20060216

As manchas son perigosas


O lixo non senta ben, cae mal. Neste caso, fai caer mal. A mancha de aceite que se observa na foto estaba pola noite do 14 á saída do parque, e o 15 pola mañá avisei: a noite anterior caera e xa veremos como vai a miña man a consecuencias da caída. Agora está algo cuberta con terra, non é probable que volva a caer alguén en consecuencia.
Ben, tamén a presentación coas fotos sobre inmobles en mal estado está en marcha. Repito: se alguén a quere, que a pida, por exemplo, cun comentario no blog: tardarei varios días, que non é cousa de que esté enviando unha a unha, máis logo irán.
chamoume ontes a atención nun xornal que saíra, a conta da instalación de uotro gran comercio, unha foto por detrás do 'Maxi' (xa non se chama así, pero coñécese así e así segue) con lixo na zona da vía. Como se non deixara vai tempo unha carta suxerindo a súa limpeza e non o puxera en varios sitios máis de xeito público.
As novas de onte son máis substanciosas que as insípidas de hoxe en ribadeo. Total, que se reúna alguén de omenrcio de Santiago cos pequenos comericantes non ten tanto sabor (ó mellor ten máis consecuencias, pero...) que que o alcalde diga que os EEUU non queren aclarar a morte de Couso, despois de novas e novas de prensa nese sentido.
Respecto ós ruídos, parece que algo se move... fóra de Ribadeo: dous locais dos que se queixaron' 32 veces... que teñan sorte.
--
E, xa que estamos previos ó antroido, unha lembranza do 97:

'Presentamos aquí o que foi o discurso do pregón do antroido 97, leído por D.Antonio Gregorio Montes o pasado día 7 de febreiro na sá de festas Rosa-Lar de Ribadeo... ¡boa lectura!

"O antroido do futuro"

Boas tardes.
"Actuar é un luxo que permite mostra-los sentimentos que de outro
xeito daría vergoña ensinar". É unha cita de Robert de Niro, que debe saber
abondo do tema, tomada dunha entrevista de "El Semanal" de 24 de novembro
do pasado ano 1996. A traducción ó noso caso podería ser: O disfraz de
antroido permite facer moitas cousas que en outro caso serían vistas con moi
malos ollos (aínda así o son moitas veces). Dito esto, ¡pechade a porta!. Que
ninguén escape.
"O bo, se é breve, dúas veces bo", en pluma de Baltasar Gracián. Do
que non é tan bo, non dí nada. Polo tanto, temede o peor, porque xa non me
vexo constreñido pola sentencia.
Parece que este ano son eu o pregoeiro do antroido. Por eso aquí
estou, disfrazado de entendido na materia, e tomando as medidas oportunas.
Estou sen toga nin birrete: todo disfraz ten os seus límites, e un deles púxeno
aí. Disfrazarme con roupa non me gusta especialmente, pero actuar xa é outra
cousa. E actuar é un xeito de disfrazarse. Dende logo, hai outros. Por exemplo,
¿alguén se lembra do antroido que viveu o Inspector Lupa?. Ese sí que foi un
bo disfraz, tanto cando andaba vendo os disfraces como cando non o facía.
Aínda non sei quen foi, e non me parece que o saiba moita xente.
Xa metidos en materia, ¿por que me elixiron para o pregón?.
É unha pregunta que me fixen. Tiña o dilema de contestarme a min
mesmo de varias formas. Unha resposta sería: "porque és un paiaso" (podería
engadrille despois, por exemplo, "pailán", e así queda mellor: "porque és un
paiaso, pailán"). Por contra, tamen podía contestarme: "porque és serio" (neste
caso, engadiría algo así como "home": "porque és serio, home").
Elixín o último, gustóume máis. Por eso mesmo me permito facer un
comentario como este aquí, diante de tanta xente. Eu considérome serio, e o
antroido é para que os serios, as persoas que non se permiten o saírse do seu
papel, podan rirse e oficiar doutra cousa, poñerse unha máscara. Eso me
moveu a aceptar.
Así, o que me quedaba era disfrazarme. ¿De que?. Pois de
prospector. Non de prospector en busca de petróleo, que por esta terra non
parece ter moito futuro, se non precisamente de analista de futuro. Do futuro do
antroido, claro. Eso é algo así como ser adiviño, pero con outro nome tentando
coller categoría.
O seguinte foi o preguntarme, ¿por onde pode comezar?. Polo
momento, e para mín, o antroido estivo a punto de ser por primeira vez
entroido: descubrín que a palabra que usaba, antroido, non viña nos
diccionarios. Así, estiven por deixar de empregala para ocasións serias, coma
esta. Nembargantes, entroido nunca a usei, carnaval decidín fai algún tempo
deixalo para a meseta, lugares lonxanos ou festas con outro significado, e
antroxu, Nalón arriba, cáeme moito máis lonxe. Por eso decidín deixar as
cousas como estaban: antroido, para os amigos.
Son serio, xa o dixen antes. Así lle dicía tamén ó protagonista maior,
o piloto, ó Pequeno Príncipe. Como o Principiño non calaba con esas lerias, e
quería saber, continuar vendo mundo, ir ó seu antoxo, a súa vitalidade conduxo
a unha obra literaria para todo tempo e idade. ¿Por que?. Porque a todos nos fai
falla evadirnos. E iso é o antroido. Evasión. A grande evasión. Ademais, como
na película os prisioneiros do campo de concentración son ó fin tristemente
cazados, e así remata a súa ilusión de liberdade, os antroidos tamén acaban a
tiro fixo. Vóltase á liberdade condicionada. Condicionada pola nosa historia,
os nosos coñecidos, compromisos, ... en definitiva, por nós mesmos.
Centrémonos na prospectiva do futuro do antroido: aí van algunhas
reflexións.
Un. Hoxe en día tómase como unha festa, e parece que non decae a
pesar de que a vida é, cada vez máis, carnaval. Quen non o crea así, que lea os
periódicos, vexa a tele ou fale cos amigos, aínda que sexa de fútbol. En todos
os rincóns hai carnaval. Nembargantes, ese carnaval pretende ser serio, non é o
noso estilo de antroido. Aínda así, é previsible que siga a extenderse
contrastando coas ideas do antroido que por aquí se levan.
Dous. En Venecia teñen o seu carnaval de luxo, onde todos queren
ser Dogos de seu (non cans, entendámonos, senón mandamaises). Por Río o
carnaval é movemento e lucimento da vitalidade (e doutras cousas tamén
vitais). Aquí o antroido é máis unha evasión adoitando outro rol e
ocultándonos como pícaros para facer trastadas e figurar como reis, por unhas
horas, do noso destino. Nembargantes, a idade, a era de inocencia, está a pasar
rápidamente. É unha incógnita se o noso antroido vai resistir esa falta de
inocencia que se está a incrementar aló onde un vaia. Moitas cousas van ter
que cambiar para poder superala. Nembargantes, feitos como que hoxe
estemos aquí fan manter a esperanza de que esta evasión pode seguir facendo
os seus efectos benéficos e festeiros por moito tempo.
Tres. Non hai tanto o antroido estaba, empero, cáseque "morto por
orde superior". Esa orde non puido con el e aquí estamos de novo. ¿Pode darse
novamente no futuro o caso dunha prohibición directa ou indirecta?. Non
estamos exentos dela, pero sería en balde, como o foi a pasada vez: a festa
continuaría, aínda que pode que desvirtuado un pouco o seu espírito pola
prohibición, ó estilo da "lei seca". Eso mesmo fará cuidarse ós mandamaises
de tentar algo parello, aínda que aproveitando as máscaras se produzan
algunhas mascaradas que infrinxan as normas do antroido, que tamén as hai.
Catro. Se miramos ós carnavales de Venecia, Río, Tenerife, ...,
mesmo os entroidos de Laza, podemos ver que todos van cara á grandiosidade,
cada un no seu modelo, cada un á súa velocidade. Ó mesmo tempo, seguen a
ser unha actuación. Nembargantes, a grandiosidade esixe uns xeitos e un
dirixismo que impide manter o sentido do noso antroido. Para vencer outros
medios vistosos de diversión e/ou enaxenación, que eso é tamen ó antroido, e
facelo ademais dun xeito inocuo, necesítase cada vez un espectáculo maior. É
inevitable, tal como eu o vexo. O antroido terá que ir cambiando para combatir
este efecto ou aliarse con el. A alianza significa máis cartos e unha certa
profesionalización, ó estilo deses outros lugares.
Cinco. Téntase conservar o de cada un, neste caso o noso antroido,
pero a profusión de medios que nos poñen en contacto con outros lugares van
pouco a pouco influenciando esta festa. Non é problema, porque hai carnavales
de todo tipo, polo tanto as influencias serán variadas. Esto, esperando que ós
americanos do norte non se lles ocurra a idea de facer un novo carnaval,
porque se non, Holliwood rematará non só co noso estilo de facelo, senon
tamén por facernos creer que se fixo sempre ó seu xeito. Esperemos asemade
que manteñan a data do seu Halloween ben alonxada da nosa celebración, so
pena de perder un combate do mesmo xeito que os Reis o están a perdendo
fronte ó Santa Claus.., e eso que son tres contra un.
As conclusións anteriores, se ben son as máis xerais, non son as
únicas.
Por exemplo, visto que non podemos igualar os disfraces sen roupa
que fan as ledicias dos e das turistas en Río, e tamén dos propios cariocas, é
previsible que nos busquemos e atopemos novos medios de calefacción para
que as máscaras con pouca roupa non sufran os rigores invernais.
Nacerán novas máscaras. É un fenómeno que xa se ven estilando
dende tempo hai, e que está lonxe de esgotarse: na variación está o gusto,
como dí unha frase que máis dun e unha coñecerán e practicarán có gusto
anunciado.
A electrónica escalará postos nas preferencias dos antroidos. O
mesmo que se vai metendo en casas ou bancos, non poderia facer unha
excepción con este fenómeno social. Xa vimos algúns artiluxios desa especie
outros anos, como luces ben amañadas e sincronizadas, pero é posible que non
sexa nada comparado ó que se aviciña.
Son previsibles outras incorporacións no desenvolvemento destos
días. O antroido permite o anonimato social, e ven potenciado por el. Hoxe en
día estánse a extender novas formas de comunicación que outorgan a
posibilidade do anonimato. Tendo conta destas dúas premisas, pódese concluir
que é probable que se incorporen novas formas de antroido, por exemplo, "a
distancia", do mesmo xeito que o 28 de decembro é algo extendido usar o
teléfono para gastar bromas, mentras que no século pasado, antes de facer das
súas o señor Bell, evidentemente non se podía.
Podemos observar tamén que as carrozas motorizáronse. É
previsible, co uso dun parque móbil máis extenso e variado, que esta tendencia
continúe, incorporándose á mesma aínda os disfraces individuais.
Un dos festexos precursores do carnaval era unha especie de circo
naval fai vinte séculos, como din algúns estudiosos do tema. Do carnaval, si.
Do noso antroido, dubídoo. Nembargantes, cara ó futuro, todo é que ó club
náutico lle de por ahí, e entón o noso antroido podería ser precursor de esa
proxección naval futura. É posible, e coa motorización e en xeral a
instrumentación actuais, máis fácil que noutros tempos. Habería que
preguntarlle á directiva do club se está pola labor.
O antroido é educativo. Seguirase a usar nos centros chamados
educativos para facer algunha que outra trastada, ó tempo ou a parte da propia
educación. É posible ademáis, dentro da política ministerial, a súa inclusión
como liña transversal no currículum escolar.
Falemos de cartos. Estamos a vivir tempos de privatización. Se se
pensa en privatizar a xestión de hospitais públicos, por exemplo, ¿por que non
o antroido?. Nese caso, ¿que se preparen as comisións a non recibir
subvencións?. O antroido, teña ou non subvencións, sempre foi público e
sempre foi privado. Sempre necesitou dun espíritu social para levalo a cabo,
pero sempre foron os particulares as máscaras. Pola privatización, poderá
cambiar algo o modo de financiamento, pero nada máis.
En canto ós premios... é bonito e atraínte para o turismo que os
disfraces sexan traballados, pero por ese lado é difícil competir con outros
carnavales. Nembargantes, a competencia é a competencia, e as leis do
mercado inflúen en moitos campos. Pode que o factor máis influínte no futuro
desenvolvemento dos premios sexa externo ó propio antroido: máis que a
privatización, a marcha da economía en xeral.
En relación a outro aspecto, fai pouco leín que "os carnavales caen
baixos este ano". Espero que non caian baixo máis que polo número que ten
asignado o día no que comezan, pois non é esa a tendencia aquí en Ribadeo.
Hai que lembrar, sobre esto das datas, que xa se produxeron algunha vez
noutra temporada: os chamados "carnavales de verán", e a eses si que lles
chamo carnavales. ¿Lémbrádesvos do que xa dixen sobre a economía do
antroido e as influencias externas sobre o noso?. É posible que esas festas
carnavalescas se incrementen, pero non penso que se lles deba chamar
antroido. Serán carnaval. ¿A influencia sobre o propio antroido?. Polo
momento, está a salvo, porque son influenciadas por el e non ó revés. Perante
cánto tempo, eso xa é máis dificil o dicilo e dependerá de moitos factores.
Pola sequedade da boca ven outra vez ós meus labios o dito de
Gracián: "o bo, se é breve...". Por aí, pola sequedade, penso que é cousa de ir
rematando. Queda para outra o tratar de imaxinar o futuro do antroido en
relación a outras moitas facetas. Como exemplo delas sirven a música ou o
sexo.
En fin, isto é a prospectiva: analizar tendencias para vislumbrar o
futuro. Eu, de calquera xeito, non me fiaría moito dunha prospectiva do futuro
do antroido feita por un disfrazado.
Aínda así, costoume facela. E teño que dicilo, porque é tamén unha
metáfora do antroido. Nestas datas, hai moito detrás: ilusión, traballo,
imaxinación, persoas... é algo matinado para vivir uns días máxicos antes que
chegue o momento de quitarse a máscara.
Ben, penso que os obxectivos das cousas débense definir ó principio.
Nembargantes, acordei definilo ó final, tras ve-las caras dos que me escoitan
hoxe: O obxectivo era sacar á luz o espírito do antroido. Espero haber axudado
a facelo, e con eso remato esta pequena perorata. Meu disfraz xa non vale, este
pequeno antroido xa se foi. Agora comeza o antroido de todos. O futuro que
mencionei xa chega. Vivámolo.
Antonio Gregorio Montes
Ribadeo, febreiro de 1997.'

2 comentarios:

Barón dixo...

Ola, a mín interesaríam botarlle un vistazo a esa presentación sobre os inmobles en mal estado do casco urbán. ¿Podes colgala no blog dalgun xeito para descargala?

Agremon dixo...

... teño necesidade do correo para envialas. Non caben (son 2Mb) ni o blog admite ese formato.