20051222

Pero, xa estamos no Nadal?



Non e si. Sorprende que os xornais leven xa días comentando o prezo das viandas de Nadal como a grande nova, ou a inversión en lotería (hoxe xógase e a xente xa avanza que se toca, non traballa, coa mentalidade de que os cartos son vida e o traballo é a escravitude para vivir), e ó tempo siga a vida normal. Vida normal que inclúe, en Ribadeo, a dimisión días atrás de Azucena González como concelleiro, as cábalas sobre a súa dimisión e quen será o substituto e tamén a orde do alcalde de pagar os incrementos de soldo previstos aínda que a cousa estea no xulgado e o convenio anulado. Vamos, cousas do alcalde, quen me ten dito, referíndose a el, 'fago que me sae dos ovos' (teño unha testemuña do dito). Parece que dos ovos, si, non da cabeza, ao menos tratándose dos cartos de todos. Despois de eso, non me estrañaría que se quedara tan campante tendo que indemnizar a Acuinor polo tema da piscifactoría en Meirengos se chega o caso.
Respecto á substitución de Azucena, por motivos persoais, coido que o seu substituto natural, Gonzalo Trenor, podería facelo ben. O caso é que está en Santiago. Xa cando se tratara de substituír este mesmo mandato a outra concelleira do PP correra a lista, e esta vez, na rúa, barállase de facer o mesmo. Xa será o que sexa.
As fotos, como as novas, de calma: da gardería (sen nenos, e polo tanto, na sombra), tomada dende unha nova terraza á que polo momento se pode acceder por un pequeno pasadizo dende a rúa Bós Aires, e, dende o mesmo sitio, sobre os tellados do Ribadeo vello, a Ponte dos Santos. 'Pronto' será reformada para dar lugar á autovía e teremos unha vista algo diferente. 'Pronto'...

Ningún comentario: