caso de Galicia. Chócame, dende o meu punto de vista de inexperto en basuras e/ou merda que se busque unha solución na que a base é incinerar para producir enerxía, e ademais dun xeito centralizado, a través dunha empresa participada por unha eléctrica.
    ¿Por que? Queimar destrúe recursos que costou aproveitar, centralizar implica transportar e algo patrocinado (=> subvencionado) por unha institución pública váise a destinar para ... ¿solucionar un problema?
    Pode que sexa algo lonxe da realidade pensar nesas obxeccións, ou noutras como a contaminación na mesma Cerceda (por certo, ¿cándo parará de "chover das Pontes" esa auga que deixa queimadas as plantas?). Eu mesmo penso que hai que deixar como boa a solución que os técnicos den por mellor. Pero hai veces que non me fío moito do resultado, como cando hai mezcla de política e economía. Ollo. Non estou a dicir que cheire mal esa unión, pero as cousas, claras, e, polo momento, eu non as vexo así. Ademais, cando o problema é complexo, como no tema das basuras, técnicamente pode haber ideas contrapostas nas que prime unha ou outra característica do proxecto, estando unhas e outras ben fundamentadas pero suplindo xubxectivamente lagoas no coñecemento profundo, científico do tema. Evidentemente, isto embrolla máis as cousas e as afasta da comprensión/decisión popular. Así, a xente non contamos con máis apoios nos que fundar a nosa decisión de rexetar ou apoiar o proxecto que os que dan os sentimentos ou, en todo caso de xeito posterior, o olfato, dando lugar a demagoxias de todo tipo, a máis do debate serio e consciente.
    Mentras, ¿hai unha campaña seria para reducir o problema, para reducir a cantidade de basura?. Non a vexo. Eso me fai dudar aínda un pouquiño máis da liña que se pretende seguir para buscar unha solución.

Ningún comentario: